Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Música Sinsal

Música Sinsal

ALTERNATIVA | xaneiro 16, 2003

Imprimir

Hai quen pensa que o panorama musical en Galicia é folk, e o que non é folk é música tradicional pero equivócanse. Desde Vigo chegan ondas de tendencias techno, house, electro, drum and bass, dub, pop dixital, avant rock xunto con algo de ruidismo, música experimental e arte sonora. Todo un mundo novo, por descubrir que leva a etiqueta “Sinsalaudio”. Descóbreos.

Na súa web Sinsalaudio defínese como "un resumo de inquietudes, unha tenda para o baile horizontal e vertical, co sempre excitante anexo dun lugar para a música máis radical e experimental (...), ademais de ser un referente para buscar eses discos que saen nos medios máis especializados pero coa nosa personalidade e criterio". E esa personalidade e criterio son a suma de inquietudes de cinco persoas con perfís diferentes, relacionadas coa música que se estaba movendo no panorama de clubs en Vigo. Pero non sempre foron o Colectivo Sinsal, antes chamábanse “Naranxa-Limón” co que fixeron unha carpa de baile no festival compostelán Santi Rock na súa primeira e única edición.



Célula Sinsal

"Está articulado en torno ó clube Vademecwm, porque tres dos compoñentes de Sinsalaudio veñen do que é o propio clube. Son Julio Gómez e Ricardo Pardo, dous dos socios e eu, un dos programadores, dj e responsable de prensa" fala Víctor Flores, xornalista de formación e músico de devoción. Os outros dous cromosomas da célula Sinsal son, segundo Víctor, "Luis Campos que é dj e músico nas vertentes máis experimentais da música electrónica e Chiu Longina que é unha cousa multidisciplinar".



Os cinco, como grupo, ou cada un por individual son Sinsalaudio, unha célula de creación sonora que participan en festivais como o de Arte Sonoro de Braga, teñen feito xornadas de ruidismo, e de música experimental. Foi así como foron entrando no panorama nacional (no Lem de Barcelona, no Observatory de Valencia) e internacional (porque Sinsal sen as súas colaboracións con Portugal non sería o que é). Pero tamén fan produccións externas; son os organizadores do festival IFI, de novas tendencias e creación de arte sonora, que se celebrou en Pontevedra e que este marzo volve ter unha nova edición. Un espacio que crearon coa finalidade de “sen perder a esencia de cómo xorde este tipo de música, desvencellalo do que é a noite porque hai cousas que por ser tan experimentais non se poden facer nun clube pola noite”.



A arañeira Sinsal

“Sinsalaudio non é o mesmo que o Vademecwn”. Tres dos membros de Sinsal son socios do Vademecwm, pero o clube ten outros socios que non ten nada que ver co colectivo. Aínda así é unha das "patas" de Sinsal que aproveitan para facer as súas experimentacións, para poder escoitar a música que lles gustaba en vertical ou en horizontal (o Vademecwn estreou en 1997 a Ruralita, unha sala para escoitar música en posición "horizontal"). Pero Sinsal é moito máis.


“Fartos de mercar a música a través de Internet, de ter que ir a Portugal e non poder acceder á música que realmente nos gustaba creamos a tenda. Era como un paso lóxico”. E foi como en marzo de 2002 xurdiu a tenda de discos que ten os inconvenientes de ser unha tenda bastante minoritaria para unha cidade pequena como é Vigo. E sen embargo a experiencia resulta “a xente felicítanos por esta iniciativa, e mesmo xente de fóra sorpréndelle que poida atopar aquí cousas que non hai nin en Barcelona. De momento vai funcionando, pero aínda lle falta para ter cor”.



Ademais de ser un colectivo, de ter unha tenda de discos, de ser promotora dalgunhas das actuacións do clube Vademecwn e de produccións externas, a actividade de Vademecwn, como revela a súa web, non se queda aí. Sinsal ten tamén un programa de radio. Desde hai catro anos todos os venres en Radio Ecca cada un dos membros do colectivo falan dos seus proxectos, dalgún autor, dos seus artistas preferidos (teñen devoción pola música xermana). “É un pouco a maneira de dar a coñecer Sinsal a xente que ó mellor non ven ó clube e que si escoita o programa”.



“Audio Performen” é o proxecto en solitario de Chiu Longina, que en está a punto de sacar o primeiro disco co Selo Portugués “Crónica electrónica” e será quen inaugure o catálogo do seu selo. E que SOSOaudio (nome co que bautizaron á última das "patas" de Sinsal) e ó que lles faltaba nesta cadea musical. E mentres loitan co papelorio para a creación da empresa terá dúas series: unha horizontal e outra vertical co que editarán “todo aquelo que nos toque a fibra”.



Facendo sonar o inservible


Pero... ¿con que traballa Sinsalaudio? As súas fontes sonoras son moi variadas, aínda que o instrumento que máis se adecúa ás súas características de experimentalidade é o portátil, porque segundo Víctor, “ten unhas facilidades tanto á hora de producir como á hora de executar en directo que non che dá outro tipo de hardware”. Permite ampliar sons naturais, tratalos, retorcelos, porque Sinsal non emprega sons pregravados de ninguén, senón que son sons propios pero completamente manipulados, e a partires do que vai construíndo o seu discurso.



Julio dedícase a traballar con fallos de gravacións, con Cd’s rascados con punzóns que coloca para prato de vinilo, a partir do erro dixital extrae outra fonte dixital completamente sonora e única.



E, por último, nas sesións de DJ, nas que Víctor é un especialista, traballa con "material pregravado, cd e vinilo (sobre todo vinilo no meu caso) e a procedencia dese vinilo case sempre é Alemaña, porque estamos un pouco fascinados con toda a escena minimalista alemana de Colonia, Berlín, un pouco o que descubrimos cando en España estoupaba o house americano descubrimos a esta xente que con poucos elementos conseguen música interesante”.