Noticias
Máis de vinte concertos no 34 Festival de jazz de Lugo
Xénero:
| 28 / 10 / 2024A 34ª edición do Festival de Jazz de Lugo, dará comezo este venres e ofrecerá 24 concertos ata o vindeiro 17 de novembro. O Festival está organizado desde 1991 pola Asociación de Amigos do Jazz "Escobijazz", un grupo de lucenses unidos polo seu amor por esta música. A edición deste ano contará con 24 citas, acollendo tanto estrelas e grandes figuras internacionais como novos valores do mundo do Jazz e, por suposto, representantes do mellor jazz estatal e galego. De feito este ano case a metade dos proxectos son galegos como as actuacións no Club Clavicémbalo do cuarteto vocal Ejazz; o Drumless Trío, formado por Abe Rábade, Marcos Pin e Alfonso Morán; Martín Otero a dúo coa coreana Ju Young, Inés Carreño, e o proxecto Daydream Sessions, unha proposta artística colaborativa que convida á participación espontánea para tomar parte nun espectáculo aberto a multitude de sons como o neosoul, o hip hop, a música latina, ou rock alternativo, interpretados en clave de jazz. A participación galega complétase co lucense Kiki Cortiñas, a Savoy Club Big Band, Charo Quicler Octeto co espectáculo The Magic Line, Pablo Sax Cuarteto presentando o seu disco Selene, e o Terra Nova Brass Ensemble.
Garza presenta o seu segundo disco 'Vertentes'
Xénero:
| 25 / 10 / 2024Os máis de once minutos do tema 'Na franxa' cos que abre o álbum 'Vertentes' son unha boa introdución dos seguintes 55 minutos envolventes que ofrece o segundo traballo de Garza. O artista detrás deste proxecto de música electrónica, Adrian Charlín, percusionista en bandas como Malkeda, regresa cun novo traballo longo tras o seu inicial 'Interferencias' en 2022, de novo baixo o selo ferrolán Ferror Records. Nos doce novos temas que compoñen o disco engádese agora a voz do artista, un elemento máis nun avance evolutivo no seu son, máis puramente electrónico e que oscila entre a escuridade electrónica e a claridade melódica, entre o ominoso e o alegre ao longo dos diversos temas do disco, con profundidade e coidado polos detalles. As letras, inspiradas na estrutura minimalista dos haikus, despregan de maneira aberta un lirismo que atrapa e suxire máis do que revela. Este enfoque lírico combínase cunha instrumentación que transita entre o pesado e o etéreo, claramente marcada pola característica de Charlín como percusionista no manexo rítmico e nas sonoridades máis orgánicas, xerando unha atmosfera que invita á introspección e ao mesmo tempo mantén un ritmo vibrante e dinámico. Con este 'Vertentes', dispoñible nas plataformas dixitais, Garza fai unha achega de valor á música electrónica galega e en galego.
As débedas afogan o consorcio que sostén a Orquestra Sinfónica de Galicia
Xénero:
| 25 / 10 / 2024Este venres 25 de outubro o Consorcio para a Promoción da Música, que xestiona a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Escola Municipal de Música da Coruña, aproba as súas contas para 2023. Segundo publica o xornal La Opinión, a entidade acabou ese ano cun déficit de 813.872 euros que pon en perigo a continuidade do seu ritmo actual de actividades.
O mundo da gaita reúnese en Poio
Xénero:
| 23 / 10 / 2024Este vindeiro domingo, 27 de outubro, o mundo da gaita galega ten unha cita imprescindible en Poio. O Pazo de Besada da localidade pontevedresa acolle a que será a quinta edición de O Son da Gaita, un encontro ao redor deste instrumento tradicional que reúne solistas, formacións, artesáns e investigadores. A Asociación Cultural Pai da Cana organiza este evento polo que ao longo da mañá pasarán tres agrupacións (Ventureira, Picuiña, @s Folieir@s) e cinco solistas (Pedro Lamas, Pablo Carpintero, José Manuel Mojy, Sabela Olivares e Ivan Costa) de toda Galicia e acollerá tres presentacións, incluíndo un obradoiro de instrumentos a cargo de Oli Xiráldez. A xornada terminará cun xantar foliada. A asistencia (agás o xantar) é de balde con reserva previa.
