Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Oitenta e cinco anos de toxos reais
Oitenta e cinco anos de toxos reais
febreiro 24, 2003
A comezos do século XX Ferrol vía nacer o Coro Toxos e Froles, unha formación que recollía e actualizaba pezas da nosa tradición musical. A día de hoxe o colectivo mantense asentado coma unha institución na cidade, e afronta o século XXI cun ímpeto anovado que inclúe a inauguración dunha nova sede e a recompilación da súa historia. Mentres, continúa as súas actividades de formación e de difusión da nosa música tradicional.
En 1928 o coro Toxos e Froles, fundado en 1917, conseguía a cualificación de Real, outorgada por Alfonso XIII. Neste ano 2003 celebra o 75 aniversario desta declaración con diferentes actos e editando dous tomos que recollen a ampla e destacada historia dunha entidade que continúa viva e activa en Ferrol. Con 89 anos ás costas, o que o converte no decano dos coros galegos, o Real Coro Toxos e Froles conta na actualidade cuns douscentos socios repartidos nas diferentes seccións que a integran. Ao coro orixinal, que se mantén cuns corenta membros, fóronse engadindo ao longo do tempo outras áreas de traballo. Desde xeito, no ano 2003 existe a Banda de Gaitas Terra de Trasancos, con setenta membros, o grupo de baile Perfecto Feijoo, o grupo de cantareiras Grandaílle e o grupo de instrumentos tradicionais Manuel Lourenzo.
Crecer e ensinar
Hai dous anos, e coincidindo co 86 aniversario da formación, creouse o grupo de teatro Luís Amor Soto, que recuperou algunhas das pequenas pezas que a comezos de século interpretaba o coro no medio das súas actuacións musicais, asinadas por autores coma Chabrón ou Hermida. Os grupos de baile, instrumentos tradicionais e cantareiras desenvolven tamén actividades formativas para persoas non asociadas. Existen ademais escolas de palillado e de bordado, que moven a unhas corenta persoas todas as semanas. Desde a longa experiencia do Coro no ensino da nosa tradición musical o actual director, Pedro Sanz, sinala que “a música tradicional é difícil de manter, só hai catro coros en Galicia, e a xuventude non participa demasiado”. Sanz desexaría “que o profesorado implicase a mocidade de cara á música tradicional. Iniciativas coma a do Conservatorio Folque de Lalín ou a Escola de Instrumentos Tradicionais de Vigo son positivas, pero escasas, e os demais facemos o que podemos”.
Por amor á arte
Estes traballos, coma todas as actividades do Coro, desenvólvense sen ánimo de lucro, cobrando só seis euros ao mes por un curso de gaita. Se estas escolas, que poden mover a unhas duascentas cincuenta persoas cada semana, non contribúen decisivamente ao funcionamento desta entidade, tampouco o fan as cotas dos socios, que se reducen aos tres euros mensuais. As abondosas actuación que tanto o coro coma os diferentes grupos conseguen tanto no país coma fóra realízanse cobrando unicamente os gastos da viaxe e do aloxamento. Son os convenios co Concello de Ferrol, onde o Coro é unha institución recoñecida logo de tanto tempo, e as subvencións da Administración os que completan os máis de 78.000 euros de orzamento anual cos que desenvolve a súa actividade.
Facendo a historia
Dentro das actividades coas que o coro quere celebrar este 75 aniversario da súa declaración de Real destaca a edición de dous volumes que recollen a historia deste colectivo. Máis de tres mil horas do seu tempo libre foron as que lle dedicou o musicólogo e vicepresidente do colectivo, Juan José Rodríguez de los Ríos a este proxecto. Entre os fitos que recolleu atópanse os diferentes recoñecementos que obtivo o coro, coma a Medalla ao Mérito Naval, a Medalla de Prata da Cidade, a Mención Honorífica da Mariña dos EEUU ou os distintos premios recibidos, ou feitos tan destacados coma a participación do colectivo no festival de Lorient. Todas estas condecoracións están recollidas nun pequeno museo no que, segundo Pedro Sanz, “hai sobre todo obxectos que foi recibindo o Toxos por distintas actividades”; onda eles pódense ver “prendas do fundador, instrumentos antigos e traxes tradicionais”. Tamén se poden ver as diferentes gravacións realizadas polo Coro desde 1922.
Outras historias, outro local
Na historia do Toxos hai sitio tamén para as curiosidades. Unha das máis destacadas foi a campaña de doazóns para erixir un Monumento a Concepción Arenal, iniciada polo Coro en 1932. A iniciativa non foi adiante e quedou no esquecemento moitos anos, e cando en 1986 o Concello retomou a idea do monumento, o Coro achegou os cartos que gardara para este fin durante cincuenta e catro anos. Segundo sinala Pedro Sanz, “a historia do Coro é tamén a historia de Ferrol”. E en grande medida da propia Galicia, xa que moitos dos promotores da formación orixinal foron os que organizaron tamén as Irmandades da Fala na zona de Ferrol, e nomes coma Perfecto Feijoo ou Xaime Quintanilla están vencellados a ela. Hai tamén unha historia viva do Toxos, como é a de José Cebral, o decano dos actuais coristas que leva sesenta do seus máis de oitenta anos de vida participando na formación. E unha historia que se está facendo agora mesmo e que queda recollida polo Cronista oficial da formación, cargo que acaba de ocupar Carlos Barcón en substitución de Arturo Souto. A implicación do Coro coa sociedade tamén se manifesta nas condecoracións que periodicamente lles impón a diferentes persoas pola súa colaboración coa entidade ou polo seu traballo na cultura. Trátase do Toxo de Prata e da Medalla de Ouro do Toxos e Froles, que xa recibiron desde os Reis de España ata o propio Torrente Ballester ou Meilán Gil.
Novo campo para os toxos
Para o comezo de marzo porase a primeira pedra do novo local do colectivo, un edificio do século XVIII situado en pleno barrio da Magdalena restaurado gracias a un convenio coa Xunta de Galicia e que custará máis de 840.000 euros. O edificio disporá de máis de mil metros cadrados que albergarán, ademais do museo, a biblioteca do coro (que ten máis de cinco mil volumes), a hemeroteca, unha sala de conferencias, varias para exposicións e un restaurante especializado en cociña galega. Ademais, por suposto, de locais axeitados ás distintas actividades que desenvolve habitualmente o coro. O actual director insiste en que “este será un centro cultural aberto no que poderán desenvolverse iniciativas alleas ao coro”, e suporá un paso importante no plano de recuperación do Barrio da Magdalena.
En breve
A posta en marcha do novo edificio é o obxectivo primario do coro, que ata entón está a desenvolver as súas actividades en diferentes locais de Ferrol. Os proxectos para o futuro están condicionados á finalización do local, e céntranse nas celebracións deste setenta e cinco aniversario. Exposicións, actuacións por toda Galicia e boa parte da Península, edición dunha medalla conmemorativa... Dentro destes actos está o relanzamento como publicación semestral de “Labor Galega”, o voceiro que o coro comezou a publicar en 1935 e que se mantivo aperiodicamente ata os nosos días. Tamén están a traballar nunha modernización e na actualización da web do colectivo. Semella que os Toxos aínda teñen folgos para un bo anaco. Polo de agora, os seus locais acollen unha mostra artística sobre a Marea Negra, o que exemplifica o compromiso social desta veterana institución.