Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Co Nordés nas velas
Co Nordés nas velas
xaneiro 31, 2007
Sen dúbida este Nadal houbo un nome que brillou con forza nos mercados discográficos do país. "Nordestin@s", o disco que reúne a Abe Rábade, Ugia Pedreira e Guadi Galego entraba entre os cen máis vendidos do Estado, con setecentos exemplares semanais. No entanto, os músicos que participan neste disco manteñen proxectos paralelos que, con menos sona, acadan tamén respectables cifras. ¿Por qué non son tamén nova?
Vender 2000 discos en tres semanas non é algo que aconteza a miúdo nun mercado discográfico cativo coma o noso. Non nos debe estrañar entón que "Nordestin@s" (Falcatruada, 2006), o lanzamento que facían en decembro de 2006 as voces tradicionais de Ugia Pedreira e Guadi Galego co músico de jazz Abe Rábade ocupase boa parte dos espazos informativos co seu éxito. Pero, ¿que tiña Nordestin@s para funcionar así?
A implicación artística
Evidentemente, falamos dun produto cuns méritos artísticos recoñecidos de xeito unánime, o que explica en boa medida o ben que se vende. "Posúe a máxima calidade que podemos ofrecer", explica Guadi Galego. "Ten un compoñente tremendo de complicidade e empatía cunha temática (a mariñeira) e tamén a nivel persoal", completa. Tamén Abe Rábade destaca a implicación dos tres músicos no proxecto: "Na miña opinión Nordestin@s é unha formación chamada ao éxito simplemente porque cumpre a función de ser un proxecto mimado e amado polos seus tres compoñentes dun xeito tan especial que só faltaba que non trouxera éxitos e alegrías". A completar esta idea, Ugia Pedreira salienta que "é un disco tremendamente caseiro. Ten un repertorio que se comparte en moitas vilas mariñeiras e méteseche na casa".
Cuestións de mercado
Para alén do puramente artístico, a proposta de fusión en que se basea o disco pode estar relacionada co seu éxito, segundo sinala Ugia. "Por unha banda ten o público ao que lle interesa o jazz, e pola outra o dos amantes da música tradicional. Fixemos unha fusión natural que lle pode interesar aos dous públicos". No entanto recoñece que "é moi difícil saber os ingredientes a mesturar na cocteleira. E logo está o público, que son ondas marítimas". A achegar algunha outra chave sobre a receita, Guadi sinala que "en certo xeito é algo circunstancial, déronse todos os ingredientes. Tamén estamos nun bo momento musical para as voces". Ao tempo, non esquece a importancia das datas nas que se lanzou o produto. "A campaña de Nadal é a máis importante en Galicia para o mundo do disco. É o momento en que a xente agasalla música. Ademais, aínda que é triste dicilo, é cando o público está concienciado e, de xeito anecdótico, merca música galega". Pola súa banda, Ugia amósase algo máis optimista: "Quero pensar que cada vez hai máis xente nova á que lle interesa o que se fai aquí e merca os discos". Para Abe Rábade, á súa vez, "o disco de Nordestin@s é de entrada un disco moi galego que ten todos os boletos para cumprir en Galiza pola temática, por quen somos os seus tres compoñentes e polo xeito no que se difundiu no país".
