Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / A música para Galicia

A música para Galicia

CLáSICA/LíRICA | xullo 3, 2003

Imprimir

As batutas xa comezaron a moverse dentro do Festival Internacional de Música de Galicia. A quinta edición ten a Santiago como sede principal, albergando os mellores dos 22 espectáculos que hai programados e que tamén levarán a música ás principais cidades de Galicia. Esta noite terá lugar no auditorio de Galicia o primeiro punto forte da programación. O director Daniel Barenboim dirixirá á Staatskapelle de Berlín en favor dos afectados polo Prestige e amosando a súa traxectoria, que o fixo merecedor do premio Príncipe de Asturias.

A columna vertebral da quinta edición do Festival Internacional de Música de Galicia que organiza a Consellería de Cultura co patrocinio do Xacobeo ten un nome propio: Santiago de Compostela. E é porque a cidade compostelá acollerá 17 dos 22 concertos que forman o cartel dun festival que chega manténdose na liña continuista de pasadas edicións. Non hai grandes novidades en canto a xéneros, o programa segue a ser descentralizado e para as principais cidades de Galicia e continúa a buscar entre o seu repertorio programas coñecidos da música culta. O principal acerto do festival é que atrae ata Santiago a figuras de primeira plana e de recoñecido prestixio dentro do panorama musical internacional.



Música solidaria

Sen ir máis lonxe, esta noite o Auditorio de Galicia acollerá un dos principais concertos do Festival. Trátase do concerto que o recoñecido director Daniel Barenboim ofrecerá dirixindo á Staatskapelle de Berlín. Un concerto que ten un matiz solidario e que forma parte do Plan Especial de Turismo Cultural para Galicia, patrocinado polo Ministerio de Educación e Cultura e do que se esgotaron as súas localidades ao pouco de abrir o despacho de billetes.



O músico arxentino-israelí cumpre coa súa promesa de ofrecer un concerto solidario cos afectados polo vertido do “Prestige”, e a esa causa se destinan os fondos do concerto desta noite. Unha solidariedade habitual no director e que o fixo merecedor o ano pasado do Premio Príncipe de Asturias da Concordia, polo seu trabalo conxunto con Edwar Said dirixindo a West-Eastern Divan Workshop, que reúne a músicos de Irsael e Oriente Medio. Esta noite no auditorio soará Schumann (a sinfonía número 4) e Beethoven (Sinfonía número 5) e o mesmo Baremboin sentará ao piano, co que amosará a súa calidade.



O programa, que comezou o martes tamén en Compostela cos valses e polcas da familia Strauss, tamén ten máis reclamos. Mañá venres volve a Galicia por segunda vez neste ano a soprano americana Barbara Hendricks, acompañada ao piano por Michael Wendeberg, e interpretarán un programa variado que inclúe a Nielsen, Fauré, Grieg, Granados, Duparc, Bizet e Falla.



Tamén en Santiago (o día 9) Teresa Berganza e a asúa filla Cecilia Lavilla ofrecerán un programa orixinal “a dúo” con pezas de Monteverdi, Haendel, Pergolesi, Paisiello, Haydn, Mozart, Rossini e Donizete. E o 11 Mstislav Rostropovich, cunha orquestra practicamente descoñecida, a moza Orquestra da Comunidade Valenciana, ofrecerá outros dos programas que terá máis demanda de público e que será dirixido por Manuel Galduf.



Aínda que o eixe principal do programa desenvólvese en Compostela, as principais cidades de Galicia acollen cadansúa representación, de balde, que comezan hoxe en Vigo cun recital lírico; continúan o martes 8 co quinteto barroco “La folía” en Pontevedra; o día seguinte en Ourense o cuarteto Karol Szymanowski; en Lugo, día 15, o pianista Iván Martín interpretará a Debussy e a Chopin. Pecha o ciclo programado para as cidades, o propio día da clausura do festival, o 18, a Real Filharmonía de Galicia e o Orfeón Terra a Nosa con Ros Marbà como director no Pazo da Ópera da Coruña.




Galicia ou Mozart

Os melómanos galegos terán que dividirse ou escoller para compoñer a súa axenda de concertos porque as datas dalgúns dos concertos máis destacados do Festival Internacional coinciden coas actuacións que pechan o festival Mozart. Así, os asistentes terán que escoller entre Barenboim ou Pier Luigi Pizzi que estrea a nova producción do Tancredi de Rossini; ou nos recitais de mañá entre Bárbara Hendricks e a soprano Mariella Devia que actuará na Coruña.



Aviso para navegantes

Para poder mercar as localidades para o Festival Internacional a organización abriu o despacho de billetes na rúa do Hórreo 61 en Compostela en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas de luns a venres e os sábados de 10:00 a 14:00 horas; ou tamén se poden mercar a través do servicio de tele-despacho de Caixa Galicia no 902 43 44 43.