Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Curriculum musicae
Curriculum musicae
febreiro 18, 2004
Non hai moito tempo aprender a tocar o piano, o violín ou mesmo a guitarra era cuestión dunha minoría porque o acceso estaba restrinxido a unha elite da sociedade. Pero eses tempos pasaron á historia. E hoxe estudar música non só se pode facer en case todas as vilas de Galicia, senón que alén diso, ese esforzo se compensa alcademicamente.
Desde que en 1990 o Goberno equiparou a estrutura xeral do sistema educativo coas ensinanzas artísticas (que inclúen danza, música e teatro), estudar música xa non é un hobby. Pero ser músico é unha carreira de fondo non sempre exenta de esforzos.
Un estudo de réxime especial
O primeiro conservatorio que se documenta como oficial e público en Galicia data de 1942 na Coruña. Foi precisamente neste ano no que se publicou un decreto que conformou o primeiro regulamento estatal sobre ensinanzas musicais e que vén a completar as referencias lexislativas en materia de conservatorios da coñecida como lei Moyano (do 9 de setembro de 1857).
Desde entón e até hoxe os conservatorios públicos, as escolas de formación (tanto de titularidade municipal como privada) multiplicáronse como cogumelos por toda a xeografía galega e arredor de 40.000 alumnos, segundo datos da Consellaría de Educación, estudan anualmente algún instrumento.
E a cifra pode aumentar porque, segundo un anuncio feito por Manuel Fraga, as setes grandes cidades galgas contarán co seu respectivo centro que complete a rede de conservatorios de música de Galicia. E fíxoo público mentres inauguraba o segundo conservatorio dependente da administración en Vigo. Co centro olívico existen conservatorios Profesionais na Coruña, Lugo, Ourense, Ferrol e Pontevedra, estando algún deles en vías de construción dun novo edificio.
Axudas musicais
E toda a infraestrutura montada para ensinar música poderán optar ás axudas que anualmente concede a administración e que, segundo facilitou a Consellaría de Educación nunha nota de prensa, ascende este ano a 900.0000 euros. No caso dos conservatorios municipais de grado elemental ou profesional poderán optar a axudas máximas de 54.000 euros. E estes son os conservatorios que imparten as mesmas especialidades que nos de titularidade da Xunta de grao elemental e medio. No caso das escolas publicas a subvención máxima é de 40.000 euros cada una e as privadas até 4.000 euros por centro.
O obxecto destas axudas é o de, segundo a nota de prensa, "tentar axudar aos Conservatorios a realizar adaptacións estruturais e a complementar os orzamentos necesarios para poder cumprir os requisitos mínimos que a normativa lles esixe para poder impartir as ensinanzas". No entanto, a realidade vai por outro camiño e os Conservatorios Municipais fartos de que estas axudas sexan insuficientes para ofrecer unha práctica musical con garantías, decidiron unificarse para reivindicar a súa situación. Nacía así en xuño de 2003 a "Asociación Galega de Conservatorios Municipais" (Agacom) integrado por unha trintena de centros de toda Galicia e que representaban unha matrícula de 3.000 alumnos e 300 traballadores. Entre os seus obxectivos estaba e está o de conseguir un incremento das axudas da Xunta, alén de conseguir implicar ás deputacións provinciais. A este respecto cómpre indicar que só a Deputación de Pontevedra concede subvencións ás escolas e conservatorios.
Títulos e especialidades
Desde que en 1990 o goberno entroncou as ensinanzas artísticas, en xeral, e a ensinanza da música e da danza, en particular, coa estrutura xeral do sistema educativo, os estudos musicais teñen títulos en función dos seus grados. Así, o estudo superior equivale a un título de licenciatura, o grado medio a un título de bacharel e o grado elemental a ensino primario. Actualmente pódense cursar en Galicia estudos de música regrada nos graos elemental e medio, e de primeiro e segundo curso do grao superior, alén de ensinanzas non regradas de música nos grados elemental e medio. Logo, para algunhas especialidade e para completar os estudos superiores hai que emigrar ben a Madrid ou a Barcelona, ben a calquera outra cidade europea.
Segundo se destaca no libro "As ensinanzas de música e danza en Galicia" editado pola Xunta de Galicia, no grado elemental pódense estudar 23 especialidades, no grao medio 26 e no superior 36. Pero poderían ser máis, porque esporadicamente os conservatorios e escolas privadas piden unha ampliación. Por exemplo, hai seis meses, o conservatorio de Arzúa pediu que se homologasen as especialidades que corresponden á chamada música electrónica ( que abrangue instrumentos como batería, baixo, guitarra eléctrica...). Unha iniciativa que xurdiu logo do bo éxito colleitado polo curso de música moderna que se leva impartindo desde hai case seis anos.