As Xornadas de Música Contemporánea amplían a súa aposta en Compostela
Xénero:
| 23 / 10 / 2024Co nome de Contemporáneas, o Concello de Santiago presentaba este 22 de outubro a nova programación que toma o relevo das Xornadas de Música Contemporánea. A proposta amplía no tempo as súas actividades e achegará entre outubro e maio oito concertos, un cada mes. Nesta primeira xeira, o proxecto inclúe cinco estreas absolutas e tres composicións especificamente creadas para a ocasión.
A RAGBA celebra o 175 aniversario con música
Xénero:
| 22 / 10 / 2024A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) e o Concello da Coruña presentaron 'Os concertos do centenario', tres concertos para conmemorar o 175 aniversario da fundación da RAGBA. Os días 6, 7 e 8 de novembro terán lugar no Teatro Colón da Coruña, ás 20:00 horas, tres concertos nos que participarán as corais e orquestras decanas da cidade da Coruña: Cántigas da Terra; Coral Polifónica El Eco; Coral Polifónica Follas Novas; Coral Polifónica Sporting Club Casino; Banda Militar (Unidad de Música del Cuartel General del Mando de Apoyo a la Maniobra); a Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior de Música; e a Banda Municipal de Música.
Carlangas volve con ganas de baile
Xénero:
| 18 / 10 / 2024Apenas ano e medio máis tarde do seu álbum de debut en solitario chega o segundo traballo de Carlangas, nome artístico de Carlos Pereiro (Monterroso, 1987) ex-Novedades carminha. 'Bailódromo vol. 1' (Virgin records), preséntase como unha re-volta estética e frenética sobre diferentes ritmos de baile. Desde a música disco ao punk, desde os ritmos latinos ás soundystem. Acompañado pola formación Los Cubatas, Carlangas inspírase para este traballo en discos como 'Guitarras callejeras' de Pata Negra ou 'No mires a los ojos de la gente' de Golpes Bajos, segundo o comunicado que acompaña ao lanzamento hoxe do disco en plataformas dixitais. O disco inclúe o tema en galego 'Nosoutros', unha adaptación en galego do coñecido bolero de mesmo título, que neste caso Carlangas canta xunto a Russian Red. A través das letras de moitos dos temas as referencias galegas, sobre todo a lugares da nosa terra como escenarios das súas historias, aparecen continuamente, como é marca da casa do artista. Algunhas das sete cancións que conforman este disco xa foron aparecendo nos meses anteriores, tamén a través dos seus concertos e desde esta fin de semana comeza unha xira de presentación por cidades como Sevilla, Granada, Madrid, Donosti, Murcia, Oviedo ou Pamplona. Para a produción artística contou coa colaboración do enxeñeiro de son e produtor musical Luca Petricca, un habitual desde Novedades Carminha. O disco sairá editado en vinilo de 12" o vindeiro 8 de novembro.
A Coral De Ruada leva o Premio Otero Pedrayo
Xénero:
| 15 / 10 / 2024A histórica Coral de Ruada foi recoñecida este 14 de outubro co Premio Otero Pedrayo, que outorgan a Xunta e as catro deputacións provinciais. O xurado do galardón outorgoulle o premio a esta agrupación "pola súa traxectoria de máis dun século levando a música tradicional galega a grandes festivais nacionais e internacionais e tamén polo seu labor na promoción de actividades de formación de teatro e da escola de música".
Os programadores musicais están convocados ao IVº SiSons
Xénero:
| 14 / 10 / 2024A industria musical galega ten unha cita desde este mércores en Santiago de Compostela co gallo do cuarto encontro SiSons Enclave Musical, que desenvolverá un intenso programa de actividades profesionais e de concertos, abertos tamén ao público xeral de xeito gratuíto. As xornadas, que terán lugar do 16 ao 19 de outubro, a están organizadas pola empresa MusicArte e a Asociación Cultural Tres por Cuatro e apoiadas desde a Xunta a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e desde Concello de Santiago de Compostela e Deputación da Coruña. O Auditorio Abanca, a Borriquita de Belém, a Casa das Máquinas, o Centro Galego de Arte Contemporánea, a sede da Fundación SGAE, o Museo do Pobo Galego e a Sala Riquela son os espazos que acollerán estes catro días de actividade arredor da industria musical galega.
A AELG recoñece a Camiño Noia e Quique Peón como mestra e mestre da memoria
Xénero:
| 14 / 10 / 2024A catedrática de Literatura Galega na Universidade de Vigo Camiño Noia Campos e mais o folclorista, coreógrafo e investigador Henrique Peón Mosteiro (Quique Peón) acaban de ser recoñecidos cos premios Mestre e Mestra da Memoria pola Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG).