29/01/2019
A Agadic convoca as axudas a producións e coproducións audiovisuais
O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a convocatoria das subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, a liña de apoio ao audiovisual do país que conta con máis fondos. Como é habitual, a convocatoria achega dous millóns de euros repartidos en tres anualidades para desenvolver longametraxes cinematográficas de ficción, de animación, documentais, curtametraxes de ficción, animación e documenta e produtos para televisión. Os filmes poderán desenvolverse en réxime de produción e de coprodución, e as empresas interesadas teñen un mes de prazo para presentar os seus proxectos..
Amplía a nova>>
18/01/2019
A Agadic convoca as axudas ao talento audiovisual
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria desubvencións para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, que incrementan neste ano 11.000 euros a súa dotación e acadan os 156.000. A liña de subvencións apoiará un total de quince proxectos, seis de escrita individual do guión, que distribuirán 30.000 euros, outros seis para a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega cunha duración inferior a 60 minutos (36.000 euros) e tres para proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega, cunha duración igual ou superior aos 60 minutos, que repartirán 30.000 euros. As persoas interesadas teñen un mes para presentar as súas solicitudes a esta convocatoria.
.
Amplía a nova>>
16/01/2019
Dimite o equipo organizador de Redondela en Curto
Fernando Carreira
Cuchi, director do festival
Redondela en Curto acaba de presentar a dimisión do seu posto canda ao resto do equipo organizador deste evento. O cansazo, a falta de apoio das administracións e os problemas co interventor municipal están detrás, segundo recolle hoxe
Faro de Vigo dunha decisión que pon en risco a continuidade dun festival que celebraría esta ano a súa décimo quinta edición. Aínda que Carreira apunta o seu desexo de que unha nova dirección recolla o traballo, considera difícil, por cuestión de calendario, que se poida desenvolver a edición prevista para este 2019..
Amplía a nova>>
14/01/2019
Agadic aumenta o orzamento destinado a festivais audiovisuais
A Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia ven de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia para o ano 2019. Agadic destina este ano un crédito global de 170.000 euros, o que supón un aumento de 30.000 euros respecto á anterior convocatoria e manter a liña ascendente destas partidas que leva aumentando desde 2016 ininterrompidamente. Os festivais que aspiren a obter estas axudas deben ter a súa celebración entre o 1 de novembro de 2018 e o 31 de outubro de 2019, ter unha duración mínima de 4 xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións e que a programación proposta para a edición obxecto de axuda conteña un mínimo dun 5 % de títulos ou 5 sesións de produción cinematográfica galega e/ou dirección galega..
Amplía a nova>>
11/01/2019
As entidades locais e o sector profesional serán os máis beneficiados por 'O teu Xacobeo'
Xa se coñecía que o programa de axudas a proxectos socioculturais “O Teu xacobeo” ía estar dotado con dous millóns de euros e que ía consistir nunha convocatoria aberta de concorrencia competitiva a toda a cidadanía, agora ademais, grazas a un comunicado feito público onte pola Xunta de Galicia e do que deu parte a axencia Europa Press coñécese máis polo miúdo o futuro reparto deses fondos que sairán convocados nos vindeiros días e as súas características. As axudas se destinarán a proxectos de dinamización a realizar desde agora ta abril de 2020 e que estarán clasificados en cinco áreas : eido artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, deporte, eido social. A maior parte dos fondos se dedicará nesta xeira de axudas a proxectos presentados por entidades locais (concellos e deputacións), aos que se destinará ata 875.000 euros. As entidades privadas, xa sexan persoas físicas ou empresas, disporán de algo menos: 825.000 euros. Finalmente as organizacións sen ánimo de lucro, entre as que están todas as asociacións culturais, contarán con 300.000 euros para apoiar os seus proxectos dentro deste programa. .
