21/12/2018
Fernando Redondo gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio
A obra
Os amorodos de Bergman, de Fernando Redondo Neira resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2018, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Naturgy. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 21 de decembro de 2018, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela. O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano, amosa unha ollada do universo do cinema feita a partir dunha experiencia galega, a Asociación dos Amigos do Campo, que nas primeiras décadas do s. XX, recolleron no celuloide, paisaxes e momentos de socialización coa descuberta da natureza como contexto. O traballo sitúase no momento en que Galicia se abría ao Modernismo. Daquela, ten valor histórico, antropolóxico, semiótico, artístico e memorialístico desde unha posición filosófica e tecnolóxica que sitúa a Galicia nos albores da Historia universal da cinematografía..
Amplía a nova>>
20/12/2018
O Consorcio Editorial abre o portal de venda directa Voando Libre
A distribuidora comercial de produtos culturais Consorcio Editorial Galego ven poñer en liña un novo recurso de venda ao por menor. A páxina Voandolibre.gal ofrece diversidade de oferta nun catálogo que vai desde libros, banda deseñada e discos ata roupa, complementos, papelaría, xogos, etc. O novo recurso de distribución ofrece así unha vía de saída comercial a produtos feitos e deseñados en Galicia por varias empresas de diversos sectores do sistema cultural galego, nunha lista de provedores de produto aglutinadora que deixa ver unha panorámica transversal da potencia do feito cultural a nivel empresarial. Aproveitando a campaña de Nadal o Consorcio, que traballaba habitualmente a través de puntos de venda físicos en librarías e tendas, entra no actividade comercial da venda directa ao público. O portal ofrece pasarela de pago anticipado e tamén compra contra reembolso e garante a entrega final do pedido nun prazo máximo de 10 días. .
Amplía a nova>>
18/12/2018
Os festivais audiovisuais únense na coordinadora Proxecta
A Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, Proxecta, presentouse hoxe no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela ao tempo que publicaba a súa páxina web na que explican os seus pormenores. Proxecta nace despois de dous anos de traballo e parte dunha vella angueira do sector, apoiada desde a Academia Galega do Audiovisual polo seu presidente Carlos Ares e algunhas administracións coas que aspira a servir de interlocución para os problemas xerais do sector no país e para acadar recoñecemento, posta en valor e apoio á súa actividade. .
Amplía a nova>>
17/12/2018
Suburban Birds faise co premio de Novos Cinemas
Onte, domingo 16 de decembro, fechaba as súas portas en Pontevedra a terceira xeira do festival Novos Cinemas. O xurado internacional, composto por Paula Astorga, Manolo González e Eloy Domínguez Serén acordou outorgalle o premio á mellor longametraxe a
Suburban Birds de Qui Sheng, "por ser unha exploración audaz e luminosa, que retrata de xeito fascinante a transformación social, cultural e identitaria dunha sociedade a través da súa transfiguración urbanística". Canda a ela,
Un violento desexo de ledicia, de Clément Schneider obtivo unha mención especial. .
Amplía a nova>>
14/12/2018
Xacio Baño estrea a súa longametraxe Trote
Logo dunha exitosa carreira no circuíto de festivais,
Trote, a primeira longametraxe de Xacio Baño, chega hoxe ás salas de cinema. O filme, que contou co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais para a escrita do guión, o desenvolvemento e a xira por festivais, conta a historia dunha muller que vive nunha aldea do interior de Galicia. As tensas relacións coa súa familia, co pano de fondo da Rapa das Bestas, centran un filme que protagoniza María Vázquez. Unha ducia de salas de todo o país acollerán a estrea desta produción, que xa se puido ver en citas como Cineuropa, o festival de Locarno ou o de San Sebastián.
.
Amplía a nova>>
12/12/2018
'La Sombra de la ley' consegue seis nomeamentos nos premios Goya
A Academia de Cine ven de facer publica a lista de candidatos finalistas ás 33 categorías dos premios Goya e de entre eles buscamos a representación que o audiovisual feito en Galicia deixa nesta edición. Dous actores e catro producións aparecen nesa lista. Desde unha perspectiva de números destaca a película
La sombra de la Ley, dirixida por Dani de la Torre e co-producida por Vaca Films, por conseguir ata seis nomeamentos nesta edición, todos eles do apartado técnico. O filme protagonizado por Luís Tosar resulta finalista nas categorías de Mellor Música Orixinal; Maquillaxe e perruqueiría; Dirección de fotografía; Mellor Dirección artística e Mellor Deseño de Vestiario. Nas categorías de interpretación o sector galego ten en Luís Zahera e o asturiano-ferolán Javier Gutiérrez a súa representación. Mentres Gutiérrez aspira na categoría de actor protagonista ao que sería o seu terceiro Goya por
Campeones, o compostelán Zahera busca a súa primeira estatua como Mellor Actor de Reparto polo seu traballo en
El reino, produción revelación destas candidaturas con 13 nomeamentos..
