Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Unha empresa coa orella posta

Unha empresa coa orella posta

MISCELáNEA | xullo 14, 2004

Imprimir

Estamos afeitos a ver o traballo de recuperación do noso patrimonio musical e sonoro coma un labor que se desenvolve exclusivamente grazas ao traballo voluntario de afeccionados ou á iniciativa de institucións públicas. Sen embargo, existen outros xeitos de encarar este tipo de traballo, e para demostralo nacía, hai agora un ano, a empresa Ouvirmos, especializada na recuperación e a difusión da música tradicional.

A afección fíxose traballo. Ramom Pinheiro e José M. Aldea levaban xa arredor de seis anos a traballar encol da música tradicional, formando un importante arquivo sonoro e desenvolvendo pequenas iniciativas sobre este tema. A formación coma músico e historiador de Pinheiro e a experiencia de Aldea nos máis diversos ámbitos profesionais deron nun equipo idóneo para decidirse a progresar e profesionalizar esta actividade. "Co paso dos anos, co incremento da colección discográfica e coa maduración das nosas iniciativas, fomos vendo a necesidade de tomar forma empresarial", explica José M. Aldea. O traballo que desenvolven "abarca distintos tipos de proxectos en torno ao patrimonio musical, aínda que se nos coñece fundamentalmente pola recuperación de gravacións antigas". Deste xeito, as actividades de formación ocupan boa parte da actividade da empresa. "Obradoiros, ciclos de concertos comentados... Todo o referente á documentación, investigación, divulgación e formación sobre música histórica galega está dentro do noso campo".

O momento
Unha pregunta que xorde ao falarmos sobre a aparición de iniciativas empresariais relacionadas co noso patrimonio é por que agora? "Nos últimos anos a visión sobre o patrimonio está a mudar" sinala Aldea, "é certo que a nosa iniciativa resultou pioneira aquí, mais iniciativas deste signo levan desenvolvéndose no noso contorno, en lugares coma Portugal, Andalucía ou Bretaña desde hai máis de vinte anos". O concepto de posta en valor do patrimonio está detrás da filosofía de Ouvirmos. "É importante a posta en valor dos recursos que ofrece o Patrimonio Cultural, non só os recursos tanxíbeis, senón tamén o patrimonio intanxíbel coma a música". Na empresa son optimistas sobre a actividade encol do patrimonio inmaterial, até os últimos anos pouco investigado e recuperado. "Somos conscientes de que a nosa iniciativa contribúe a valorizar esta parte do patrimonio até agora esquecida, sen dúbida a situación mellorará co paso dos anos", resume Aldea.

O patrimonio pendente
Polo de agora, de calquera xeito, fica moito traballo por facer na recuperación de música tradicional e das gravacións pioneiras neste estilo. "Nós mesmos sorprendémonos habitualmente con todo o que se vai descubrindo, de todas formas o noso interese está centrado fundamentalmente en gravacións de máis de cincuenta anos que chegan até nós en soportes coma discos de gramófono, cilindros de cera ou cinta magnetofónica". Como é evidente tense noticia dalgunhas gravacións que aínda están por descubrir. Entre algúnhas das máis destacadas, desde Ouvirmos citan "Un disco de gramófono realmente difícil gravado en 1904 pola Coral Coruñesa 'El Eco' ou unha gravación feita en 1905 en Madrid polo gaiteiro Pepe Poceiro, de Xeve".

Traballos e catálogo
Nestes doce meses de actividade o principal traballo que desenvolveu Ouvirmos foi a participación nas actividades do Ano da Música de Pontevedra. Para esta iniciativa recuperaron as gravacións do coro Aires da Terra, organizaron varios concertos didácticos e traballan aínda en novas actividades didácticas e de rescate de gravacións antigas. Ademais das encargas que desenvolven para colectivos ou institucións alleos a eles, Ouvirmos fai tamén os seus propios traballos de recuperación de gravacións históricas que poñen despois á venda na colección "A Tiracolo". Neste ano de actividade o seu catálogo conseguiu xa dúas referencias. "Non cabe dúbida de que a reedición do primeiro documento sonoro galego, "Aires da Terra, 1904", xa é unha referencia destacada no noso catálogo de gravacións", recoñece Aldea. Na empresa teñen claro que non van conseguir ningún supervendas co seu traballo. "A maior parte das nosas gravacións non van dirixidas ao grande público e destacan fundamentalmente polo seu valor documental". O outro título que teñen polo de agora á venda son as "Cartas sonoras" dos Dezas de Monexas, unha recompilación de gravacións documentais entre os que se inclúen pezas que esta veterana formación rexistraba para lle enviar á emigración.

Proxectos
Para este ano a empresa prevé tirar novas referencias para a colección A Tiracolo. Entre elas, as gravacións da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra onde se pode escoitar a voz de Alexandre Bóveda, as realizadas polo gaiteiro da emigración Manuel Dopazo, as do violinista Manuel Quiroga ou os temas gravados polo coro Toxos e Froles en 1922 que recollen a primeira versión íntegra gravada do Himno Galego. Tamén están a traballar, dentro do Ano da Música, na realización dun itinerario histórico-musical por Pontevedra e na posta en marcha dunha exposición sobre cen anos de soporte sonoro en Galicia que pechará esta actividade na Cidade do Lérez.