Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Sons de unión
Sons de unión
marzo 29, 2006
A tan discutida crise da industria discográfica tamén afecta a Galicia. E aínda que desta volta non é tanto a pirataría coma o pouco mercado, as discográficas do noso país tamén deben axeitarse aos novos tempos. Catro delas están a piques de presentar Agafono, a Asociación Galega de Fonografistas, que quere converterse nun referente do sector.
Agafono nace do acordo entre catro compañías discográficas. Clave Récords, Zouma, Sons Galiza e Do Cumio reuníronse coa idea de "facer causa común para resolver cuestións de relacións institucionais e formas de venda", explica Cándido Meixide, vocal do colectivo e responsable de Do Cumio. Ademais de contar cunha voz única de cara ás institucións, os responsables de Agafono aseguran que é a súa intención que este punto de encontro chegue a outros ámbitos. "Falamos, por exemplo, de contratar en conxunto publicidade en revistas especializadas e na prensa xeral e mesmo de comprar todos á vez soportes, é dicir CDs", sinala o vocal do colectivo. Tamén está sobre a mesa a posibilidade de buscar unha canle de distribución única para o país. Aínda que a idea deste colectivo leva xa tempo en marcha, é neste 2006 cando o proxecto está a conseguir contido. "Levamos tres anos funcionando, pero este é o ano en que nos centramos máis, e iso dá resultados", sinala Meixide. "Xuntarse é complicado, e ao mellor hai uns anos o sector estaba algo mellor e centrabámonos máis en producir que en traballar conxuntamente. Tamén o feito da mudanza de goberno é un estímulo, porque en certo xeito permítenos comezar de novo e presentarnos publicamente".
Integración
Polo momento, dada a orientación maioritaria que teñen os catálogos das empresas participantes, podería parecer que Agafono ten vocación de música tradicional e de raíz. "Todas as empresas participantes nacen con vocación de editar música con orixe galega", recoñece Meixide, "pero non cómpre ter esta orientación para participar en Agafono. De cara a contactos institucionais será interesante que teñan referencias en galego, pero non se lles pedirá que editen exclusivamente no noso idioma". Aínda que aseguran que hai xa algunha outra compañía "a petar na porta" para entrar na asociación, os membros de Agafono sinalan que prefiren "resolver polo menos seis ou sete convenios que temos iniciados en distintos ámbitos" antes de integrar novas empresas. De calquera xeito, sinalan que é a súa intención "que todo o mundo se implique no proxecto". Aínda sen data fixada, agardan facer proximamente a súa presentación no Consello da Cultura Galega, xa que "pensamos que é unha institución que nos podía axudar a darnos a coñecer no noso ámbito".
A crise
Precisamente os atrancos para levar os seus produtos ao público supoñen un dos elementos máis destacados da crise que vive o sector. "Hai unha caída nos puntos de venda habituais, as tendas van desaparecendo porque non aturan a presión do mercado e mesmo as grandes cadeas de música tamén están en problemas", explica a situación o responsable de Do Cumio Multimedia. Contra este declive Agafono quere chegar ao público a través de novos puntos de venda. "Traballamos na creación de novos espazos, tentamos situarnos en sitios de venda de cultura como poden ser certas librarías ou comercios de instrumentos musicais". Canda a isto, Meixide recoñece que "o mercado está feble, supomos que en calquera sector cultural. Por unha banda dáse unha crise encuberta, porque semella que ao ir ben a economía todo o mundo ten outros gastos coma hipotecas. Tamén se dá un maior investimento en cousas coma o teléfono e Internet, e a compra directa de discos e de libros foi o primeiro que se resentiu diso". As empresas que integran Agafono senten que a fonografía queda descoidada entre a importancia que está a acadar o audiovisual, "que ten moito de visual e pouco de audio", segundo Meixide, e o peso tradicional do libro na nosa cultura. De xeito curioso, o pirateo, que se nos presenta habitualmente como o grande risco para esta industria, non semella un problema central para o sector en Galicia. "Aínda que o pirateo non nos afecta moi directamente, si notamos que medra esa dinámica", sinala Meixide.
