Noticias
O Premio Gaos engade unha categoría de pezas para cámara
Xénero:
| 8 / 4 / 2025Xa se coñecen as bases do XVI Premio Internacional Andrés Gaos de composición musical, que convoca a Deputación da Coruña e que neste edición estrea formato para premiar obras en dúas categorías: orquestra e ensemble de cámara. A dotación do certame increméntase ata os 13.000 euros, 6.500 para cada unha das modalidades. Só se admitirá unha obra por participante, de tema e extensión libres, pero cunha duración recomendada de entre 10 e 20 minutos. O prazo de admisión de partituras estará aberto entre o 9 de abril e o 30 de maio. Na modalidade para orquestra, as tres persoas finalistas serán invitadas a unhas xornadas de traballo coa Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG). O último día desas xornadas interpretaranse as tres obras finalistas, entre as que o xurado proporá a obra gañadora. Na modalidade para formato de cámara, a obra gañadora será interpretada polo ensemble que seleccione a Deputación.
Los Eternos presentan o seu novo disco 'San Antonio'
Xénero:
| 4 / 4 / 2025A banda Los Eternos ven de presentar o seu terceiro disco longo 'San Antonio' (Ferror Records/ Milana Música, 2025), o primeiro que gravan integramente en galego mantendo o seu característico son de americana. Tras "Vientos Solitarios" (Ferror Records / Cascaballo Records, 2019) e o remarcable "Sonora" (Ferror Records / Milana Música, 2021) a banda presenta un novo traballo intenso e emotivo que, talvez pola escolla lingüística, fáisenos aínda máis íntimo e achegado, pero que tamén é especial porque nel recolle unha dolorosa perda real, a de Arantza Navarrete, parella de Chewis e autora da maioría das letras do grupo, cuxa enfermidade marca este álbum.
Un novo festival de rock alternativo terá lugar no Parque do Pasatempo
Xénero:
| 3 / 4 / 2025Comeza a andaina dun novo festival en Galicia. Cunha proposta moi diferente no musical aos festivais populares de hoxe en día, confórmase un novo festival que será referencia para o público do rock e metal alternativo, o Fumega Fest. Este anuncio vén acompañado das datas de celebración do festival, que terá lugar entre os días 4 e 5 de xullo. Ubicado no histórico Parque do Pasatempo de Betanzos, declarado Ben de Interese Cultural, este novo evento acollerá a bandas de Europa de stoner, psych, space rock ou post metal, ocupando un espazo ata agora orfo en territorio galego e estatal. Os artistas e as entradas verán a luz nos próximos días, segundo avanza a organización.Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Vimbio, Sabela ou Hugo Guezeta. Fumega Fest nace para ser unha referencia estatal nos festivais destes xéneros, que teñen unha grande acollida arredor de Europa ou mesmo de Portugal. Neste sentido, o festival mírase no espello de outros xa consolidados como o Roadburn, Desert Fest (con edicións en catro cidades europeas e en Nova York), Sonic Blast ou DunaJam coa intención de facerse un oco dentro do circuíto de festivais da música rock e metal alternativo en Europa. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e o patrocinio de El Águila.
Sofía Espiñeira presenta o seu segundo álbum 'Xeografías'
Xénero:
| 3 / 4 / 2025As "paisaxes internas e externas, os territorios que habitan dentro e fóra da pel" son a base sobre a que a mugardesa Sofía Espiñeira compuxo os 12 temas que conforman o su segundo disco 'Xeografías' (Autoeditado, 2025). O disco, que xa está dispoñible nas plataformas dixitais foi gravado en Abrigueiro Estudios contando coa produción musical de Arturo Vaquero. A compositora, ganadora do Premio Martín Códax da Música na categoría de Canción de autora en 2022 presenta aquí temas nos que afonda na súa mestura de músicas de raíz con resonancias de diversas culturas e coa canción de autora máis íntima y crúa. O videoclip do tema que dá nome ao álbum, publicado como adianto, dirixido por Lucía Estévez, foi finalista na pasada edición do Festival de Cans. O concerto de presentación será o vindeiro 25 de abril ás 22.00 horas na Sala Rebullón, en Mos. Espiñeira presentará as novas cancións en formato trío, acompañada por Yudit Almeida ao contrabaixo e Ailén Kendelman na percusión.
