Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Galicia tamén ten a súa canción
Galicia tamén ten a súa canción
febreiro 9, 2007
“Unha canción á altura do intre histórico, unha canción nacida para desacougar e alumear: unha canción para acadarmos conciencia dos nosos problemas reais”. Estas foron as palabras coas que un 30 de marzo de 1968 se organizou un Concerto na Escola de Peritos Agrícolas de Lugo. Malia a prohibición, foi a primeira vez que o galego subiu a un escenario. Nacía así a “Nova Canción Galega”.
Todo o mundo escoitou algunha vez falar da “Nova Cançó”, o movemento musical xurdido en Cataluña e que tivo en Raimon e en Joan Manuel Serrat os seus máximos expoñentes. En Galicia non houbo un “Al vent”, nen un “Som”, nen moito menos “Ara que tinc vint anys” pero si un grupo de estudantes que pensaron ¿e porque non en galego? E iniciaron o que despois se chamaría a “Nova Canción Galega” e que supuxo a dignificación da lingua a través da música.
Un achegamento á música galega
Que mellor forma que describir o que era a “Nova Canción Galega” que con cancións. Vicente Araguas, un dos partícipes do movemento “Voces Ceibes” repasa con Culturagalega.org este movemento a través da música. “Eu escollería de Miro Casavella dous poemas musicados por Xoán Manuel Casado, un “Meu carriño”, que é un poema de Ramón Cabanillas, e o “Meu País. De Benedicto, “Un home”; de Xavier González, que musicou ben a Celso Emilio Ferreiro, escollería o “Monólogo do vello traballador”. De Bibiano “Aquí entramos nós” e se podo escoller unha miña sería “O Camaleón”. Son cancións que lembran máis de corenta anos e que vislumbran algunha das características do movemento.
Antes do nacemento do que se chamaría a “Nova Canción Galega”, no noso país pervivíu a música popular a través do folclore. “Foi o que axudou a manter a lingua viva”, asegura Vicente Araguas que non dubida en dicir “pero a cousa tiña que coller uns aires novos. Había que facer outra cousa”. E os primeiros intentos chegaron a través dos Tamara, pero houbo un grupo que consideraba que había que crear algo de maneira lóxica e coherente, iso si, vencellando ao punto de partida previo que era o folclore. Penso que xorde aí, desta maneira e toma como modelo coa “Nova Cançó” catalana, que a partir das raíces fai a renovación. “Aquí non había a canción lixeira que lle serviu a xente como Bob Dylan, por apuntar o panorama internacional, a electrificar cancións populares. Nós non chegamos tan lonxe, pero tiñamos conciencia de que había que dar un paso adiante para chegar a outro público”
O punto de inicio
O paso adiante chegou o 26 de abril de 1968, no concerto de “Voces Ceibes” en Lugo. En todo caso, Vicente Araguas cre que o ruxe-ruxe comezou un pouco antes “no ano 1967, cando houbo un concerto de Raimon que marcou un fito moi importante. Entre outras cousas, porque a “Nova Canción Galega” foi a remolque da “Nova Canço”. E veu por aquí a cousa”.
Aquel concerto tivo un gran seguimento con máis de tres mil persoas malia estar prohibido. “Os primeiros sorprendidos polo éxito fomos nós” asegura Vicente Araguas quen cre que en parte se debeu “por un ambiente moi politizado nunha época na que había unha certa tendencia á provocación”. O concerto non tiña permiso e foi organizado polo coñecido Sindicato de Estudantes e, por outro lado hai que ter en conta que se produciu no reitorado de Don Angel Jorge Etcheberry, republicano a quen lle fusilaron un irmán no Morrazo despois da Guerra Civil. “Foi un movemento moi seguido, explica Vicente, os cantantes-protesta eramos un pouco a expresión de todos que fomos sorteando malamente a censura. De feito, eu recordo un recital no que só se permitiron só tres cancións e tivemos que improvisar e repetir a mesma canción en numerosas ocasións. Nese concerto repetimos ata cinco veces “Ad nasueam”.
“Naceu con conciencia pero tamén a golpe de intuición e a golpe da marcha, explica Vicente, o que está claro é que os que comezamos a facer o grupo eramos xente de esquerda, xente liberal, xente disposta a abrir, chuzar e a darlle caña á dictadura”.
As características
Hai varios trazos que definen este movemento. En primeiro lugar, que saíu a remolque da “Nova Canço” catalana. Vicente Araguas recoñece que “de alá chegaron moitas cousas e nós andamos sempre a remolque”. A diferenza do que aconteceu en Cataluña, en Galicia non houbo un apoio estruturado. “Daquela aquí había que estar na misa replicando e estaba todo por facer”. Da “Nova Cançó” saíu xente como Serrat ou Lluis Llach pero en Galicia non houbo unha figura sobranceira. “É curioso pero o máis destacado é un home que non fai canción comprometida aínda que canta en galego como foi Andrés Dobarro. Eu valoro positivamente o traballo de Andrés Dobarro”.
En segundo lugar, a Nova Canción Galega non era comercial. “Tiña que ter contido e había de darlle importancia aos textos, explica Vicente Araguas, creo que hai un problema da nova canción ademais do meu caso e o de Bibiano, todos os textos estaban inspirados en poetas. Creo que houbo un abuso de tirar da literatura en lugar de intentar crear un mundo propio”.
Por outra parte, Alfredo Conde, Salvador García Bodaño, Lois Diéguez foron algúns dos nomes vencellados a este movemento. “Andrés Dobarro non se incorporou ao carro do galego porque andamos nós por aí, explica Vicente, senón que empezou mesmo antes. Aínda que tamén é certo, que si se puxo de moda cantar en galego. Por exemplo, Juan Pardo si que non me merece respecto ningún, acabou cantando no noso idioma e este foi o que se sumou ao carro”.
O lento esmorecer
“No ano 1972, cando fomos rematando as nosas carreiras, chegou o momento de pensar se había que profesionalizarse ou dedicarse a outras cousas” explica Vicente. Ademais, neste momento xorde Milladoiro, aparece Rodrigo Romaní, despuntan “Fuxan os ventos” e houbo un intento de fusión de toda a xente que estaba a crear en galego. “Ademais, explica Vicente, hai que ter en conta que “Voces Ceibes” é un conxunto moi etéreo e xa non tiña moito sentido que permanecera. Era un grupo dentro dun supergrupo. Iso por un lado, tamén é certo que morto Franco houbo un par de anos interesantísimos para os cantautores que despois foi desaparecendo. De feito, en Galicia non quedou cantautor ningún, agás Miro Casabella que fixo algún disco”. Pero non foi só en Galicia, senón tamén en todo o país. Na opinión de Vicente Araguas “quedaron cinco ou seis, os máis interesantes como Victor Manuel, Joan Manuel Serrat, e algún outro que veu despois como Pedro Guerra ou Ismael Serrano”.