Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / Operación can

Operación can

CORAL | decembro 11, 2007

Imprimir

Un CD-DVD, unha web e un concurso musical sen cartos polo medio. Estes son os principais ingredientes de “Operación Can”, un certame promovido pola Unión Protectora de Animais Federadas de Galicia (UPAFGA), o estudo de gravación Casa de Tolos a discográfica Pai Música. Un proxecto que se presenta hoxe no Parlamento e no que os rapaces son os encargados de poñer a voz.

“Operación Can é un concurso musical que xorde por iniciativa de UPAFGA, Unión de protectoras de animais de Galicia, que buscaba unha forma de estimular e concienciar os pequenos na necesidade de coidar o noso medio, principalmente animais e plantas”. Así o describe Jose Patiño, encargado de promoción e marketing de Pai Música, unha das empresas que foi perfilando este novidoso produto.

As bases
A idea, explica Jose Patiño, era “facer un concurso musical para rapaces que estiveran matriculados nun centro de Galicia e que cumprisen, como mínimo, catro premisas: a letra e a música debían ser orixinais; a letra había de tratar sobre a protección dos animais e plantas ou a preservación do medio, estar en galego e durar non máis de 3 minutos”.

Unha vez definidas as bases, Pai Música comezou a difundir o concurso entre os centros escolares do país. Como foi a empresa que se encargou da elaboración de “Meniños cantores” (o disco-deuvedé no que quiñentos nenos cantan temas tradicionais da zona galego-portuguesa e que fixo parte da campaña de promoción do patrimonio inmaterial Ponte... Nas Ondas), contaba cunha ampla base de datos de centros escolares e así comezou a andar o concurso. “Fixemos un envío do certame a todos os centros a través de Internet e, ao pouco, recibimos correos e chamadas pedindo máis información sobre o concurso e os prazos”, explica Patiño.

Un proxecto peculiar, con resultados curiosos
Ademais das bases, unha das primeiras cuestións foi definir os prazos porque, hai que ter en conta que este proxecto existe na medida que os centros escolares (cun calendario moi establecido) participan nel. O concurso fíxose público en febreiro e ata maio abriuse o prazo de inscrición. “Eramos conscientes, explica Jose Patiño, que non era un concurso menor, e que a creación da letra e da música debía ser de autoría propia. Un feito que supuxo que foran os profesores de música os que asumiran o desenvolvemento do proceso”.

O resultado foi bastante bo. Para ser a primeira vez que se convocaba un concurso destas características, para achegarse a través da rede e malia a complexidade que achegaba o proceso, houbo 32 cancións chegadas doutros tantos centros. En canto á súa demografía, os colexios que participaron eran tanto do rural como de núcleos urbanos. O que chamou a atención de Jose Patiño é que ningún centro da provincia de Lugo participase no proxecto.

“O número de cancións que se presentaron fixo que das 15 previstas inicialmente decidísemos meter no CD 16 para dar cabida, polo menos, á metade das que se presentaron” explica Jose Patiño. Seleccionar eses 16 temas tiña un hándicap a maiores, que foi o de deixar nas mans dos propios escolares a decisión sobre qué cancións compoñerían o CD, todo a través da páxina web (http:www.operacioncan.com) que se habilitou para ofrecer os contidos do proxecto. “Montamos un sistema informático que discriminaba as repeticións e os datos erróneos. Había xente que dicía ser David Beckham para votar dúas veces e, ese tipo de cousas había que corrixilas. Con todo iso recibimos 9.400 correos dos que 2.000 foron inválidos”. En resumidas contas, 7.000 votacións para decidir as 16 cancións que compoñen o primeiro volume de “Operación Can”. Pero o concurso tiña outras dúas sorpresas. En primeiro lugar, as seis cancións máis votadas poderían realizar, ademais, un videoclip. En segundo lugar, a capa do cedé-deuvedé tamén corría a cargo dos rapaces por medio dun concurso.

“Entre os meses de maio e xuño gravamos os rapaces cantando en mp3, mentres que nos meses de verán a xente de grupos como Treixadura ou Berroguetto e fixeron os arranxos” foi así como se foi xestando este traballo que hoxe se presenta no Parlamento. Un proxecto do que Patiño explica que “houbo unha metamorfose grande entre as propostas iniciais dos escolares e o resultado final, despois dos arranxos e do traballo de edición”.

O futuro do proxecto
“Operación Can” non é so un proxecto didáctico, senón que tamén ten a súa parte comercial. O cd-dvd estará á venda nas grandes superficies para este Nadal e será promocionado tanto no Luar como na tradicional gala que emitirá a Televisión de Galicia. “Tratamos de vendelo e rendabilizalo” explica José Patiño que comenta que o produto supuxo unha serie de gastos porque, “malia que a maior parte das cancións se gravaron en Casa de Tolos, houbo tres ou catro casos nos que tivemos que trasladarnos aos centros para poder gravar os rapaces cantado”. Ademais, as consellaría de Medio Ambiente, Educación, e agora o Parlamento de Galicia a través dun convenio, tamén achegaron o seu gran de area para que o proxecto fose unha realidade.

De momento, é unha iniciativa concreta circunscrita ao ámbito de primaria dos escolares galegos, pero Jose Patiño non descarta promover a iniciativa a maior escala.