Dezaoito candidaturas con nome galego nos Premios MIN
Xénero:
| 28 / 3 / 2025Os Premios Min da Música Independente estatal chagaron xa á súa fase de selección final. Os votos dun xurado especializado determinaron xa os cinco mellores candidatos de cada categoría e entre eles está o nome gañador, que se coñecerá na gala de entrega desta 17ª edición do premios da industria musical independente. De entre as corenta propostas iniciais con orixe galega que se presentaron en algunha ou varias das categorías son once as que chegaron a esta fase, acumulando entre todas elas ata 18 candidaturas posibles. Resulta unha presenza moi superior á de outras edicións e moi destacable pola variedade de categorías nas que se manteñen grazas ao xurado profesional.
Medalla de Ouro das Belas Artes para a Coral Polifónica de Pontevedra
Xénero:
| 26 / 3 / 2025A Real Academia Galega de Belas Artes ven de outorgar a súa Medalla de Ouro "Marcial del Adalid" á Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, celebrando o centenario da súa fundación. A RAGBA recoñece nesta agrupación musical a "traxectoria acreditada dun século de actividade artística do máis alto nivel". Este galardón é o primeiro de ámbito galego recibido pola coral nos seus cen anos de historia.
A música de Jules Verne soará en Vigo
Xénero:
| 18 / 3 / 2025A faceta máis coñecida de Jules Verne (Nantes, 1828-Amiens, 1905) é sen dúbida a de escritor. Nas súas viaxes o francés deu por pasar ata dúas veces por Vigo, ambientando na ría algún dos pasaxes da súa famosa obra '20.000 leguas de viaxe submarina', o que levou a establecer un vencello entre o escritor e a cidade recordado aínda hoxe de moitos xeitos. Como novidade neste vencello, este xoves 19 de marzo o Instituto de Estudios Vigueses (IEV) organiza na Escola Municipal de Artes y Oficios (EMAO) un concerto comentado no que interpretaranse por vez primeira en Galicia obras musicais asinadas polo propio Jules Verne, nunha faceta creativa pouco coñecida do escritor. A mezzosoprano, Nuria Lorenzo, o mestre Alejo Amoedo ao piano e contando cos comentarios de Antonio Giráldez difundirán esta obra recordando a Verne no ano do seu 120 cabodano.
O Museo de Pontevedra homenaxea a Sociedad Coral Polifónica cunha exposición
Xénero:
| 14 / 3 / 2025Este 14 de marzo abre as súas portas no Museo Provincial de Pontevedra Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, un século de música coral en Galicia. A exposición, que se pode ver ata o vindeiro 20 de abril, homenaxea esta entidade centenaria que marcou un fito na cultura do país.
A RAG bota a andar a Primavera das Letras dedicada ás cantareiras
Xénero:
| 10 / 3 / 2025O CEIPP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda acollía na mañá deste 10 de marzo a presentación da Primavera das Letras. O programa didáctico co que a Real Academia galega achega a celebración do 17 de maio ao público escolar botou a andar coa estrea, a cargo do alumnado deste centro, da obra teatral As Ferreñas (en vivo e en directo), escrita por Paula Carballeira, que se pode descargar no web da iniciativa nunha edición ilustrada por Nuria Díaz.
Deleiba publican o seu primeiro LP
Xénero:
| 10 / 3 / 2025Nados como banda en 2017, e con temas presentados en EP e sinxelos ao longo destes anos, ademais de actuacións en directo en festivais, os Deleiba tiveron que agardar ata este ano para presentar o seu primeiros traballo de longa duración. 'Ao revés do mundo' (Deleiba, 2025) está producido polo coñecido músico e produtor Iago Pico, que xa colaborara noutras gravacións da banda, e gravado en Pouland Studios. Neste disco de once temas, a formación reúne algunhas das cancións que foi presentando estes anos e outras novas composicións. Todas entran dentro do son punk rock moi achegado ao metal. Con letras en galego sobre todo tipo de temas, desde o social ao íntimo. Nunha das cancións 'Sere-Bros Destruídos' contan coas colaboracións de Monolious Dop e Ula Mayo. O son, baseado en guitarreo ametrallador e contundente, percusión potente e importantes punteos non baixa o ritmo agás nun par de temas máis próximos á balada, pero tampouco o fai de todo, deixando espazo para o seu selo sonoro. O disco está dispoñible para escoita nas plataformas dixitais. A primeira das subidas ao escenario tivo lugar este pasado venres na Sala Sonar de Santiago, para o que contaron coa subida ao escenario do propio Iago Pico. O vindeiro día 14 de marzo estarán na Coruña, na Sala Filomatic.