Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Da lareira ao CD
Da lareira ao CD
outubro 6, 2004
A recollida de tradición oral é unha actividade na que participan diferentes colectivos e persoas do noso país. A asociación cultural Conversas tamén o fai, coa peculiaridade de que teren sido pioneiros en introducir este tipo de contidos en Internet e en empregar o formato dixital para os arquivar e distribuír. Ademais, a asociación desenvolve esta actividade como parte do proxecto educativo do Instituto de Ensino Secundario Urbano Lugrís da Coruña, sendo os propios alumnos os que se fan cargo da elaboración destes materiais.
Van xa oito anos desde que se fundou a Asociación Cultural Conversas na Coruña. A orixe deste colectivo está nun grupo de profesores do Instituto Urbano Lugrís da Cidade Herculina, que observaron as posibilidades que ofrecían as novas tecnoloxías para recoller e difundir a tradición oral galega. Segundo explica Alfonso Gómez, coordinador un dos promotores do proxecto, “A idea xurdiu como un xeito de facer algo novo. Daquela aínda se traballaba maioritariamente con cintas de audio e non se facía unha edición en formato dixital”. O proxecto, co nome xenérico de Conversas botouse a andar procurando recoller lendas, conversas, cantigas ou diferentes manifestacións orais no mesmo contexto tradicional en que se desenvolven, e despois organizar este material segundo temas, zona de orixe ou mesmo características observadas na fala.
Xeitos de traballar
Segundo explica no seu propio web a asociación, o traballo de colleita organízase por campañas que comezan normalmente en maio coa tarefa de localizar persoas que sexan susceptíbeis de contar historias ou cantigas interesantes por toda Galicia. “Aínda que a asociación está composta exclusivamente por xente do Instituto, contamos con colaboradores externos á hora de buscar relatores, xente que che vai abrindo portas”, explica Gómez. Son os profesores do centro os que se encargan de percorrer o país para facer as gravacións nos meses de setembro e de outubro, pero a partir dese momento deixan de ocuparse directamente do traballo. “Son os rapaces os que fan a edición e a montaxe das conversas”, apunta o coordinador do proxecto. “hai que vixialos un pouco porque teñen pouco tempo para aprender o funcionamento das máquinas, pero todos os traballos están feitos por alumnos”. Máis concretamente son os estudiantes do segundo curso do Ciclo Superior de Sistemas de Telecomunicación e Informáticos os que se implican neste proceso.
Os productos
Ademais de seleccionar e organizar os cortes de son que se inclúen finalmente nos CDs, e de clasificar as gravacións, foron tamén alumnos do centro os responsábeis de realizar a páxina web da asociación. Seguindo a idea de aplicar as novas tecnoloxías á difusión do patrimonio oral, o colectivo pon na rede a totalidade dos contidos que pública, engadindo ademais transcricións dos mesmos e completa información sobre os relatores, o lugar e a data na que se efectuou cada gravación. Nestes anos de actividade, o proxecto tirou á luz un total de seis CDs co material colleitado en catro campañas de gravación. “Coplas de Bares”, dous volumes de “Conversas desde o ceo” ou “Conversas de Pacios” son algúns dos títulos. Neles pódese escoitar desde un muiñeiro explicando o seu oficio ata a historia de como o coñecido gaiteiro Miguel “O Garceiras” se iniciou na música mentres ía coas vacas, ademais de historias de vida ou coplas satíricas. Ademais, tamén saíu á luz un CD ROM que compila a totalidade do material xa publicado, e resta aínda, segundo os responsábeis do proxecto, unha boa cantidade de relatos sen publicar.
Pausa
A pesar dos logros conseguidos con este proxecto, durante todo o pasado curso, a actividade da asociación quedou paralizada. “O ano pasado tíñamos alumnos de máis para cada posto e non se podía facer un traballo cunha certa calidade ou que tivese algunha transcendencia”, apunta Gómez. Deste xeito, a actividade reduciuse nos últimos meses a revisar o contido do web e o material xa editado, pero non se publicaron novos contidos. “Para este ano hai que ver como arrinca o curso e como están os rapaces”, adianta o coordinador, que apunta tamén que o proxecto é traballar coas gravacións aínda inéditas. De calquera xeito, recoñece tamén que “a publicación de CDs parou en canto pararon as subvencións”.
Éxitos e fracasos
A pesar do amosarse satisfeito co traballo realizado, Gómez apunta que non conseguiron un dos obxectivos cos que naceu o proxecto. “Os alumnos traballan encantados e os resultados son bos”, asegura, sen embargo recoñece que “cando conseguimos os primeiros resultados pretendíamos engancharnos a algunha institución cun certo prestixio e facer cousas cunha certa utilidade”, explica, “as campañas de recollida funcionaron e nos dous primeiros anos tivemos subvencións que nos permitiron mercar equipos para o centro, pero despois deixaron de vir as axudas”. O colectivo barallou diferentes posibilidades de colaboración para difundir o seu traballo, como editar un disco que recollese historias ambientadas exclusivamente nun concello ou buscar a colaboración de entidades dedicadas ao estudio da lingua. Sen embargo é optimista sobre a continuidade do proxecto. “No instituto estamos sempre a mesma xente e os hábitos para facer isto xa son coñecidos, o que non queremos é que o proxecto arrefríe moito”, di Gómez. Será cousa de arrimar as conversas á lareira.