Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Ver o festival por detrás

Ver o festival por detrás

MISCELáNEA | agosto 21, 2006

Imprimir

Festa do Esquecemento, Romaría Vikinga, On&Off, Curtocircuíto, Revoltallo, Xociviga... son os nomes dalgúns dos festivais que podemos ver estes días en Galicia. Eventos que duran de tres días a un mes pero que levan por detrás moito traballo de organización e xestión que se iniciou incluso con anos de antelación. Levantamos o pano para ver como profesionais e afeccionados se encargan de facer que non pare a festa.

Rubén Otero é o presidente da Asociación Xuvenil de Valladares e un dos principais promotores de que neste barrio vigués cada verán non falte “Revoltallo”(14-20 de agosto). Un festival levantando a base de vontade, moito traballo e, como di o propio Rubén “ de quitarlle moitas horas aos amigos, ao sono e a outras actividades”. De feito, nas semanas previas a que se celebre o festival, Rubén e as outras dez persoas que están por detrás deste festival, reúnense unha media de cinco horas ao día para ultimas os flocos, é dicir, contratar o equipamento, controlar o proceso, pegar carteis... todo, en resumidas contas.

Revoltallo é un festival que dura unha semana (de luns a domingo), que tanto ofrece un desfile de moda (sesión inaugural) como concertos temáticos (“Día Maketón”, “Día Novas Tendencias”, “Día Metal Extremo” ou “Día Pop-rock”), o que dá unha idea da cantidade de traballo que hai por detrás. De feito, Rubén asegura que “aínda non empezara esta edición (que vén de rematar con grande éxito) e xa estamos facendo contactos e traballando para a seguinte”.

Hai que ter en conta que Revoltallo conta con 13 edicións, o que significa, en palabras de Rubén, que “boa parte do camiño xa está andada e xa temos moito traballo feito”. Na súa opinión isto fai posible que a xente poida gozar dunha semana de concertos completamente de balde. Entramos entón no tema económico, porque para poder sufragar o custe deste festival, a asociación xuvenil ten que bregar con diferentes frontes. “Temos que xestionar as axudas do concello, da Consellaría, do Xacobeo e cuestión de moverse moito, implicar aos veciños, a lugares de movida, a pequenos comerciantes”.

“O agradecemento da xente fai que todo o esforzo realizado merece a pena” asegura Rubén, que tampouco ten reparos en afirmar que son moitos os atrancos. Algúns previsibles, como algunha cancelación de última hora ou algún contratempo co tempo e outros imprevisibles dos que teñen que botar man da imaxinación para poder saír adiante.

Un punto de vista profesional
Ao lado de iniciativas levantadas a base de grandes dotes de voluntarismo existen empresas profesionais que se encargan da xestión deste tipo de eventos. É o caso de Goomer Producións que se encarga principalmente de espectáculos musicais, pero que tamén pode facer outro tipo de eventos. De feito, acaba de poñer en marcha “On&Off” o festival de curtametraxes que tivo lugar en Ribadeo. Un evento que segundo nos explica Goomer, o responsable da empresa, “ten unha organización bastante traballosa porque conta con proxeccións ao aire libre, gravacións nas rúas, unha gala e diferentes actividades”. O propio Goomer explica que cada festival é un mundo e as necesidades e os obxectivos de cada un deles marcan os ritmos de produción, por iso non se pode xeneralizar.

“Organizar un festival, resume Goomer, significa que todo este a punto no momento que o espectáculo ten que comezar”. E claro, iso supón solucionar desde problemas de intendencia como buscar aloxamento para a xente que actúa no festival, como pedir permisos á policía e ao concello para poder ocupar as rúas e regular os cortes de tráfico ou planear a montaxe. “En todo o tempo que levo dedicándome ao campo da produción, explica Goomer, unha das cousas que me resulta máis complexa é organizar as probas de sons nos concertos que teñen máis dunha banda; porque sempre hai atrasos, porque son moitos fíos os que hai que tecer ao mesmo tempo”.

“Nunha produción sempre hai multitude de problemas e hai que ir resolvendo no camiño e hai que ter un plan B e un plan C, explica Goomer, e sempre tendo coidado para que a xente de fóra non o saiba”. Agora ben, pola súa experiencia ten claro que hai producións máis complicadas ca outras, pero sempre teñen un punto común que é o tempo. “O tempo non perdoa e, aínda que esteas en agosto pode chover e tes que buscar solucións no último momento, cubrir o escenario con plásticos, procurar que non se lle mollen os instrumentos e todo isto actuando con rapidez e dilixencia”.

Polo demais, no tempo de produción dun festival o tema económico é un dos aspectos que máis ralentiza a súa organización. Ata tal punto, que hai eventos que precisan de anos para poder organizalos. “Neste caso, explica Goomer, tes que pelexar coa administración para conseguir axudas, buscar patrocinios, recadar financiamento que che permita facer o evento pensado desde o primeiro momento. É un traballo longo e pode darse o caso de que non se iniciara unha edición e xa se estea a programar a seguinte”.

Rubén e Goomer teñen motivacións diferentes pero ambos os dous gustan do seu traballo. Comparten ese interese por facer ben as cousas e curiosamente consdieran que o mellor momento do concerto é xustamente cando remata. “No momento no que a xente marcha, que queda o espazo baleiro, di Rubén, é cando podes relaxarte e comezar a disfrutar do bo que foi”.