Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Milladoiro de estrelas

Milladoiro de estrelas

FOLK | agosto 9, 2004

Imprimir

Un milladoiro é un monte de pedras pequenas amoreadas pouco a pouco polos peregrinos ou romeiros que se dirixen a un lugar de culto relixioso. Pero en Galicia hai outro Milladoiro, con maiúsculas, que leva anos espallando a música galega por todo o mundo. Con varios discos e numerosos premios, Milladoiro é máis que un grupo musical, soporta nas súas costas ser considerado unha icona da cultura galega.

Detrás de Milladoiro hai unha discografía de máis de quince títulos propios outros tantos colectivos que inclúen temas de Milladoiro así como discos doutros artistas cos que teñen colaborado. Alén da súa extensa produción musical, destaca a peculiaridade de ter encontrado un estilo musical de seu, enraizado nos valores galegos e que tivo un bo respaldo popular.

A unión fai a forza.
Os artífices desta formación teñen dous nomes propios: Antón Seoane e Rodrigo Romaní (que abandoou a formación en 1999). "O grupo nace en 1978, conta Romaní, como resultado da percura dun estilo musical que lle dera un enfoque máis étnico ou etnicitario á música que por aquela época facíamos, e que tiña sonoridades tanto da música antiga (especulacións medievalísticas con sons de instrumentos supostamente antigos ) como da música tradicional galega". Precisamente esta era a achega de Xosé Vicente Ferreiros, Nando Casal Tacón e Moncho García Rei, que formaban "Faíscas do Xiabre", un cuarteto tradicional que se desfixo ao apareceren públicamente Milladoiro.

Rodrigo Romaní incide nos principios que deron semellante unión, ao afirmar que se "trataba de encontrar un camiño ollando e copiando modelos que estaban a producirse en outras sociedades similares á nosa en cuestións de música popular tradicional e a súa incorporación ás estéticas e aos hábitos de vida urbáns que ignoraban a decadente cultura rural. Na mesma onda estaban grupos e solistas como Doa ou Emilio Cao que gravaron os seus primeiros traballos antes que Milladoiro, mais fomos nós os que encontramos cáseque inmediatamente o respaldo maioritario".

A fórmula do éxito
As inquedanzas que tiñan os integrantes de Milladoiro eran semellantes ás uqe se estaban a producir en Irlanda e Francia. Grupos míticos como The Bothy Band, The Chieftains, Alan Stivell marcaron o camiño que debía seguir Milladoiro e foi asi como comezaron a arranxar pezas do repertorio tradicional que ofrecían dos cancioneiros (Bal e Gay, C. Sampedro) e das interpretacións dos gaiteiros máis populares (Portela, Cruceiros, Areeiras, Campaneiros,...etc). E todo isto envolvíase nun directo no que facían algo máis que interpretar, decer cousas sobre a sociedade daquel tempo, integrar aos máis xóvenes no concerto. Para Romaní Milladoiro foi encontrándo a formula o éxito "estar no momento axeitado no lugar axeitado".

Xuntando pedras
Tal coma os milladoiros no que os peregrinos van amoreando pedras, Milladoiro foi tamén aposentando as súas. En cada disco, en cada colaboración e en cada premio que Milladoiro ten no seu haber foi configurándose como un icono da música e da cultura galega, ao mesmo tempo que foi marcando un camiño nídio no panorama musical. Pero Milladoiro tamén sufríu cambios porque, alén dos que hoxe forman a agrupación (Xosé V. Ferreiros, Nando Casal, Antón Seoane, Xosé A. F. Méndez, Moncho García, Roi Casal, Harry.C e Manú Conde), estiveron Laura Quintillán, Michel Canda, Antonio Seijo ou Rodrigo Romaní. Uns cambios que non mudaron a súa filosofía nin os seus principios musicais, aos que seguiron fieis durante estes vintecinco anos. E en parte, isto foi o que motivou algúns abandonos. Romaní abandonou o grupo en 1999 porque "teño un carácter inquedo que estábame a decer que fixera outras cousas e que diversificara a miña actividade". Hoxe Rodrigo Romaní sacou un par de discos en solitario, colabora con outras formacións (por exemplo, "Non Trubada"), produce a Orquestra Folk "SonDeSeu" e numerosos proxectos máis.

Celebrando XXV anos
Enmarcado dentro do programas de actividades do Xacobeo, Milladoiro vén de celebrar en Padrón un concerto conmemorativo do seu XXV aniversario. Pero a formación non quere facelo de costas áo público que lle foi fiel durante tanto tempo e abriu na súa páxina web un foro para que fosen os propios internautas os que decidisen cómo celebrar os seus XXV anos, un espazo que aínda está aberto a calquera suxestión.