Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Entre o amor e o xenio
Entre o amor e o xenio
maio 19, 2004
O Pazo da Ópera abrirá mañá (21:00 horas) o telón para interpretar a "Missa Solemnis" de Beethoven. Con ela arranca o Festival Mozart, a cita musical do ano que desde hai sete temporadas celebra a cidade da Coruña. A partir de aí chegan dous meses de concertos e óperas que gravitan sobre dous eixes: "o xogo do amor" (cuxas citas serán sempre no Pazo da Ópera) e "o espertar do xenio" (programados no teatro Rosalía). Jazz, cine e arte completan un programa que redunda na figura do compositor salzburgués.
O festival Mozart xorde sempre baixo tres piares claves: Wolfgang Amadeus Mozart, que é quen lle dá esencia e sentido de ser ao festival; o tándem montado entre o maestro Alberto Zedda, director do Rossini Opera Festival e asesor artístico da presente edición do Mozart co maestro Víctor Pablo Pérez, director da Orquestra Sinfónica de Galicia e asesor musical; e a unión da Fundación Caixa Galicia e o Concello da Coruña, que son os que achegan os 1.202.024 euros que custa esta edición do evento.
A partitura do número 7
Este é o primeiro festival que leva o selo de Alberto Zedda, quen desde que asumiu a dirección do festival, decidiu darlle unha dirección que se axusta máis ao título de "a propósito de Mozart" que na súa figura en si mesmo. Un camiño que xa iniciara na edición anterior, cando se dera cabida a outros compositores e músicos que dalgún xeito tiveron relación co músico salzburgués ou simplemente foron influídos pola súa música. Ademais diso, este ano caracterízase tamén pola elección de títulos inusuais que resposta ao interese de achegar a Coruña, non só a aqueles espectáculos coñecidos polo gran público, senón de ofrecer algo máis que diferenza a programación coruñesa doutros festivais.
A ópera
O Pazo da Ópera e o Teatro Rosalía de Castros son os dous espazos que acollerán as representacións e, sobre cada un deles se centra unha programación diferente. O primeiro acollerá as montaxes máis complexas que abordan "o xogo do amor". A partir de tres óperas: "O elixir do amor" (1 e 3 de xullo) de Gaetano Donizetti, "A muller do lago" de Gioachino (18 de xuño) de Rossini e "A falsa xardineira"(4 e 6 de xuño) de Wolfgang Amadeus Mozart exhibirase as complexas relacións amorosas en todas as súas variantes, desde o amor cortesá até o liberal pasando polas dificultades e infidelidades.
O teatro Rosalía de Castro deixa o amor dun lado para achegar na xenialidade dos compositores desde as súas épocas máis temperás como proba do seu virtuosismo. Por iso, o título non podía resultar outro que non fose "o espertar do xenio". As óperas primas de Francesco Cavalli "Os amores de Apolo e Dafne" (21 e 23 de maio), de Mozart "A obriga do primeiro mandamento" e de Rossini "O cambio do matrimonio" (11 e 13 de xuño).
Ademais dos títulos, cómpre destacar que serán executada por formacións e solistas, e como non podía ser doutro xeito, figuras do bel canto. Nos vindeiros dous meses estarán na Coruña o director Emilio Sagi (director do Teatro Real), o director de escena Mario Gas (en "O elixir do amor", que é o prato forte do Festival), os coros de cámara de Praga, do Palau da Música de Barcelona e o da Comunidade de Madrid e, por suposto, a orquestra residente, a OSG.
Os concertos
O apartado concertístico, os solistas de piano, violín ou contrabaixo executarán pezas de Bela Bartok ou os caprichos de Paganini, o que servirá para dar mostra dun virtuosismo musical. De todos os xeitos, os recitais vogais presentarán cancións que, seguindo o compromiso do festival coa música de actualidade, darán conta un amplo repertorio do século XX. A soprano Luísa Castellani, a mezzo Silvia Tró Santaafé, Marie-Ange Todorovitch e a contralto Ewa Podles son algúns dos reclamos dos concertos programados.
As outras actividades
O Festival Mozart continúa na liña iniciada en edicións anteriores ao ofrecer un programa máis variado que inclúe tamén jazz, cine e exposicións. Como un exemplo de que a música clásica pode rodear a outras actividades ás que habitualmente non se asocia.
En colaboración co Forum Metropolitano proxectaranse as películas de Milos Forman ("Amadeus", 3, 4 e 5 de xuño), Ingmar Bergman ("A frauta máxica", 10, 11 e 12 de xuño), Jane Campion ("O piano", 17, 18 e 19 de xuño), Claude Chabrol ("Madame Bovary", 24, 25 e 26 de xuño). Ademais diso, a Fundación Caixa Galicia ten previsto programar no mes de agosto a mostra "O trazado dos mestres: De Guercino e Canova". Todo arredor de Mozart.