Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Música para ler

Música para ler

FOLK | xaneiro 12, 2005

Imprimir

Esta mesma noite, un concerto servirá de presentación para a última revista de actualidade musical que se presenta no noso país. "Distrito Son" nace coa intención de abordar todo tipo de estilos musicais. Esta proposta súmase á revista gratuíta "Folkus", especializada en Folk, e que se presentaba o pasado mes de novembro. Logo de anos de seca neste campo, a música pódese ir lendo en Galicia.

Como non podía ser doutro xeito, é a música a que dá a benvida á nova revista musical galega. "Distrito Son" preséntase cun concerto na Sala Capitol de Compostela no que os grupos Mega Purple Sex Toy Kit e Jolie Rouge achegan os seus ritmos. A publicación quere converterse no punto de referencia en canto á información sobre a música que se fai e se escoita en Galicia, nunha iniciativa pioneira no país. "A idea naceu hai xa bastante tempo", explica o director da revista, Alberto Montañés, "foi unha cousa de varios amigos que sempre tivemos inquedanza no mundo da música". A cuestión é que este grupo botaba de menos unha publicación que organizase a atomizada información musical que existe no país. "Pensamos que se fai moito e ben no país neste campo, pero que as actividades carecen da mínima difusión. Temos algunha publicación que toca o tema, mais unha revista exclusivamente musical non había. Hainas que funcionan en zonas moi concretas e outras que se especializan nun estilo. Nós queremos cubrir todo o territorio e as distintas expresións musicais", apunta Montañés.

Empresa
Entre os que compartían esta idea estaba o director de Campo da Festa Comunicación, Emilio Sampedro, que tiña unha certa experiencia no campo das revistas relacionadas coa música xa que leva anos a publicar "Fíesta y Espectáculo"; dirixida ao sector das orquestras, e estivo tamén detrás da desaparecida revista "Na Gaits" centrada no folk. "Campo da Festa é quen asume o risco económico do proxecto", explica Montañés. Nas oficinas desta empresa un equipo de seis persoas encárgase do núcleo duro da redacción, "logo hai un equipo de dez ou doce persoas que colaboran esporadicamente na elaboración de cada número", todos eles vencellados a diferentes sectores da música, desde produtores a críticos, músicos ou xente que traballa nas empresas discográficas "a clave para sobrevivir está en rodearnos dun equipo de colaboradores que están polo labor, que pensan o mesmo ca nós e que sabe realmente como está o sector"

Distribución e contidos
Cinco mil exemplares en galego a tres euros cada un que os responsables da publicación agardan ampliar a dez mil nun ano "se as cousas van ben", apunta Montañés. "Distrito Son" distribuirase fundamentalmente por tendas especializadas en música e tendencias, e polo momento só chegará unha vintena de quioscos en todo o país. "Buscamos a distribución por subscrición, que sairá en corenta euros anuais. Está pensado para que locais públicos coma bares e cafetarías teñan a revista e a xente poida lela alí". No interior, os lectores poderán encontrar completas axendas organizadas por estilos (pop, rock, folk, hip hop...) informando dos eventos programados nestes campos. Alén diso, a revista oferta crónicas de concertos, reportaxes sobre grupos que visitaron Galicia (neste número un Marlango ou Los Delgados), análises das novidades discográficas (os novos proxectos de Malvela e de Berrogüetto) e, para os vindeiros números "agardamos facer reportaxes sobre as produtoras e as discográficas que traballan no noso país".

Baleiro no Folk
O baleiro nas revistas de información musical en Galicia tamén o percibiron o grupo que, dirixido por Rafael Cachafeiro, puxo a andar, aínda no pasado mes de novembro "Folkus". Aínda que neste campo existe desde o ano 2003 a publicación semestral "O Cartafolk" a súa organización en números monográficos non cubre o campo da actualidade. Esta revista, especializada en música de raíz, xurdiu de "xente que pertenciamos a diversos grupos e que tiñamos en común o feito de coincidir en Ourense", apunta Roi Maceda, promotor e responsáble da publicidade na revista. En total unha dez persoas colaboran desinteresadamente para tirar esta publicación. "O proxecto non é para gañar cartos, senón para difundir o folk, e todos os que estamos metidos pertencemos ao mundo da música", asegura Maceda "dá para pagar os gastos, pouco máis". Logo de catro meses desde que se decidiu concretar o proxecto, os cinco mil primeiros exemplares de Folkus saían á luz en novembro ao prezo dun euro cada un e en formato xornal.

Consolidación
A aceptación deste primeiro número leva ao optimismo aos redactores de "Folkus" "a xente coñece a revista e ten eco, o próximo número ímolo comezar a distribuír por librarías, este primeiro chegou só a tendas especializadas e a lugares concretos relacionados co Folk", explica Maceda. Aínda que a periodicidade que indica na portada este primeiro número é a trimestral, xa para o segundo búscase ir a unha revista cada dous meses. "Os proxectos son de ampliación, para o terceiro número agardamos ter novos colaboradores e novas seccións, contamos con conseguir representación de todos os sectores implicados neste tipo de música, artesáns, músicos, locais ou colectivos", asegura o fundador de "Folkus". Polo momento, e neste primeiro número, ofertan entrevsitas, crítica de novidades e diferentes análises da situación e da historia deste tipo de música completan os contidos.

Resumo da situación
Encontrámonos pois ante un momento de emerxencia que supón un novo paso na normalización da música en Galicia. Para Alberto Montañés "empezan a erguer cabeza o rock ou o hip hop e tamén a música electrónica". Pola banda de "Folkus" lembran a marxinación que a música de raíz continúa tendo nos medios e as dificultades que ten o mercado discográfico no país. Aínda que quedan por dar aínda moitos pasos, iniciativas coma estas supoñen un importante pulo para esta arte.