Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Ópera prima

Ópera prima

CLáSICA/LíRICA | xuño 7, 2005

Imprimir

“Inés e Bianca” é o título da primeira ópera galega. Pero a súa peculiaridade non vén só en que sexa a primeira, senón que conta a historia de personaxes galegos e usa material autóctono do folclore galego. Juan Durán e Margarita Viso rescataron o manuscrito orixinal do compositor coruñés Marcial del Adalid dos arquivos da Real Academia Galega (RAG), montaron un equipo para recuperar os catro fragmentos que faltaban e o IGAEM custeou a edición dunha ópera cargada de anécdotas.

A ópera de Marcial del Adalid narraba o periplo de dúas irmáns que foron separadas ao nacer e que foron criadas en ambientes moi diferentes: unha como unha aristócrata e outra como unha campesiña. Un argumento afín ás temáticas que abordaban as óperas do seu momento (a obra está data en 1870) e que estaban a trunfar por toda Europa. O manuscrito orixinal durmía nos arquivos da RAG (institución á que doaron todo o material as fillas do compositor) ata que o atopou Margarita Viso, pero estaba incompleto, faltábanlle catro fragmentos e entre eles, o final, por iso se pensou que estaba sen rematar.

A xénese
Pero na entrada Adalid do primeiro diccionario de músicos español feito por Felipe Pedrell cita un artigo xornalístico de Emilia Pardo Bazán que fala de “Inés e Bianca” como unha ópera acabada. Partindo desta premisa, de que Marcial del Adalid deixou o traballo finalizado, tanto Margarita Viso como Juan Durán, presidente da Asociación Galega de Compositores, decidiron poñerse mans á obra e reconstruír o que faltaba.

“En realidade o que faltaba, explica Juan Durán, eran catro fragmentos moi breves entre os que estaba o segundo fragmento do cuarto acto e o final, que era moi curto”. No ano 2000, Juan e Margarita pensaron a posibilidade de rematar os catro fragmentos que se perderon da partitura, facer a revisión musicolóxica, adaptala, reconstruíla, darlle contido e facer a revisión final. Para iso, dous anos despois, montaron un grupo de traballo. Juan Durán explícanos como foi o procedemento para buscar ao equipo de especialistas e o traballo de cada quen: “Miguel Anxo Fernán Vello estableceu unhas ligazóns poéticas nos fragmentos que faltaban, unha profesora de italiano, Paloma Alonso, fixo un campo léxico entre as expresións que permitiu darlle unha cohesión e utilizar un italiano da época co que ir encaixando os fragmentos; no apartado da composición fun facendo como enxertos da propia obra, é dicir, fun collendo fragmentos que mellor servisen nos momento que falta a música e fora o mínimo imprescindible. Neste apartado colaborou un violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia. Margarita Viso foi a encargada de levar a revisión da parte global de todo o equipo para que todo estivese acorde co estilo do autor”.

Dous anos despois, todo o traballo de recomposición así como a partitura da orquestra, a reducción para piano e voces así como as partichelas, en resumidas contas todo o material necesario para poder reproducir a ópera, xa está terminado. “Todo o equipo que traballamos neste proxecto, explica Juan, entregamos o resultado final o pasado mes de decembro, agora está en fase de impresión”. Segundo o gabinete de prensa do IGAEM a obra presentarase en breve.


O valor
Juan Durán destaca o valor da obra de Marcial del Adalid porque “non hai ningunha opera galega antes, ademais fíxoa nun momento no que a ópera está en auxe. Por iso, tanto na temática como na forma é unha obra do seu tempo que ten os seus catro actos, a partir das figuras de personaxes históricas, cunha traxedia final moi romántica que ten moito que ver co estilo da súa época: con escenas de coro, dúos, arias, concertantes....”. Ademais, a ópera ten unha temática medio histórica-medio novelada a partir das figuras de Pedro Madruga, Alfonso de Lanzos ou a Condesa de Camiña. Pero o seu valor non queda aí, senón que ten tamén un interese artístico. “Para este interese remítome, explica o compositor, ao que escribiu un libretista italofrancés Auchille de Lauziéres, que di que era unha obra elegante, orixinal e que nunca ofrece unha vulgaridade”. O testemuño de Lauziéres é moi significativo porque no seu haber figura ser un colaborador asiduo de Verdi que traballaba como libretista.

“Por último, e moi importante, comenta Juan Durán é que utiliza por primeira vez material autóctono do folclore galego para ilustrar as pasaxes que suceden na trama. Sobre todo nas secuencias que suceden no ambiente de Inés (que é a que se cría como campesiña) están ilustradas con música extraída do folclore galego, perfectamente imbricadas cunha linguaxe universal europea da época. O que coñecemos de Negra sombra ou unha alborada de Veiga pero cincuenta anos antes”.

Un final feliz
Pero a ópera non chegou a estrearse nunca. “Saber o porqué é difícil, explica Juan, sabemos que estivo en contacto cun empresario para representala pero o teatro quebrou e a obra non chegou a representarse”. Despois, Marcial del Adalid, que estaba casado coa escritora Fanny Garrido, recluíuse no seu Pazo de Lóngora e ao pouco tempo morreu. O equipo que se encargou de recuperar a súa obra, baralla a posibilidade de o autor que se dedicase facer algún arranxo desa obra que, ao retirarse do manuscrito orixinal, non se volvese a incorporar, xa que nos cadernos que faltan estaban as mesmas personaxes. As súas fillas doaron todo o material á Real Academia Galega, onde estivo ata que o atopou Margarita Viso.

A ópera de Marcial é a primeira de toda a historia operística galega. Juan Durán explica que existe outra moi posterior que é “O mariscal” de Eduardo Rodríguez Losada, tamén de corte histórico xa que está baseada na figura de Pardo de Cela. Non é a única, xa que hai outra ópera titulada “Cantuxa” que é obra de Gregorio Baudot que, malia ser asturiano pódese considerar como galego. Hai que ter en conta que ópera é o soporte sonoro máis complexo porque leva orquestras, voces e coro.