As cifras
"Estamos axustando moitísimo as tiraxes de toda a produción", asegura ese representante da industria. "Polo momento andamos todas máis ou menos a tirar o mesmo, arredor de mil exemplares e mesmo algunhas tiraxes de cincocentos, que é o mínimo que che esixe a fábrica. Neste momento interesa pagar un pouco máis por cada unidade que manter un stock, que ademais do problema de lle dar saída, crea gastos. Agora as reedicións son moi rápidas e permiten corrixir erros". Con estas cifras publícanse unha media de entre oito e dez discos comerciais por cada discográfica de tamaño medio coma as que integran Agafono, segundo os datos deste colectivo. "Logo pode haber cinco ou seis discos máis que son encargos de bandas, corais ou grupos que non saen ao mercado, e poida que un ou dous traballos institucionais", salienta Meixide.
Produción conxunta
A posibilidade de que Agafono tire proxectos conxuntos dos seus membros está a se explorar cun relativo éxito. "Xa fixemos un experimento o pasado verán que saíu bastante ben. Cada compañía achegou tres grupos para facer un álbum que atendese un pouco a demanda de música galega que ten o turismo", explica o vocal do colectivo. "Máis que nada foi un experimento para ver como nos coordinábamos, e non houbo problemas". Xa cando fora a crise do Prestige estes selos colaboraran na edición do disco "Nunca Máis". De calquera xeito, polo momento non contemplan a posibilidade de facer destas colaboracións puntuais un xermolo de cara á fusión empresarial. "Agardamos acometer en conxunto proxectos que individualmente non poidamos facer, pero serán cousas puntuais", apunta Meixide.
Internet e multimedia
A aposta polos produtos multimedia semella ser unha das vías máis empregadas contra a crise. Deste xeito as discográficas optan a liñas de axuda específicas para produtos deste tipo, ademais de achegarse a novos públicos. "En Do Cumio facemos unha serie multimedia sobre gaiteiros e compositores, incluímos fotografías, partituras... Outros fan DVDs que inclúen algún produto audiovisual", lembra Meixide. Pola contra, o emprego de Internet como medio de distribución da música levanta polo momento reticencias en Agafono. "O que máis e o que menos ten xa algún xeito de venda on line, pero non é moi xeitoso porque o proceso é complicado e o público non está moito por ese labor. En canto ás vendas en formato MP3, pensamos que a calidade do son que pode baixar a xente é aínda bastante mala e non temos moi madurado este sistema". De calquera xeito, entra nos propósitos de Agafono traballar o campo da rede, "é posible que montemos unha tenda virtual conxunta", sinala este produtor.
Tirar a música fóra
Dentro das propostas máis inmediatas de Agafono está a posta en marcha dun evento itinerante, ao xeito das feiras o libro, dedicado á música. "A idea é facer venda na rúa, vencellando iso á creación dun macrofestival no que estean representados os nosos artistas e onde ademais o público poida encontrar os seus discos á venda". O proxecto, pendente de concretar certos apoios institucionais, está previsto que bote a andar para o verán, entre xullo e agosto. Non se desbota tampouco integrar neste evento outros produtos culturais como poden ser os propios libros. Dun xeito semellante, agardan participar cunha representación colectiva en eventos internacionais dedicados ao mundo do disco e da música, un ámbito que, segundo aseguran, carece na actualidade de representación galega. Meixide recoñece que, neste sentido "o sector do libro é un referente" para as liñas de acción da asociación fonográfica. Neste sentido, agardan que a unión discográfica permita accións semellantes ás que desenvolven a Asociación de Editores. Neste sentido, agardan que a unión discográfica permita accións semellantes ás que desenvolve a Asociación de Editores.