Amplía a nova>>
11/01/2019
O Festival de Cans incrementa os seus premios de cara à XVI edición
Desde o pasado día 8 de xaneiro e ata o vindeiro 3 de marzo está aberto o prazo de inscrición para participar no XVI Festival de Cans. O evento, que se celebrará do 22 ao 25 de maio, amplía os seus galardóns e por vez primeira todos os premios contarán con dotación económica. Segundo adianta a organización do festival porriñés, destinaranse a esta fin 8.900 euros, o que supón un incremento de 1000 euros a respecto do pasado ano. Os premios á mellor banda sonora e premio dos veciños son os que incorporan dotación na nova xeira. A eles súmase a creación dun galardón que recoñece a mellor dirección de fotografía "nun xeito de estimular unha interesante xeración de profesionais que está a emerxer", segundo salienta a organización..
Amplía a nova>>
10/01/2019
A Deputación da Coruña inviste 3 millóns de euros en axudas culturais
Co comezo do ano a Área de Cultura da Deputación da Coruña acaba de lanzar as súas convocatorias de subvencións para actividades culturais. En concreto, a entidade fixo públicas o pasado día oito as bases de oito liñas de subvencións, seis delas dirixidas a entidades sen ánimo de lucro. En concreto, convócanse as axudas para investimentos e actividades de entidades sen ánimo de lucro, dotadas con un millón e 300.000 euros respectivamente. As destinadas a fundacións titulares de museos, centros de interpretacións ou bibliotecas contan con 465.000 euros, mentres os subsidios a corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato, suman 480.000 euros. .
Amplía a nova>>
04/01/2019
Chega aos cinemas Memorias de un hombre en pijama
Director, guionistas, boa parte do elenco, unha das tras produtoras e apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais.
Memorias de un hombre en pijama, a comedia de animación que chega hoxe aos cinemas conta cunha importante presenza galega, a comezar polo labor de Carlos Fernández de Vigo á dirección e de Ángel de la Cruz e Diana López Varela, que asinan o guión canda a Paco Roca, autor valenciano da BD na que se basea o filme. Canda a eles, fan parte do elenco deste proxecto intérpretes do país como Manuel Manquiña, María Castro ou Tacho González. A Axencia Galega das Industrias Culturais achegou 257.000 euros das axudas á produción a este proxecto que a produtora Ézaro Films comparte con Team Concept e Hampa Studio..
Amplía a nova>>
02/01/2019
Quiosco: Papeis da Academia 2018
A Academia Galega do Audiovisual acaba de presentar o seu anuario dixital
Papeis da Academia correspondente ao ano 2018. A publicación abre cunha reportaxe na que se repasa o papel de Pilar Sueiro, Marta Villar, Luisa Veira, Beatriz Legerén, Margarita Ledo e Encarna Alonso nos comezos do cinema e do audiovisua galegos. Unha conversa cos investigadores Marta Pérez, Isabel Sempere e Iván Villarmea, a entrevista cos actores Melania Cruz e Iván Marcos ou un repaso dos proxectos en marcha de cara a 2019 son outras propostas que se poden atopar nesta entrega..
Amplía a nova>>
26/12/2018
Gaitafilmes organiza o oitavo festival de curtametraxes M de Cine
Gaitafilmes, o colectivo-produtora do que naceu o aclamado filme
Dhogs no concello lucense de Meira, organiza un ano máis o seu certame de curtametraxes M de Cine, que se celebrará con diversas proxeccións entre os días 29 e 30 de este mes. O colectivo M de Meira, xunto co Concello da localidade impulsan por oitavo ano esta iniciativa de Gaitafilmes, colectivo liderado polo premiado director Andrés Goteira. Este ano o certame contará por vez primeira cun xurado profesional para dirimir o seu palmarés, que estará composto por Aser Álvarez, Sonia Méndez e Carlos Blanco. Este certame foi o leixido por Gaitafilmes para presentar as primeiras imaxes de
Dhogs o pasado ano, previamente á súa estrea en festivais e ao seu clamoroso éxito nos Premios Mestre Mateo..
Amplía a nova>>