Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Preocúpate só de tocar
Preocúpate só de tocar
febreiro 3, 2003
A vida dos grupos musicais que comezan é difícil. Ó esforzo artístico que supón crear música súmanse os problemas materiais: Conseguir un local de ensaio, xestionar concertos, gravar e, aínda despois distribuír e promover o material. Vendo a complexidade do panorama naceu Falcatruada, unha empresa que ten no deseño, xestión e asesoramento dos grupos novato o seu campo de traballo.
Todo comezou entre amigos. Serxio Lago, David Rodríguez e Óscar Donsion, tres novos deseñadores gráficos, botábanlle unha man ós seus amigos afeccionados á música facéndolles algunha portada ou fotografías, “axudándolles a conseguir un producto final máis satisfactorio”. Pouco a pouco foron coñecendo a complexidade do mundo discográfico e todos os lugares ós que había que acudir para tirar un disco e promovelo. Segundo explica Serxio, “estes lugares tampouco se implicaban moito e a calidade non era moi boa”, e os tres compañeiros viron que “organizando unha estructura máis áxil e aglutinando todos os servicios que facían falla podíamos facer algo interesante para estes grupos”. E así naceu Falcatruada.
Do deseño ó demais
“Fundamentalmente somos un estudio de deseño gráfico, despois temos coñecementos de cómo funciona un pouquiño o mundo da música, sobre todo a nivel amateur”, sinala Serxio. Deste xeito, Falcatruada só cobra polo deseño do material dos grupos, o demais é un valor engadido que se lle ofrece ó cliente, “unicamente cobramos unha porcentaxe por xestionar concertos que pasan dunha determinada recadación”. Na actualidade son quince as bandas que xestiona Falcatruada. Delas, case un 70% deixan en mans da empresa todos os pasos da súa carreira, desde a recomendación dun estudio de gravación ata o deseño gráfico, web, edición e promoción dos seus discos. O resto chegan cun disco gravado e buscan só canles de promoción e contratación de concertos. Mesmo existe unha minoría que só busca unha axuda para transcribir en partitura os seus temas musicais, un paso imprescindible para incluílas no Rexistro da Propiedade Intelectual. Algo que deixa claro a empresa é que eles non quedan con ningún dereito sobre os temas nin o material dos grupos, e que mesmo lles orientan para que cheguen a facer contratos con algunha casa discográfica, “temos claro que non podemos chegar a partir de certo punto, polo menos por agora”.
Promoción orixinal
De calquera xeito, aínda chegan bastante lonxe. Ademais do deseño de portadas e da web do grupo, ofertan cancións en formato mp3 pola rede, poden facer vídeos en formato flash e preocúpanse de producir merchandising coma camisetas, chisqueiros ou libriños de papel de fumar. A empresa asesora os grupos para que mediante a venda deste material recuperen o máximo do investimento necesario para tirar un CD, e mesmo indican cal pode ser o prezo de venda máis axeitado para optimizar o rendemento. Na actualidade están a contactar con diferentes salas do país coa intención de crear un circuíto galego de concertos, aínda que a cousa está difícil. “O principal problema é que hai moitos locais diferentes, non hai moitos que reúnan as condicións idóneas para actuar e hai grupos que lles interesan a unhas salas e a outras non”. Tamén comezan a tentear o xeito de vender directamente os compactos dos seus grupos, sexa a través da web ou mediante diferentes tendas de discos.
Unha orixinalidade de premio
Non existe outra iniciativa semellante a Falcatruada en toda Galicia, e só se coñecen empresas semellantes dentro da Península en Madrid e Barcelona. “Non hai unha editora na que teñen cabida os proxectos de toda esta xente que quere ir comezando”, sinalan desde a empresa. Logo de seis meses traballando coma proxecto piloto, na actualidade están a completar os trámites para a súa constitución definitiva coma empresa. Neste proceso sorprendeunos o terceiro posto no III Concurso de Ideas Empresariais que convoca a Universidade de Santiago de Compostela, un recoñecemento que está a supor unha grande publicidade para o proxecto, “aínda que houbo outros proxectos premiados non saíron tanto nos medios, debe de ser porque esta é a proposta menos técnica”.
Un pouco de todo
A maior parte dos grupos que se achegan a Falcatrauda “non saben como é o mundo discográfico, maioritariamente saben que isto é unha afección, aínda que sempre hai quen colle a música coma unha aposta de futuro”. O índice de piratería é mínimo entre estes grupos, segundo os membros da empresa, pola escasa diferencia de prezo entre un orixinal e unha copia. En canto a estilos, predomina o rock máis poderoso coma o heavy ou o NU-Metal que practican Scandal, Mizar ou Trevide, pero tamén hai lugar para cantautores coma Silvia Penide ou para o pop de ALU. A maior parte da xente que traballa con Falcatruada carecen de experiencia previa, aínda que existen uns poucos, coma David Hernández que xa levan moitos anos no mundo da música. Á hora de encarar os problemas do mundo musical, a veteranía nótase, “notamos unha gran diferencia entre a xente que xa vén de volta e a que está comezando”.
A continuación do camiño
De aquí en adiante Falcatruada agarda consolidarse como empresa. Mentres os seus compoñentes desenvolven en paralelo un estudio gráfico convencional coma un xeito de ir tirando mentres o novo proxecto non dá beneficios. Os plans son fundamentalmente incorporar novos grupos, e despois ir ampliando as actividades da empresa de cara o deseño téxtil como soporte promocional. Como posibilidade de futuro, a idea de montar un selo convencional é algo que “non aparece no plan de empresa e só o faríamos nun caso moi concreto”. Segundo eles, a situación do mercado discográfico “saturado de música de usar e tirar cun estudio de mercado detrás” fai que sexa difícil ata para as grandes empresas conseguir beneficios”.