Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / A nave folk
A nave folk
setembro 24, 2003
No centro xeográfico de Galicia, en Lalín, existe un lugar único no que se concentra a investigación, o ensino e a práctica da nosa tradición musical. Desde 1999, o Conservatorio de Música Tradicional e Folque aplica as técnicas do ensino regrado á transmisión do noso legado sonoro e busca, xa non só o mantemento da tradición, senón a evolución da música de raíz galega.
Todo comezou hai xa varios anos. Desde a asociación xuvenil Berra de Lalín levaban xa algún tempo dándolle voltas á idea, a partir da experiencia acumulada na organización da Foliada de Lalín, e dos contactos con estudiosos da nosa música coma Uxía Pedreira. Luís Areán é un dos nomes máis importantes á hora de falarmos da historia do conservatorio, e foi quen convenceu a Uxía para presentar a idea no concello e conseguiu o apoio necesario para desenvolver o proxecto. Un intenso traballo establecendo plans de estudio e organizando un corpo de ensinantes permitiu que para o curso 1999-2000 os interesados en aprenderen música tradicional contasen cun centro dedicado en exclusiva a este fin: o Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín. O concello achega boa parte do financiamento do centro, que depende tamén dos cartos que se obteñen a través das matrículas para funcionar. Uxía observa “Este conservatorio hoxe está en Lalín e mañá pode estar en calquera outro lugar, existe un deseño de aula, de centro, uns contactos e unha organización. Isto é unha nave espacial”.
Os alumnos
Entre oitenta e cen persoas achéganse cada ano desde todo o país ás aulas do conservatorio. Existe, por proximidade xeográfica un grande número de alumnos da comarca do Deza. Segundo Uxía, “en principio son músicos afeccionados, e en cada instrumento pode haber xa dous ou tres que teñan interese profesional pola música”, un camiño en que, asegura a directora “o equipo docente apoia ao seu alumnado ata que comeza a voar só”. Gaita, zanfona, canto, percusión, requinta e acordeón diatónico. Catro cursos de linguaxe musical e materias que abordan a formación específica sobre a música tradicional, a súa recollida e o contexto en que se crea. Ademais, e como materia optativa, a opción de participar no combo folk que se creou no propio conservatorio e que ten as súas horas de ensaio dentro do propio horario lectivo. “É un lugar para aprender a tocar en conxunto e mirarse, para aprender cal é o protagonismo e o lugar de cada instrumentista dentro do combo”, aclara a directora.
Especialidades
Ao longo do ano impártense varios cursos monográficos que se dedican a instrumentos e técnicas concretas ou a coñecer músicas folclóricas de todo o mundo e que completan a oferta de ensino do centro. Neste tipo de cursos impartíronse desde pandeireta a inglés e francés para músicos, danza e percusión africanas ou unha introducción ao flamenco. Desde o curso 2002-2003 creouse un programa específico para a infancia e a mocidade no que se ofertan clases de iniciación ao folclore, ao canto e á linguaxe musical, ademais de clases dos mesmos instrumentos que o programa normal. Cada materia solta cústalle ao alumno 126 euros ao ano, aínda que hai un desconto ao facer o curso completo.
Os profesores
Impartindo estas clases temos algúns dos máis coñecidos profesionais do mundo folk galego. Para ensinar gaita está Edelmiro Fernández, gañador do prestixioso premio McAlland do festival de Lorient. Para a zanfona está Óscar Fernández, dos Cempés. Do acordeón diatónico encárgase Pedro Pascual, do grupo Laio. A frauta e a requinta son cousa de Roberto Sala, membro de Acibreira e do grupo de música medieval Martín Codax. Francisco Estevez, antigo membro de Chouteira leva as clases de percusión. A linguaxe musical, curiosamente, ensínaa alguén que non provén do mundo do folk. Benxamín Otero era un músico da banda de Lalín que pouco a pouco foise achegando á música tradicional e que adapta as súas clases de solfexo a este xénero. Unha das materias máis importantes dos cursos, a Teoría e Método do Folclore, é impartida por Xosé do Pico. Finalmente a dirección do centro, así coma as clases de canto, corren por conta de Uxía Pedreira, antiga voz de Chouteira e actual vocalista de Marful e de Ecléctica Ensemble.
Resultados
A pesar do pouco tempo que leva o centro en marcha, xa se poden ver os primeiros froitos deste traballo. O combo de música tradicional no que os alumnos do conservatorio realizan as súas prácticas xa actuou en diferentes lugares de Galicia e son varios os alumnos do conservatorio que participan en diferentes jam sessions en locais coma o pub Barriga Verde de Lalín. Tamén son xente do conservatorio os membros de Eclectic Ensemble, grupo que investiga na música tradicional a partir da percusión e da voz, coa propia Uxía Pedreira á cabeza. E do centro saíron os grupos Linho do Cuco, da Estrada e Grodan de Flo, de Lalín. Mentres os primeiros están para gravar o seu primeiro disco, os segundos gañaron o concurso folk de Radio Obradoiro. Tamén eventos coma o Encontro de acordeón diatónico ou o Congreso de antropoloxía musical levan o selo deste centro.
Outros sitios
A canda o conservatorio de Lalín unicamente na Escola de Artes e Oficios de Vigo existe un centro especializado en música tradicional. Alén disto, por toda Galicia abondan escolas de gaitas (municipais coma a da Coruña ou mesmo provinciais, coma a de Ourense) e de instrumentos concretos, así como asociacións que dan clases deste tipo de música. Tamén nalgúns conservatorios, coma o de Vigo, impártense clases de gaita, pero “Lalín é quizais o primeiro que apostou por un deseño curricular propio en cada instrumento e tamén por abrir unha liña teórica e de investigación”.
Rumbos novos
Este mesmo ano entra en vigor un novo plan de estudios no que se inclúe como obrigatoria a materia de solfexo e entra coma nova materia teórica a Historia da Música Galega. Ademais, aparece un curso preparatorio anterior aos catro que compoñen os dous ciclos de ensino e outro curso de especialización posterior aos mesmos. Tamén para este ano presentarase o disco do grupo de gaitas de Lalín Dezas de Moneixas, un recompilatorio gráfico e musical elaborado desde o centro en colaboración coa Radio Galega e coa empresa de documentación musical Ouvirmos. Para completar os proxectos do curso 2003-2004, e alén dos numerosos seminarios que haberá no ano, o conservatorio quere presentar a súa propia revista e por en marcha unha asociación na que se vexan representados os músicos tradicionais e folk de todo o país. Como se pode ver, unha nave que segue o seu rumbo cargada das nosas esencias musicais.