Amplía a nova>>
10/12/2018
A Mostra de Curtas de Noia e o FIC Vía XIV de Verín premiaron o cine de formato curto
Dúas citas co formato da curtametraxe se estiveron realizando a pasada semana de xeito paralelo na nosa xeografía. Na vila coruñesa de Noia a veterá Mostra de Curtametraxes Vila de Noia celebraba a súa XIXª edición e pechaba a semana presentando o seu palmarés. No sur, na provincia de Ourense, Verín celebraba a terceira edición do seu evento internacional FIC Vía XIV, que tamén repartía os seus galardóns. Dúas citas simultáneas co formatos audiovisual de curta duración e que demostraron boa saúde cultural atraendo público e participación de cintas..
Amplía a nova>>
10/12/2018
O festival de cine de Ourense pecha a súa edición máis complicada con éxito de público
A complicada 23ª edición do Ourense Film Festival (OUFF) pechouse cun balance de asistencia considerado como un éxito polos organizadores e cun palmarés variado de 17 galardóns. Miguel Anxo Fernández, director do festival, sinalou que 8.316 persoas pasaron polo OUFF, 6.249 persoas asistiron as salas os 5 días de proxeccións, e, delas, o 70% votaron as películas da Sección Oficial, o que significa, na súa opinión, que “Ourense quería este festival e que o público tiña gran implicación”. Ademais, as 10 longametraxes en competición foron valorados cunha nota media de 3,5 nunha escala do 0 ao 5. A película mellor valorada fou
Capharnaum con 4,77 sobre 5. Na despedida e balance tamén houbo oportunidade para facer algúns avances da que será a seguinte edición, a 24. Fernández quixo lembrar que este ano o OUFF se puxo en marcha en tan só 7 semanas, cun equipo de unhas 20 persoas e un presuposto de 120.000 euros. A súa realización este ano chegou a estar en dúbida..
Amplía a nova>>
07/12/2018
A 3ª edición de Novos Cinemas estrea en Galicia 13 filmes e programa encontros e concertos
O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra Novos Cinemas cambia nesta ocasión de datas pensando no público. Así o contou Daniel Froiz, director executivo do certame, na presentación desta terceira edición que dará comezo o vindeiro martes e será case unha semana na que se poderán ver 13 filmes que son estreas en Galicia. O festival abrirase coa proxección de
Apuntes para una película de atracos, o último filme do cineasta Elías León Siminiani. Ademais, o festival continuará xirando arredor do seu eixo principal: os primeiros e segundos filmes de cineastas procedentes de todo o mundo, pero tamén cun oco especial para o noso audiovisual. Cineastas como Jaione Camborda, Eloy Domínguez, Eloy Enciso, Diana Toucedo formarán parte da programación e visitarán a cidade para proxectar ou conversar arredor das súas últimas obras..
Amplía a nova>>
03/12/2018
A curtametraxe sobre discapacidade auditiva 'C.O.D.A.' premiada en Chile
A produtora pontevedresa de contidos audiovisuais en Lingua de Signos IDendeaf ven de comunicara que a súa curtametraxe
C.O.D.A. , dirixido polo estradense Veru Rodríguez, de acadar tres galardóns e un recoñecemento no festival chileno South Film And Arts Academy Festival (SFAAF). Concretamente a produción, que conta unha historia arredor dunha nena con pais xordos que sufre acosos escolar, recibiu nas categorías de curtametraxe o premio ao Mellor guión, o de Mellor Actriz xoven para a súa protagonista Paula García e o de Mellor curtametraxe de temática de discapacidade. Ademais diso a peza tamén foi o terceiro Premio del Público en xeral do festival.
C.O.D.A. ( acrónimo de Children of Deaf Adults, Nenos de Pais Xordos) conta a historia de Paula, unha rapaza filla de pais xordos que vive entre dous mundos, o das persoas xordas e o das oíntes . O filme estreouse o pasado 19 de setembro no IIº Festival de Cine Sordo de Arxentina..
Amplía a nova>>