Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Subir o volume e abrir a fiestras

Subir o volume e abrir a fiestras

MISCELáNEA | maio 9, 2007

Imprimir

Do mesmo xeito que noutros ámbitos da nosa cultura, tamén a industria musical está a se implicar nos últimos anos na difusión exterior dos seus produtos. A coincidir coas iniciativas políticas neste sentido, os analistas coinciden na necesidade de exportar para garantir a viabilidade dunha industria cultural. Botamos un ollo sobre como estamos a botar a música para fóra.

Coa promesa de ser un punto de inflexión no proceso de proxección exterior da música, o pasado mes de xaneiro presentábase a marca "Galician Tunes. Music in action" coa que os produtos da industria sonora do país participaban por primeira vez na prestixiosa feira MIDEM en Cannes. Esta iniciativa, promovida pola Xunta a través do Instituto de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), quere ser un primeiro paso cara á constitución dunha marca común para esta produción. "Ao haber unha marca que che sitúa no mapa cultural é máis sinxelo relacionar os produtos e facer que esta participación non sexa illada e se vexa coma o contínuum dunha industria cultural que está a producir", explica Olga Nogueira, responsable de proxección exterior no IGAEM. "Penso que a música galega ten un lote de oportunidades, o punto máis problemático é a creación e a consolidación da marca. Polo momento a resposta que estamos a ter é moi boa".

Propostas privadas
De xeito paralelo, desde a Lonxa Cultural, distribuidora galega de música que está estes días de estrea, tiñan clara tamén a necesidade de desenvolver propostas neste sentido e estaban a traballar a marca Galician Sounds. "Foi unha forma de lle chamar a idea de reunir baixo ese selo toda a produción galega", explica Óscar Domínguez, responsable do proxecto. Ante a iniciativa da Xunta "paramos un pouco todo isto, aínda non sabemos ben o que vai pasar. O tema é que se pode chamar como sexa, pero a idea é aglutinar toda a música galega". Canda a isto, Lonxa Cultural ten clara a necesidade do traballar o mercado externo. "Temos un departamento de vendas no exterior e contactos con Grecia, Alemaña, Reino Unido, Francia ou Xapón. En moitos casos son almacéns que buscan por eles mesmos os produtos, e que agradecen ter un catálogo onde poden contar con diferentes selos e no que lles explican os produtos". Coma eles, diferentes discográficas aproveitas estas canles e Internet, para acadar unha presenza que non deixa de ser marxinal dentro das súas contas.

Pioneiros
En xeral, a proxección exterior dos traballos das nosas discográficas é relativamente escasa. A difusión mediante circuítos especializados, sobre todo no campo do folk, supón a principal vía de visibilidade. De calquera xeito non se pode dicir que isto desanimase nos últimos anos as empresas do sector, . "Hai que recoñecer o labor que moitas empresas e artistas están a facer desde hai anos", apunta Nogueira. "Moitas delas participaron en feiras con stands propios, pero había mercados aos que non tiveran acceso porque para unha empresa en solitario era complicado. Tamén hai artistas que xa traballaron en festivais internacionais e en todo tipo de foros, e isto axuda moito a afianzar a música galega no exterior". Os concertos, centrados sobre todo en ámbitos coma a música celta ou a world music, foron as principais vías polas que se desenvolveron estas propostas, que, segundo explica Nogueira, "eran cousas puntuais que dependían ao mellor de o artista coñecer un programador e que lle gustase o disco".

A explosión folk
Este panorama de escasa difusión internacional da nosa música pode sorprendernos se pensamos na extraordinaria sona que acadaban fóra do noso país, hai uns anos, diferentes artistas folk galegos. "Este bum estaba comandado por multinacionais que viñan, levaban o artista e creaban un tipo de moda. Isto crea expectativas pero non artella unha industria musical", lembra Óscar Domínguez. Fronte a esa situación, no panorama actual desenvólvense, de xeito parello aos traballos de difusión, iniciativas coma as redes de concertos ou a creación de colectivos sectoriais dentro do ámbito musical (intérpretes, salas de música ou discográficas). Estas propostas pretenden acadar unha estruturación interna da industria ata agora inédita. Segundo explica Nogueira a falar da situación actual, "case mellor que agora non haxa un bum, porque os bums acábanse. O importante é que se vaian construíndo estruturas sólidas que permitan que se asente o futuro e que non sexa todo bombas de palenque".

A necesidade de fóra
Ante a avalancha de promoción exterior que semella achegarse, podemos preguntarnos ata que punto cómpre para a nosa música saír de cara ao exterior. Aínda que as cifras de venda son relativamente boas no noso mercado interno, Nogueira advirte de que "iso é un falso amigo. Un artista galego podería sobrevivir só co que vende en Galicia, pero logo vemos que hai moi poucos profesionais. Entón é absolutamente necesario abrirse fóra e buscar novos mercados, comezando polas vías que xa funcionan, coma o world music ou a música celta".

Futuros xerais
En xeral, as expectativas son boas, e semella que o noso panorama musical promete mudar radicalmente nos vindeiros anos. De cara ao futuro próximo, Nogueira ve "marabillosamente a música galega, a grande diversidade que se ve hoxe en día semella algo imparable, con propostas artísticas e empresariais que van a por todas. Segundo eles mesmos din, dispostos a lle asomar os dentes a quen faga falla". Coincide con esta perspectiva optimista Óscar Domínguez, que non deixa de facer un chamamento ao esforzo dos implicados no sector. "É incrible que unha potencia musical como somos nós aínda fósemos por primeira vez ao MIDEM este ano. A nivel de difusión externa a xente quere saber qué se está a facer en Galicia, Mercedes Peón por exemplo é a diva do world folk e iso é un luxo. O que pasa é que como industria non estamos á altura da calidade dos nosos artistas. Cada un no seu posto debería aspirar a facelo tan ben como o fan os músicos", completa.

Futuros concretos
Polo momento mantense o programa de apoio a grupos e empresas galegas. "Este mes de maio saíron as axudas para xiras de artistas galegos", lembra Nogueira. "E xa antes de que saísen había moitas propostas enriba da mesa, con artistas que tiñan xiras en contextos pouco habituais, coma Oriente Medio. Pensamos que con estas axudas e co seu traballo pódese conseguir a apertura de novos mercados". De cara o futuro inmediato, as vindeiras citas son os festivais Popkomm de Berlín, en setembro, e o WOMEX de Sevilla, un mes despois. "Como novidade, no Popkomm haberá por primeira vez artistas galegos incluídos no programa, cando menos dous. Parécenos importante que ademais de ter un posto tamén poidamos achegar os artistas a estes eventos", explica Nogueira. "Despois no Womex tamén estamos a facer un esforzo na representación, porque o sector recoñece que esta é a feira de referencia para a industria musical galega". Aí se está, a atronar os veciños.