Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / A propósito de Mozart
A propósito de Mozart
maio 20, 2003
Mozart e a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG). A OSG e Mozart. O Festival Mozart arrincou esta fin de semana recuperando a ópera do mallorquino Antonio Literes, “Jupiter e Semele”, coa que amosa que o certame xa non só se centra na figura do compositor salzsburgués, senón tamén na de compositores e músicos que dalgún xeito tiveron relación con el ou simplemente foron influídos pola súa música.
O sábado arrincaba na Coruña a VI edición do Festival Mozart recuperando do esquecemento a ópera “Júpiter e Semele” do mallorquino Antonio Literes. Era a homenaxe a unha zarzuela barroca que viviu no esquecemento e que estaba a interpretarse con éxito noutras cidades do mundo como San Francisco, Berlín ou Barcelona. Con esta nova incorporación á listaxe de autores representados no festival comeza unha edición que pretende ser de transición e que aparece con novos reforzos diante e detrás do pano.
Os cambios: o selo Zedda
Quince anos despois da súa creación o Festival Mozart estrea este ano o seu segundo director. É o coñecido e prestixioso musicólogo Alberto Zedda que chega á Coruña logo da súa sonada traxectoria no festival Rossini en Pésaro. Precisamente o festival co que a formación residente da cidade herculina, a Orquestra Sinfónica de Galicia, mantén un romance musical desde hai un tempo. E precisamente será ata a cidade italiana onde se desprazará este verán a OSG para participar no festival Rossini que impedirá que a formación se faga cargo da outra cita operística coruñesa, o Festival da Ópera.
O festival Mozart deste ano comezou sendo fiel aos principios e aos sinais de identidade do seu creador Antonio del Moral. O que quere dicir que nesta temporada aínda se manteñen nas programacións os postulados e os obxectivos sentados por el. E que non se verá ata as sucesivas edicións a man de Zedda. Por iso, xa oíu falar de que esta edición ha de ser de transición.
O programa
Entre os sinais de identidade marcados por del Moral destaca a integral das Sonatas para piano de Mozart. É a liña vertebral pola que discorre a programación deste ano.
Estas pezas serán interpretadas por cinco xeracións de pianistas españois (desde Alba Ventura ata Almudena Cano) encargados de achegalas ao cada vez máis esixente público coruñés. Continúa o círculo clasicista cos Rondós K485 e 545 e coa Fantasía K 475 e, para completar todo o capítulo mozartiano, “El rapto en el serranillo” que se representa por primeira vez no certame e que estará a cargo do coñecido director Jesús López Cobos.
O ciclo, xunto coa zarzuela coa que arrincou o festival este sábado (“Júpiter y Semele”), son as principais novidades da programación deste ano. Unha programación que deixará de centrarse na figura do salzburgués para darlle cabida e presencia a outras figuras nacida ao abeiro de Mozart. Hai xa vellos coñecidos para o público coruñés. “La flauta mágica” de Els Comedians, e “Zaide”, así como apostas novidosas entre os eixes do festival: óperas, concertos, música de cámara e recitais.
En clave de Mozart
“Son moitas as claves dun festival como o Mozart -segundo apunta Víctor Pablo Pérez, director da OSG-, por unha parte está a calidade, porque está baseado na espiña dorsal dunha orquestra residente que é ideal e imprescindible para tocar a Mozart e a este estilo”. E non só iso, para poder organizar un festival destas características precísanse cartos porque aínda que a recadación no despacho de billetes é moi boa resulta insuficiente para poder sufragar todos os custos. E para Víctor Pablo o Festival Mozart ten ese apoio “claro, decidido, valente, de Caixa Galicia que fai del un festival cunha enorme personalidade e que é unha das claves do éxito”. E iso permite “elaborar un repertorio que ninguén fai e que nós facemos dun xeito moi específico e cunha enorme calidade, creando dúas funcións de cada título e conseguindo que o palacio da ópera se encha”. E isto ten ademais un valor engadido que é o de non representar montaxes que se desenvolvesen preto de Galicia, o que podería desvalorizar a calidade do festival, senón arriscando, poñendo cartos e crear montaxes novas. E como Víctor Pablo apunta “a clave dunha grande ópera é poder repetila tres, catro e cinco veces para poder atraer a eses cantantes e poder facer rendibles os altísimos custos que supón baixar ou subir o pano”.
O festival Mozart con só seis anos de andaina conseguiuno, enchendo as dúas sesións de cada ópera. Unha tendencia que seguirá cara ao futuro. A partir do 2004 prolongarase o repertorio, pero sempre dentro do “belcanto”. Iso si, cada ano definirase unha liña temática e irase ampliando o festival, aumentando a nómina de autores interpretados. Pero sempre a propósito de Mozart.