Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Tocando nos flancos da música tradicional

Tocando nos flancos da música tradicional

ANTIGA | abril 14, 2003

Imprimir

As cantigas medievais galegoportuguesas. Pegadas hebraicas na nosa música popular. O papel das mulleres na música tradicional galega. A colección de discos sobre España recompilados por Alan Lomax. A construcción dunha identidade colectiva a partir da música. Todos estes temas, e uns cantos máis, teñen un factor común. Trátase de Judith Cohen, unha etnomusicóloga canadense que nos últimos trinta anos analizou aspectos moi pouco coñecidos da nosa tradición melódica.

Sucesións de casualidades. É quizais o mellor xeito de explicar como rematou a canadense Judith Cohen en Galicia, aló a mediados dos anos setenta. Todo comezou en 1973 en Sarajevo, onde unha moza, “bastante hippy”, segundo ela mesma, e afeccionada á música, estaba a pasar unha temporada. Aló, alguén lle falou da costa mediterránea española, e aínda que o interese inicial non era moito, a chegada do frío decidiu á moza a achegarse ata Castellón, onde tiña un contacto. Logo dun tempo nesta provincia, de novo un amigo falou de Galicia, onde, segundo lle dixeron, “podía atopar moitas cancións”. “Eu viaxaba buscando a música”, asegura, e facendo auto stop coñeceu un catalán que se dirixía ao noso país para facer fotografías. “E por aló estivemos movéndonos, eu preguntando pola música, el buscando fotografías...” Ata que alguén dixo que en Lugo había unha xente que recollía música tradicional e a cantaba. Alí foron e atoparon na Casa do Pobo un matrimonio cun fillo daquela moi noviño. Era Mini, futuro fundador de Fuxan os Ventos e un dos máis reputados coñecedores da nosa música tradicional.



A construcción da identidade

Desde aqueles primeiros contactos, Judith Cohen veuse achegando periodicamente a Galicia e coñecendo cun grande número e intérpretes e de estudiosos da nosa tradición musical. Logo dun intermedio de varios anos durante os oitenta, en 1993 un novo encontro casual en Madrid levouna de volta a Galicia, a ofrecer un Vigo un recital de música sefardí. “E alí foi onde me coñeceron os de Ribadavia e me convidaron a dirixir o encontro sobre este tipo de música”. Deste xeito, en 1994 “Son de Matria” reunía na vila do Ribeiro a destacados especialistas de todo o mundo nesta tradición. A profesora voltaría a Ribadavia en 1996 para impartir un curso sobre música tradicional dos Balcáns e en varias outras ocasións para dar concertos. A súa experiencia coa celebración da Festa da Istoria e a recuperación da memoria hebraica na vila fíxoa reflexionar sobre a construcción da identidade que se fai naquel lugar. “Saquei uns artigos sobre o emprego da música na creación dunha neoidentidade. Hai que ter en conta que a xente de Ribadavia non ten nada en absoluto que ver cos xudeus, é algo completamente inventado, empregan o referente xudeu para construír unha pseudoidentidade de grupo, é algo complicado”, lembra.



Arredor de Lomax

Sería en Ribadavia precisamente onde escoitaría falar por primeira vez das gravacións galegas de Alan Lomax, sen sospeitar que pouco tempo despois, en 1998, chamaríana da Fundación creada polo musicólogo para dirixir a edición do material que Lomax recollera durante a súa estancia en España nos anos cincuenta. Deste xeito, en colaboración co galego Luís Costa, foi responsable da edición de “The Spanish Recordings: Galicia”, no que se recollen as gravacións pioneiras que fixera o americano no noso país. Con ocasión deste traballo pasou de novo por Galicia, onde tivo ocasión de contactar aínda con algúns dos informantes que colaboraran con Lomax. “Estiven o outro día entrevistando a algúns dos seus informantes preto de Ourense que viven aínda”, sinala. A pesar de que aínda queda material inédito da viaxe que realizou o etnomusicólogo polo noso país, Judith Cohen non pensa que se editen novos discos con estes temas. “Estamos falando de deixar copias dos orixinais no Arquivo Sonoro de Galicia”, para que estean accesibles aos estudiosos do noso país.



Na busca dos xudeus



Unha das razóns que levou á profesora a visitar a nosa terra é un proxecto no que leva embarcada xa varios anos, o estudio das pegadas da música xudía na península Ibérica. “Estou a realizar un estudio comparativo do pandeiro cadrado por toda a Raia de España e Portugal”, un instrumento que, na Idade Media, estaba asociado aos xudeus. Para despexar dúbidas, aclara, “non hai música sefardí na Península, hai grupos folk que a cantan, pero a música sefardí é unha música de diáspora. O que eu busco son riscos musicais que tal vez correspondan coa música sefardí”. Uns riscos que se fan máis evidentes no Norte de Portugal, especialmente en Trás-os-Montes e na Beira Baixa, en aldeas de difícil acceso onde aínda hai pegadas da presencia de criptoxudeus. Judith Cohen recorre aínda en moitas ocasións ao medio de transporte que a trouxo a Galicia, o auto-stop. “Gústame porque coñeces xente dunha maneira mellor que indo en coche un só. Ademais eu non conduzo, e os autobuses a esas aldeas son imposibles”. O seu traballo na zona levouna a que nalgunhas casas que visita por primeira vez a reciban dicíndolle “eu sei quen es, es a profesora canadense tola que non ten carro e non ten marido”.



Arredor da muller

Unha das vertentes de estudio que aborda Judith Cohen é a presencia da muller nas tradicións musicais cristiás, xudías e musulmanas. Neste sentido, sinala que, aínda que en Galicia a participación feminina neste eido “non é moi diferente que en outras partes”, si recoñece que “é outro concepto, as mulleres canta moito entre elas”, e advirte moito da mistificación que se fai da muller galega como matriarca que ostenta o poder. “A muller galega faise cargo de tarefas que noutras sociedades corresponden ao home, pero ademais desenvolve tamén os traballos do fogar”.



Cantar, falar, recoller

Onda os seus traballos de investigación, Judith Cohen realiza tamén abondosos recitais, soa ou en compañía da súa filla Tamar Ilana, nos que amosa as tradicións musicais hebraicas de todo o mundo onda música medieval. A etnomusicóloga non abandona a súa faceta de intérprete nin sequera cando fai recollida de material. “Moita veces polas aldeas pídenme que cante algo. En Portugal moitas veces pídenme temas en Búlgaro, failles moita gracia”. A súa última visita a Galicia foi en marzo do 2003, con ocasión do ciclo “Recompilación de materiais de campo na música tradicional” que organizou o Arquivo Sonoro de Galicia, para falar do seu traballo na edición de “The Spanish Recordings: Galicia”. Na actualidade a profesora Cohen colabora na edición dos discos vascos de Lomax, mentres continúa os seus estudios sobre tradicións musicais do seu Canadá natal e investiga sobre as relacións entre a música sefardí e as tradicións musicais ibéricas.