O éxito silandeiro de Marful
"Penso que Nordestin@s conseguiu tanto éxito coma o resto dos grupos", apunta Ugia a desmitificar en certo xeito a idea do bum desta proposta. Para o demostrar, están as cifras de vendas do primeiro disco de Marful, a formación paralela que mantén, con outros compañeiros, a directora do Conservatorio Folque de Lalín. "Está a funcionar moi ben, é un disco de culto cun público que nos entende perfectamente e sabe o que queremos expresar. Véndese moi ben e moi a modo", sinala. De calquera xeito, o CD está a piques de tirar a súa cuarta edición, o que supón que desde a súa saída en maio vendeu máis de 4.000 exemplares. Ademais de levar o premio ao mellor disco galego do ano da man dos ouvintes da Radio Galega, o que ten mérito se temos en conta que foi practicamente unha autoedición dentro do selo "Producciones efímeras" e que a distribución en Galicia foi por un circuíto alternativo. Librarías, centros de ensino de música e, sobre todo, bares, canalizaron este lanzamento. No exterior si que contou cunha distribución máis normalizada, "tivemos distribución en Xapón, Alemaña e Austria e estamos a mirar en Francia, para nós é algo alucinante", explica. "Quizais o produto non é tan visible porque non hai detrás unha discográfica que o amose", recoñece como factor diferencial entre os comportamentos mercantís de Marful e Nordestin@s.
Xogar en varias divisións
Guadi, pola súa banda, tamén salienta que "Espido", o disco que lanzou hai xa un ano con Guillermo Fernández, está a funcionar ben. "As cifras son moi boas, tendo en conta que o sacamos nós mesmos e fixemos toda a promoción e todo", explica. Neste tempo foron 3.500 exemplares, o que, para esta vocalista, "está moi ben, sobre todo tendo en conta que a grande maioría se vendeu no país. Fóra a distribución non é tan boa e despachouse moito menos". De novo estamos a falar dunha proposta que ten en bares, locais e "tendas de amigos", boa parte da súa distribución, aínda que tamén está localizable en establecementos convencionais dedicados á música. Desta volta, acadaron o segundo premio ao mellor disco no certame "La Opinión". O outro proxecto no que participa esta cantante, o celebérrimo conxunto Berrogüetto, desenvólvese nunhas magnitudes ben superiores. "Son moitos anos e o grupo xa ten unha andaina. Xa estivo no bum do folk e sempre queda aí algo", explica. "Non sei a cifra exacta pero leva máis de seis mil exemplares" do último lanzamento, "10.0", que saíu tamén en maio.
Os trunfos agochados do jazz
Por se fose pouco, tamén Abe Rábade ten no mercado unha proposta paralela a este proxecto. "Playing on Light" é "un disco de jazz contemporáneo con todas as virtudes na escala do transcendental e defectos na escala do inmediato que poida ter", explica o autor. En todo caso, o traballo despachou 1.500 copias desde o seu lanzamento, (unha vez máis en maio de 2006) e que prepara a súa segunda edición. O proxecto, distribuído pola empresa especializada en jazz Karonte, está a chegar mesmo a mercados internacionais. Coma os outros traballos dos membros de Nordestin@s, tamén este proxecto levou o seu galardón. "Foi elixido como mellor disco de jazz de 2006 por sete críticos vencellados á revista `Cadernos de Jazz´", explica Rábade, "estou moi contento do seu percorrido".
Proxectos triples
En xeral, os tres membros de "Nordestin@s" adiantan que os concertos deste proxecto, canda os das súas propostas paralelas, cubrirán a súa actividade os vindeiros meses. "Quero tocar con Marful e Nordestinas o máis posible", explica Ugia. "Con Marful temos o salón de baile o nove de febreiro na Coruña e o 23 en Vigo", unha proposta na que, ao grupo en si, engádese a colaboración de músicos e bailaríns. Tamén Abe Rábade ten unha completa axenda de concertos. "En Marzo estarei co cuarteto do trompetista Raynald Colom en Alemaña unha semana. Despois gravaremos o seu disco. Tamén estarei ultimando a producción do meu quinto traballo discográfico como líder. Esta vez será a septeto coa colaboración de dous músicos de New York, Alan Ferber no trombón e Miguel Zenón no saxo alto. Á parte diso sigo activamente na programación que leva a cabo o Seminario Permanente de Jazz". Case nada, desde logo. Pola súa banda, Guadi adianta que "vou acabar de consensuar a miña vida artística para tentar cadrar todas as datas. Despois Deus dirá, non sei a qué me meterei". De certo ha ser algo de éxito.