Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / A música busca o seu sitio

A música busca o seu sitio

CLáSICA/LíRICA | decembro 4, 2007

Imprimir

A Sinfónica de Galicia é a formación que máis adeptos conta (1.400 abonos por temporada), colga o cartel de “non hai localidades” nas súas funcións e, ademais, é a única que recada cartos segundo as cifras da SGAE. Sen embargo, non está satisfeita cos seus resultados e acaba de presentar un suxestivo programa que vai máis alá do ámbito musical. A música busca novos camiños.

Compositores arquicoñecidos, oito mil localidades á venda, servizo de transporte para poder asistir ao concerto, o selo de calidade da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e baixo prezo. Unha combinación tan atractiva como irresistible que pretende captar novos públicos para a música clásica. Félix Palomero, xerente da orquestra, explica que “é unha nova fórmula de achegamento ao público”. Precisamente a eses que, segundo explica “non chega á Sinfónica por tradicionais barreiras de acceso que, por outra banda, son falsos tópicos. Como que non hai entradas, que é moi caro, que hai que saber de música para asistir, que hai que ir vestidos dunha determinada maneira...”. O Festiclass, o programa de abono que acaba de presentar a OSG, combate un por un todos eses tópicos.

Desmontando os tópicos
Para os que asegurar non asistir porque non hai prazas, Félix Palomero confirma que se poñerán á venda “cinco aforos completos que supoñen un total de 8.000 localidades”. En segundo lugar, o programa ten un prezo reducido de catro a doce euros (ao que se lle incrementa un 20% se se compra o abono completo que custa entre 17 e 50 euros), co que se tira por terra o argumento de que é caro. E, ademais, Félix Palomero explica que están a desenvolver unha comunicación diferente do habitual “con moita información a través de Internet, cun sitio web propio con información engadida para sacarlle o máximo partido e, en resumidas contas, para ofrecer unha imaxe máis actual”. Iso si, cun repertorio feito a propósito para a ocasión e, nada menos, que coas sinfonías de Beethoven programadas no cartel e con toda a garantía da Sinfónica de Galicia.

“O obxectivo, asegura o xerente da formación, é que a música sexa un elemento da nosa cultura diaria, que a xente entenda a música sinfónica e as súas posibilidades”.

As particularidades do programa
“Fixemos un estudo da zona de residencia do noso público, para ter en conta os problemas de mobilidade, e descubrimos que un gran sector do noso público habitual non manifesta estes problemas. Sen embargo, hai moito público obxectivo e potencial que vive na área metropolitana. Uns colectivos que entendemos que poden ter dificultades de transporte”. Para ese público, Félix Palomero explica que se acaban de presentar cinco rutas que son de balde coa entrada, e que se poden reservar a través da páxina web do festival. “É certo que a xente terá que saír un pouco máis cedo e chegará un pouco máis tarde que co seu vehículo propio, pero cremos que supón unha vantaxe engadida”, apunta o xerente que tamén asume que é unha facilidade pioneira para ver como funciona.

Ademais desa peculiaridade loxística, existe unha segunda de carácter formativo. “Na web vaise por un microespazo uns días antes do concerto se subirá unha pequena explicación duns dez minutos de duración que dará claves para sacarlle o máximo partido á función”. Nese mesmo eido, en dous dos cinco concertos do programa, antes de comezar a función, a organización dará unha clave para poder descargar o concerto en mp3. “Neste primeiro ano, faremos isto de xeito parcial, pero pouco a pouco, iremos incrementando as posibilidades”.

O Festiclass nace con vocación de continuidade. De feito, o xerente asegura que se o sistema funciona e os novos públicos demandan máis concertos, retomarase o segundo concerto de abono. Unha iniciativa que xa se desenvolvía no pasado e que tiña unha resposta “relativa”.

No marco do 15 aniversario
É nova pero xa non tanto. A formación cumpre neste 2007 quince anos dunha traxectoria imparable que a converten nunha referencia musical no noroeste peninsular. Pero boa parte do seu éxito, está no traballo continuado sempre á procura de acadar novos retos. Neste aniversario planaban tres obxectivos no seu horizonte: o primeiro, unha maior proxección exterior (que conseguíu nunha ambiciosa xira por Sudamérica); o segundo, homenaxear as sociedades musicais históricas como son a Real Academia Galega de Belas Artes, a Sociedade Filharmónica e os Amigos da Ópera da Coruña); e o terceiro, pasa por captar novos públicos. Ademais de iniciativas como esta do Festiclass, destaca que este ano a Sinfónica de Galicia estreaba tamén concertos nos hospitais coruñeses (Juan Canalejo e o Materno Infantil) para achegar a música a aqueles que non poden gozar dela por motivos de saúde. Son os concertos nos que, en lugar de que a xente fose a música, a formación levase a música ao público. “O obxectivo, explica o xerente, era ir a buscar ese público que non era habitual nos programas da OSG”. Un aspecto no que poñerán o acento nos próximos meses.