Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Bótalle sal
Bótalle sal
agosto 23, 2006
Salasón (Rúa Lirio, 30) non é só o novo local de Cangas, é unha cafetería, un lugar de concertos, un punto de encontro cultural.... É un proxecto coa música como telón de fondo que non deixará indiferente e que chega cargado de boas intencións.
Abriu as portas a semana pasada e a súa acollida foi moi boa pero unha das cousas que máis lles sorprendía á xente, segundo nos contaba Luís Juncal, un dos seus promotores, era a propia luminosidade e a súa acústica. Precisamente este é un dos aspectos nos que máis incidiron os promotores desta curiosa cafetaría-sala de concertos e proxecto cultural, onde a música é o fío de conexión. Salasón era antigamente un local onde os mariñeiros gardaban barcas e no que facían salazón. Ese pasado supura polos poros dun local que levou case dous anos de traballo ata acadar a forma que agora ten.
A xénese
Os creadores e alma máter de salazón teñen, dunha ou doutra maneira, algo que ver coa música. Uns son profesores de música de conservatorio, outros de secundaria pero todos teñen a música case como razón de ser. O seu carácter dinámico vén de moito atrás, cando formaron unha asociación musical de caracter non lucrativo “Quórum musical” na que constituíron un grupo de cámara grazas ao que viaxaron por todo o mundo.
Malia que polas súas respectivas profesión non puideron seguir activos como grupo de cámara, levaban dentro o prurito da música e buscaron unha nova forma no que alentar a outros grupos musicais. Luís, un dos catro artífices de Salasón, conta que “hai dous anos decidímonos a poñer en marcha un local que servise de encontro da cultura en Cangas e, ao mesmo tempo, fose un trampolín para músicos novos que, ata o momento non teñen moitos lugares nos que amosar o seu traballo”. De aí que a acústica fose un dos aspectos nos que prestar unha maior atención nos traballos de acondicionamento do local que sen perder o seu espírito, serviu para amoldarse ao novo proxecto. Unha idea que non está inspirada en ningún modelo porque Luís recoñece que “non coñecemos ningún local Galicia nin no resto do Estado que teña estas mesmas características”.
Moito máis que unha cafetaría
Luís asegura que “o que pretendemos facer é que sexa un punto de encontro”. E para iso rehabilitaron un local que ten un apartado de cafetaría e un espazo para facer actuacións en directo “acondicionado cun piano de cola, preparado para concertos e mesmo para gravalos”. Pero é moito máis ca iso, ten tamén un clube de viños porque “outra das partes que nos interesa potenciar e dar a coñecer a cultura do viño”. Non se trata só de dar a coñecer os caldos galegos senón tamén os portugueses porque, como o propio Luís di “a xente non sabe moito deles, aínda que isto é cuestión de tempo”. Coa axuda dun asesor farán catas de viños mensuais pero puntualiza que “non serán as típicas degustacións que consisten en probar o viño, senón que pretenderán explicar as súas características e ofrecer máis información”.Para iso xa teñen contactado con adegas galegas e portuguesas e en breve poñerán en marcha esta dimensión do seu proxecto.
“Outra cousa que temos, continúa explicando Luís no seu repaso pola funcionalidade de Salasón é que, ademais do local en si, temos un obradoiro de recuperación de instrumentos oficiais”. De momento neste taller repasaron instrumentos de vento, metal e vento-madeira e, en breve tamén o farán de corda. Un obradoiro que reforza o carácter musical deste proxecto que non obvia outras funcionalidades culturais, xa que como “dispoñemos dunha sala totalmente baleira para poder facer calquera cousa como cursiños, conferencias, presentación dunha empresa...”
“Nestes momentos debido ao atraso nas obras non temos completamente ultimado o programa cultural para o outono, pero a nosa intención, explica Luís, é facer programacións para dous ou tres meses, coas que darlle vida á zona monumental de Cangas”.
En conexión
Salasón é un proxecto ambicioso que non quere quedarse como unha mera iniciativa local, por eso mesmo, non é estraño saber que están en conversas, para facer no futuro un circuíto desde Portugal ata Irlanda. “Sería interesante, explica Luís, poder facer unha ruta que una localidades como Porto, Cangas, Santiago e algún lugar do sur de Irlanda ou de Inglaterra”. De momento están a mover as primeiras fichas para que a conexión entre diferentes locais da fachada atlántica sexa unha realidade e Salasón trascenda máis alá das súas fronteiras.