Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Os significados do Lume

Os significados do Lume

FOLK | marzo 30, 2005

Imprimir

Lamatumbá é unha banda que naceu hai oito anos co afán de combinar os sons da batería, coa gaita, o baixo e acordeón para mover os pés e actualizar a verbena popular, facéndoa máis funcional e moderna. Logo dun primeiro disco máis experimental, acaban de atopar a súa esencia con “Lume”, un traballo que sona a Lamatumbá en esencia pura. ¿Queredes Lume?

“Lume” non é só un disco, son moitas cousas. Para Ico, vocalista do grupo e autor da maior parte dos temas, “Lume é unha declaración de intencións dun grupo de persoas que comparten unha idea clara: non sabemos por onde pero o sol ha de saír”. Abraham "El Niño", guitarra clásica da formación, explica que “o disco é unha boa recompilación de músicas de todo o mundo, e estas son achegadas ata aquí, ata Galicia... que é a maneira de imprimir o noso carácter propio”.

Pero Lume é moito máis que iso, é un disco para ver e para escoitar. A segunda parte é obvia, porque é un traballo discográfico, que recompila influencias que van desde a música latina, a xamaicana a cubana mesturada coa tradición galega, que dá lugar a un combinado moi efectista que contou coa colaboración do vocalista Guadi Galego, de Manolo Maseda (acordeón e voz) e de Lola de Ribeira (voz), do saxo de Iván Varela, a meroroloxía de Bea Hervella. Con respecto á primeira parte (un disco para ler), o debuxante David Rubín ilustrou o libreto coas letras das cancións, nunha combinación bastante efectista. O guitarrista destaca que “se hai algo particular no disco é a frescura coa que soan as músicas do mundo vistas dende esta perspectiva galega”. O vocalista ve no proxecto algo máis persoal xa que “Para nós o lume é o que che quenta por dentro, o que fai que levantes cada mañá para afrontar un novo día, unha conversa cos amigos, dicirlle a alguén o moito que @ queres, un abrazo, un berro, o recordo dos que xa non están e seguir a ruta por eles. Ese é o sentimento que nos lle quixemos dar a este disco; un disco que quente, pero cunha calor gratificante, non destructiva”.

Este xoves presentan o disco na Sala Capitol, unha das múltiples recaladas dunha ruta que os levará por Lugo (1 de abril), Pontevedra (2 de abril) Vigo (8 de abril) A Coruña (9 de abril) e Madrid (28 de abril). A xira comezárona a semana pasada e ICO explica que “durante estres tres concertos a acollida foi tremenda, pensabamos que non ía ser tan boa, pero tanto o concerto como o público gustaron e responderon ás expectativas xerando moita enerxía”.

Esencia Lamatumbá
Hai oito anos, unha pequena adega de San Pedro de Moreiras (Ourense) acolleu un pequeno concerto dunha formación con batería, gaita, guitarra, baixo e acordeón. Un grupo entusiasta que, tal e como lembra Ico “tiña moitas ganas de dicir cousas pero sen ter unha maneira clara de facelo”. Foron as xéneses de Lamatumbá, que foi facendo estilo pouco a pouco pero cun obxectivo claro: mover os pés ao mesmo tempo cas ideas, é dicir, que cando a xente se movese coa súa música pensara que era posíbel conseguir un mundo mellor.


Ico resume a filosofía Lamatumbá do seguinte xeito “Lamatumbá botou o seu primeiro latexo cando naceu “A charanga do Cuco de Velle”. Lamatumbá movíase dentro de nós en cada verbena a que asistiamos, bailando, rindo, berrando: “eu quero cantar”. Lamatumbá tiña gañas de nacer en cada ocasión na que recibiamos unha patada ou un abrazo: guerras, amores e desamores, bicos, loitas...Lamatumbá naceu, de feito, cando estivemos traballando na “Feira das mentiras”, no seu circo quixemos estender todo aquilo ó que nos coñeciamos”. De feito, a feira á que se refire Ico garda moita relación coa propia historia da banda. Foi o evento organizado por Manu Chao, con quen gardan unha estreita relación e unha das primeiras aparicións públicas da formación como tal. Lamatumbá foi teloneiro do músico, con quen teñen compartido escenario ao igual que con “Mau-Mau”, “Hechos Contra el Decoro” ou, entre outros, “Nilo Mc” .

Repaso temático
Nestes oito anos Lamatumbá foi buscando o seu estilo propio e facéndose un oco no panorama musical. No 2001, da man do selo Xingra sacaron “Pachangüilanuí”, o seu primeiro disco. Dous anos despois, Pedro Feijoo e o propio grupo entraron nos estudos Muu! De Vigo para producir cinco novos temas. No 2004 fixeron co grupo arxentino Bersuit, Lamatumbá unha xira por todo o estado facendo recalada en dúas salas emblemáticas: a Razzmatazz I de Barcelona e Arena de Madrid. Agora, en plena xira de promoción dun traballo producido e gravado nos estudos Kaki Arkarazo de Andoain (Guipúscoa), escriben unha pista máis dun grupo que promete moito máis.