Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Érguense voces na raia
Érguense voces na raia
maio 3, 2005
Encontrar un disco no que participan quiñentos intérpretes non é sinxelo. Se ademais é un proxecto realizado desde centros de ensino de dous países veciños celebrando un patrimonio oral común estamos sen dúbida ante un proxecto único no mundo. Por se fose pouco, este proxecto desenvólvese aquí mesmo, entre o Sur de Galicia e o Norte de Portugal, a partir da iniciativa “Ponte... Nas Ondas”.
Mentres están a se quecer os micros para a celebración por décimo primeiro ano consecutivo da emisión radiofónica internacional Ponte... nas ondas o día seis de maio, outros micros, os do estudio de gravación Casa de Tolos en Gondomar botan fume coas últimas sesións da gravación de “Meniños cantores” un proxecto que está intimamente vencellado ao programa de radio escolar. A idea é crear un CD que recompila unha selección de trinta e dúas pezas da música popular galega e portuguesa, atendendo especialmente aos elementos comúns da tradición. A peculiaridade principal é que os intérpretes dos temas son alumnos de dezasete centros de ensino, nove do Sur de Galicia e oito do Norte de Portugal, que reelaboran moitas destas obras e que mesmo lles engaden varios temas de produción propia.
Proxecto
“A idea naceu xa cando comezamos a traballar con patrimonio inmaterial ao constatarmos as afinidades que existían entre as dúas culturas sobre todo a nivel musical”, explica Santiago Veloso, coordinador de “Ponte... nas ondas” e do proxecto “Meniños Cantores”. “Pensamos que sería un magnífico exemplo para o mundo que as escolas abordasen ese patrimonio como un xeito de reelaboración da música tradicional e da súa transmisión”. A posta en marcha do proceso para a declaración pola UNESCO do patrimonio inmaterial común como Obra Mestra da Humanidade decidiu a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas para pór en marcha esta idea. “Pareceunos moi interesante que a candidatura fose acompañada dun exemplo do traballo co patrimonio inmaterial na escola”, apunta Veloso, que conta nesta aventura co apoio de Segundo Grandío, responsable do estudio Casa de Tolos e da Discográfica PAI e actual coordinado técnico do proxecto. “O ano pasado fixemos unha gravación de Treixadura e de Gaiteiros de Lisboa para ‘Ponte... nas ondas’, e xa entón Santi tiña gana de facer un disco cos colexios de dúas bandas da raia. E tendo en conta que el é unha persoas cunha ilusión tremenda e eu son tamén moi botado para adiante... aquí estamos”.
Da aula ao estudio
O proceso de traballo comezou co curso escolar 2004/2005 e está na actualidade a dar os últimos pasos da gravación. Unha velocidade bastante considerable se temos en conta que o traballo implicou coordinar a quiñentos alumnos de dezasete centros diferentes. A explicación desta velocidade está en que se aproveitaron as propias horas de música que tiñan os alumnos para avanzar neste proxecto. “O traballo desenvolveuse maioritariamente dentro da aula. Escollemos como piares os profesores de música das escolas que decidiron asumir o traballo nun tempo record”, explica Veloso. A selección de temas, os arranxos instrumentais, os ensaios nas aulas, primeiro con bases rítmicas e logo con instrumentos, pasaron a formar parte da actividade cotiá das clases de música nestes centros.
Estilos e temas
“Os centros galegos optaron por gravar un tema tradicional e un de produción propia, en Portugal todos os colexios optaron por temas tradicionais”, explica Grandío, responsable do estudio “Casa de Tolos” e coordinador técnico do proxecto. “De calquera xeito, hai un pouco de todo en canto a estilos. Houbo centros que decidiron afastarse das interpretacións tradicionais e fixeron versións máis modernas dos temas. Hai unha peza de corte jazzístico, unha de hip hop e logo versións que son directamente blues ou rock”. Un dos temas máis curiosos é a versión do tema “Ganster’s Paradise” en galego que realizaron os alumnos dun colexio de Baiona. “O tema é un pouco un contrapunto á música tradicional ao atempo que un xeito de ver como chegan a nós culturas diferentes que se poden patrimonializar. Pensamos en incluír temas de produción propia coa idea de que poden ser parte do patrimonio dentro duns anos”, sinala Santiago Veloso. Entre as cancións que se crearon para a ocasión hai tamén tema que fala sobre o proceso polo que se está a recuperar o farricoque, unha máscara tradicional de Entroido de Gondomar.
O produto
A idea é que “o resultado final do disco sexa moi bo, non queremos que a xente penses ‘tocan mal, pero claro, son nenos’. Queremos que se poida aprezar un alto nivel musical e moitos rapaces amosaron que tiñan táboas, aínda que nalgúns casos foi necesario arroupalos con músicos profesionais para que soasen mellor”, apunta Grandío. Uxía Senlle, Pancho Álvarez ou Fernando Abreu son algúns dos traballadores da música que colaboraron neste proxecto. Deste xeito se puxo en marcha un traballo que acabará coa edición dun CD con 32 temas e que incluirá abondosos extras, entre eles unha pista interactiva coas letras, partituras e fotos imprimibles. Ademais, haberá un DVD que inclúe dous documentais de cincuenta minutos, un deles que recolle vinte e dous temas de patrimonio inmaterial, desde a arte da filigrana do Porto ata a lingua dos cavaqueiros no Rosal, e outro que explica como se desenvolveu a gravación do disco. “Narra unha viaxe desde Vigo a Porto do equipo técnico de gravación, que vai indo a cada localidade e descubre cada día unha cousa nova”. Dezasete videoclips que amosan os nenos cantando, versións en karaoke de todos os temas e, ademais todo incluído nun libro de noventa e oito páxinas.
Últimos toques
Aínda que as sesións de gravación, tanto as que se fixeron mediante o estudo móbil como aquelas que transcorreron en Casa de Tolos, están avanzadas, queda aínda algunha idea por desenvolver. “Queremos que haxa un tema xenérico para abrir o disco e que explique como vai ser. As estrofas vanas cantar nenos galegos e portugueses, e imos tentar que o primeiro refrán se cante en galego, o segundo e portugués e o final en conxunto, que iso dá un efecto musical espectacular. Esta canción, que debe ser o tema para publicitar o traballo, queremos que leve un vídeo no que nos gustaría que aparecesen os quiñentos nenos cantando na ponte de Tui-Valença, imos pelexar para conseguir facelo”, explica Segundo Grandío. O día vinte de maio entra en fábrica o proxecto, e para o final de curso, segundo explica Santiago Veloso, agárdase facer a presentación en directo do proxecto reunindo os intérpretes sobre un escenario. Antes diso, xa o día seis, un primeiro adianto do disco vaise poder escoitar na edición deste ano de “Ponte... nas ondas”. “Imos facer unha especie de prelanzamento do traballo. Poranse cuñas dalgúns dos temas e contarase todo o proceso”, apunta Veloso. Os promotores do proxecto agardan distribuír, con axuda de diferentes institucións, dez mil exemplares do disco entre Galicia e Portugal, e é intención da organización que o proxecto chegue tamén ata Brasil. Mentres non chega o proxecto ás nosas mans,será cousa de estar atentos á radio o vindeiro día seis.