Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Outono con ópera
Outono con ópera
setembro 11, 2003
Con cincuenta anos ás súas costas, o Festival de Ópera da Coruña inicia mañá a temporada musical do outono. Será a obra de Verdi, Rigoletto, a que se encargue de iniciar un festival que chega con dúas novidades con respecto á edición do ano pasado: a Asociación de Amigos da Ópera volve asumir a dirección dun evento que non contará coa Orquestra Sinfónica de Galicia.
“Esperemos que a OSG, patrimonio de todos os coruñeses, poida formar parte do vindeiro festival de Outono”. Con estas palabras Natalia Lamas, a presidenta da Asociación de Amigos da Ópera evidenciaba o que hai xa tempo que se sabía: que a OSG non asumiría nin participaría no festival de outono da Coruña. E así o fixo constar na rolda de prensa coa que se deu a coñecer o programa.
Esta edición
“Rigoleto” de Verdi será a obra encargada de abrir o programa, e será a cargo da Orquestra Sinfónica de Málaga baixo a dirección de Daniel Lipton. A gala lírica terá lugar o día 20 de setembro, onde María José Moreno e Ángel Ódena interpretarán obras de Rossini e Donizetti coa Orquestra do Norte de Portugal. O máis destacado desta temporada de outono musical é que cada ópera contará cunha conferencia divulgativa para dar a coñecer cuestións que non se aprenden cunha simple audición.
Un programa significativamente diferente ao do ano pasado, que contaba con representacións estelares de formacións orquestrais e de directores de escena que chegaban á Coruña con programacións innovadoras, que amosaban as últimas tendencias do panorama mundial.
O programa péchase o 27 de setembro con “La Dolores” de T. Bretón a cargo da Orquestra e Coro do teatro de Madrid, dirixida por Carlos Riazuelo e Adelino Barrio.
Un antes e un despois
No 2002 o Festival de Ópera da Coruña cumpría cincuenta anos con dúbidas sobre a súa continuidade. O festival nacera da man da Asociación de Amigos da Ópera que, desde un punto de vista afeccionado, loitaba por levar adiante un evento pouco característico en Galicia. Anos despois da creación da Orquestra Sinfónica de Galicia, a formación herculina fíxose cargo do evento. Aínda que isto foi só por un período de dous anos o que lle deu ao festival, xa non só prestixio, senón ademais un pulo profesionalizador. Pero dous festivais anuais (este e o Mozart en primavera) e os compromisos adquiridos coa OSG fanse inviables, xa non só a nivel de calendario, senón tamén a nivel económico.
De feito, o ano pasado Víctor Pablo Pérez, director da OSG anunciou que era economicamente insostible, e habería que escoller. E malia que o Festival da Ópera é un dos máis antigos do circuíto musical español, o festival Mozart, con só sete anos de vida, conseguiu situarse “no mapamundi de festivais europeos, tanto pola altísima calidade interpretativa, como por ter realizado produccións de grande importancia”. As palabras de Víctor Pablo non deixaban lugar a dúbidas. Sería a última vez que a OSG asumise a dirección do Festival. A isto engadíaselle tamén un novo compromiso da OSG, que era o de ser orquestra residente nun dos festivais máis importantes e coñecidos, o Festival Rossini de Pésaro, que mantivo ocupada a formación durante o mes de agosto. Setembro era, e é pois, o mes de descanso dos músicos da OSG despois de todo o traballo acumulado no ano musical.
Amigos da ópera
A Asociación de Amigos da Ópera foi sempre a cabeza visible da organización do Festival herculino. A ela débeselle o feito de sentar e crear unha tradición operística, xa non só na Coruña, senón tamén en Galicia, a base de esforzo e vontade. Este ano, no que se volve encargar da dirección do evento, conta con novas incorporacións á xunta directiva. Unha nova dirección que destaca pola súa xuventude e que chega para asumir con espírito renovado todos os seus propósitos.
Ana Vasco é a nova secretaria, Vicente Iglesias Martelo é o novo tesoureiro, e Luís Loureiro e José María Fouciños son os vocais. A renovación inclúe tamén un logotipo que, en palabras da súa presidenta, Natalia Lamas, “está máis adaptado aos novos tempos”.