Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Cancións dos Reis de antano

Cancións dos Reis de antano

FOLK | xaneiro 4, 2006

Imprimir

Grupos de mozos a cantar polas portas agardando recibir unha lambetada, comida ou algún outro agasallo. Actualmente esta escena lémbranos, máis do que a calquera outra cousa á celebración do Halloween anglosaxón. Porén, era esta unha tradición habitual nas nosas festas de Nadal, Aninovo e Reis hai non moitos anos. A pesar do risco de extinción no que se encontra este costume existen iniciativas para o seu mantemento e recuperación, por exemplo na forma de xugadas ou na de rondallas.

En Nadal eran panxoliñas, en fin de ano xaneiras, manueis ou aninovos e en reis os cantares de reis ou aguinaldos. Aínda que o tipo de composición mudase para cada data, a tradición de reunírense os mozos e mozas da aldea para ir de casa en casa a cantar estas pezas tradicionais era a mesma por todo o país e o obxectivo tamén: conseguir algo de xantar e algunhas lambetadas para montar unha festa. De xeito maioritario os temas das cancións estaban relacionadas co Nadal, aínda que non era estraño incluír algunha a loar á casa para a que se estaba a cantar en cada momento para así conmover a xenerosidade do doador. No caso de que a persoa homenaxeada co cantar non colaborase, existían composicións feitas a propósito nas que o afago viraba calumnia e facían saber á veciñanza toda quen estaba menos disposto a compartir os seus alimentos.

A conservación
A pesar de que os novos costumes de Nadal e a falta de xente nova que se estende polo rural levan xa anos a facer que este costume esmoreza, existen zonas onde aínda permanecen, dunha forma ou doutra, estas tradicións. Un destes lugares é o concello de Boimorto e a comarca anexa. Mini, grande coñecedor da nosa música tradicional e actual concelleiro de cultura de Boimorto, explícanos que "non é que a tradición teña aquí unha vitalidade exuberante, pero hai xa como uns vinte anos que algunhas cuadrillas recuperaron os cantares de reis". Antes diso, pasaran outras tres décadas sen que a celebración se desenvolvese. "Hai moi boa memoria da xente sobre a tradición e está moi arraigada, tanto en Boimorto como o que é toda a comarca de montaña da Coruña", completa. A conservación dos cantares non é exclusiva desta zona, e o propio Mini sinala tamén na zona de Pedrafita se mantén, mesmo cunha cuadrilla de reiceiros vellos que non abandonaron este costume.

Os cantares
No caso de Boimorto, os cantares interpretábanse e interprétanse aínda en cuadrillas, con variedade de compoñentes e de instrumentos, ou en xugadas. Estas formacións compóñense dun gaiteiro e de un ou varios cantores que van ao seu carón por cada unha das bandas e incorporan ocasionalmente percusión. As, pezas, sempre tiradas da tradición, "son cantares longos e difíciles de cantar", explica Mini, "moitos teñen que ver con cantos gregorianos e cantares relixiosos dos séculos XV e XVI". A temática dos cantos adoita xirar arredor da visita dos Reis a Cristo, ou do peregrinar de Xosé e de María na busca dun lugar onde parir. "Case todos se remiten á viaxe e aos camiños, xusto nun momento en que se inicia un novo periplo solar", apunta este estudoso do noso folclore. Canda a estas, as cuadrillas ou xugadas incorporan outras composicións tiradas de lugar. "Acontece algo moi estraño. Nas zonas onde se perdeu a tradición dos Maios, moitos cantares desta época pasan á época de Nadal. Hai casos dun canto que era unha loanza á ama de casa e que ao se trasladar a Reis pasou a se dedicar á Virxe".

As rondallas
Da outra banda do país, pola zona sur da provincia de Pontevedra, conservan a súa propia tradición de cantos de Nadal, as rondallas. "A localización é moi restrinxida. Hainas cara ao sur de Redondela, e Vigo, Mos, Porriño e Ponteareas", explícanos Diego Pérez Davila, membro da rondalla de Bembrive que está a investigar a historia destas formacións. "En Lugo e en Ourense hai outras agrupacións con este nome, pero son diferentes", completa. A orixe da tradición vén xa de lonxe, "en 1920 xa están rexistradas, os maiores din que logo de ir á leira collían os instrumentos que había na casa, moitas veces feitos a man, e logo ían de pasarrúas polos barrios", explica. "Non se sabe moito por qué, é unha expresión tradicionalmente do Nadal, que non se expande ao resto do ano". Estes grupos, que noutros tempos contaban con ata trinta membros e que na actualidade poden congregar máis de oitenta participantes, executan, con instrumentos tradicionais, pezas do folclore coma muiñeiros, fandangos ou pasodobres. "Ultimamente, para lle dar viveza ao tema e que a xente nova o pase ben tamén, metemos pezas actuais, coma `Color Esperanza´ ou, este ano, unha canción do grupo La Mosca", explícanos Diego.

Capas e bandeiras
Os grupos contan coa peculiaridade de que todos os seus membros van ataviados con capas e boinas e que desfilan detrás dos abandeirados que portan un emblema co nome da rondalla. "Antes había encontros de rondallas e unha solicitaba o saúdo. Se a outra llo daba facíase o saúdo, pero había tamén bastante piques e en ocasións acababan rompendo os mastros da bandeira rival", explica. Os encontros, nun contexto máis pacífico, continúan a se celebrar. "Está moi arraigado na vida das parroquias", asegura este investigador. "É algo de tradición familiar. Eu estou nunha, o meu pai e o meu irmán tamén, e para nós as rondallas e o Nadal van xuntos", completa. Pérez está na actualidade a preparar un libro sobre a historia destas formacións, e xa ten na rede, no web da Sociedade Cultural Helios de Bembrive un completo artigo a analizar este costume.

A recuperar
Deste hai vinte e cinco anos, as rondallas manteñen un certame no pavillón vigués das Travesas o primeiro día do ano, e ata o de agora, as tres gañadoras participaban no desfile de Reis desta cidade. A pesar desa aparente vitalidade, Diego alerta do declive que, aos poucos, viven estas formacións, cunha participación decrecente. Pola banda de Boimorto, a Consellaría de Cultura e mais o Concello premiarán por primeira vez este anos os traballos de recollida de cantares de reis, e xa desde 2005, un certame recoñece as mellores formacións deste tipo. O vindeiro día sete de xaneiro poderán verse as interpretacións dos grupos participantes na segunda edición do evento. A partir deste certame, en Boimorto agardan iniciar un proceso de recuperación da tradición, segundo nos explica o concelleiro de Cultura "queremos facer un seminario permanente ou unha especie de congreso sobre a música de Nadal, peitear a zona para ver o que fica e facer un esforzo unitario entre todas as cuadrillas", completa. Por suposto, na véspera e máis na noite do día cinco de xaneiro, cada un destes grupos percorrerá a súa aldea mantendo viva, un ano máis, a tradición.