Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Bótalle sal

Bótalle sal

ELECTRóNICA | marzo 14, 2005

Imprimir

Lali Puna é unha formación alemá que ofrece unha proposta que combina música electrónica e pop. O seu nome sona con forza nos circuitos independentes e alternativos pero pronto ocupará portadas de revista e arrasará nas radios. Con eles hoxe abre as súas portas o festival Sinsal de Inverno. Unha proposta fresca, innovadora e independente que pretende conseguir que non pare a música.

“Sinsal pretende escapar das correntes que están un pouco más trilladas tanto na música electrónica (como o tecno ou o house) como no pop ou no rock escapando de grupos de sempre, dos que están aupados pola prensa e os que máis se publicita” deste xeito resume Victor Flores, un dos componentes de Sinsalaudio, a esencia (o leitmotiv) do novo Sinsal 3.0. Unha edición que presenta grandes novidades na organización pero baixo o mesmo concepto. Víctor resume o obxectivo deste festival explicando que “buscamos algo un pouco diferente que sexa fresco e innovador, que hoxe nos parecen xeniais, e que están a punto de dar o salto definitivo para consolidarse; porque no momento no que dan o salto xa é imposible para nós poder traelos”.

Un para cada estación
Durante dous anos o grupo Sinsalaudio estivo organizando un festival que concentraba todas as actuacións nuns quince días, con xente estaba a sonar con forza no panorama internacional. Pero Victor Flores explica que “este ano levabamos moitísimo tempo coas negociacións e todo se complicou bastante: grupos que non xiran, grupos que tiñan as datas cerradas e logo as cancelaron, grupos que están en estudo… un pouco todos os artistas que iamos tocando. Todo eran problemas”. Entón déronlle a volta ao asunto, repensaron o formato de festival e fixeron do problema unha solución. Conscientes de que “para calquera festival que non sexa Benicassim ou o Sónar é practicamente imposible concentrar aos artistas en dous ou tres días” a solución óptima era facer un festival por cada estación. “Ademais, engade Víctor, espaciando os concertos conseguiamos descomprimir ao público”.

Revisando o programa
A partir das 20:00 horas de hoxe actuarán no Teatro dos Salesianos de Vigo, Lali Puna, Berg Sans Nipple e Julie Doiron. Forman, xunto con Josephine Foster, o programa do que é o primeiro Festival de Inverno Sinsal. Lali Puna achegará o seu terceiro album “Faking the Books (Morr Music/Red, 2004)”, “unha convicción pop que non teme mesturarse con efectos vocais, sintes, sons garageros e homenaxes ás iconas do pop guitarreiro”, segundo explica no sitio web do Festival; o son máis inclasificable chega da man dos franceses “Berg Sans Nipple”, e con Julie Doiron, a cantautora pop-folk, inaugura a súa xira por todo o estado. Por último, o mércores ás 20:00 horas no Museo MARCO estará Josephine Foster, unha cantante e instrumentalista que ofrece “unha síntese do folk dos Apalaches, mediada por unha ordenada lectura da tradición inglesa e unha clara formación académica que se permite usar instrumentos de corda (uke, arpa e autosharp)”.

A seguinte cita, a da primavera (25 de abril) está sen pechar, de feito, o único que está confirmado é o concerto de “Low” e están a ultimar os detalles cun par de artistas que actuarán este ano en Benicassim. Ademais, é posible que para o de verán haxa algún concerto que se inclúa dentro do programa de festas patronais de Vigo que, tal e como nos comenta Víctor “será unha forma de achegarse ao público porque, de darse esa situación, celebraríase nunha praza aberta e non habería que pagar entrada”. Para o de outono “CocoRosie sería a culminación perfecta porque é unha proposta moi orixinal. Fan pop de xoguete feito con instrumentos case de xoguete pero realmente fresco e moi divertido”.

Nesta edición non haberá grupos galegos. “O ano pasado estivemos grupos pero este ano non houbo grandes propostas e o tema musical en Galicia está un pouco parado, e aínda hai xente que hoxe imita aos Rolling e a Led Zeppelin”. Pero Víctor continúa dicindo que “non o quixemos pechar, de feito no salón Sinsal, nos concertos de pequenos formato que faremos no MARCO, aí é posible que contemos con algún artista galego”.

Cuestión de público
Os concertos de Sinsal celébranse no Teatro dos Salesianos de Vigo que teñen un aforo para 500-600 persoas. Durante a anterior edición, no concerto máis populoso, Sinsal concentrou a unhas 400 persoas. Unha cifra nada desprezable tendo en conta que os concertos se celebran un día de semana, unhas datas pouco atractivas para o público en xeral. Segundo Víctor “notamos que hai un colchón sobre o que nos asentamos que segue bastante as nosas actividades”. Un público fiel que chega de toda Galicia e de Portugal, desde onde hai unha comunidade bastante numerosa de adeptos. Para iso, o boca a boca, o sitio web e o propio programa serven para asentar un programa que pretende consolidarse este ano. Víctor xa mira cara adiante “o ano que ven sería interesante e dar un paso en poder concentralo en dous días, e dar o salto, pero haberá que agradar a ver que pasa”.