Noticias
Vimianzo M.O.L.A. convida a se mergullar na creatividade
Xénero: | 1 / 9 / 2025
Desde o pasado 29 de agosto e ata o 11 de setembro, o castelo de Vimianzo acolle a cuarta xeira de Vimianzo M.O.L.A. O festival que combina muralismo, oralidade, literatura e arte. Baixo o lema Un Castelo de lenda, o programa desta edición inclúe a realización de catro murais na vila, xornadas de cultura urbana, encontros literarios e artes escénicas.
O Festival de Poesía do Condado volve reunir en Salvaterra aos creadores contemporáneos
Xénero: | 29 / 8 / 2025
O Festival de Poesía do Condado, en Salvaterra do Miño mantén a súa chama acesa e celebra a súa 37ª edición os vindeiros 5 e 6 de setembro. A cita co xénero lírico, complementada cunha oferta musical, reunirá na vila unha importante representación da poesía contemporánea que ten a lingua e cultura galegas como nexo de unión. Silvia Penas, Samuel Merino, Daniel Salgado, Nieves Rodríguez, Emma Couceiro, Aurora Abelairas, Silvia Mota, Paco Barreiro, Masha Álvare a O Leo Arremaghona conforman o cartel poético. Ademais dos recitais abertos, poderanse ver as actuacións musicais de Dakidarría, OMIRI, Hugo Guezeta, Cuarteto Caramuxo, Xosé Lois Romer & Aliboria e a Banda Xangai, liderada por Xurxo Souto entre outros.
O programa Dinamiz-ARTj achega 112 funcións a 18 concellos galegos
Xénero: | 29 / 8 / 2025
A terceira edición do programa Dinamiz-ARTj desenvolverá ao longo dos vindeiros 10 meses un total de 112 actuacións de diferentes artes en 18 concellos galegos. O Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través do Instituto para a Transición Xusta e a Fundación Cidade da Enerxía, apoia esta iniciativa, que conta cun orzamento de 3 millóns de euros e conta con desenvolver un total de 1.095 actuacións en 174 concellos de todo o Estado.
Sete concertos e visitas guiadas compoñen o programa do novo Espazos Sonoros
Xénero: | 29 / 8 / 2025
Co lema 'Escoitar con asombro, alento da memoria' o festival Espazos Sonoros inicia este 31 de agosto a súa nova edición. O Convento de Santo Antonio de Herbón, en Padrón, acollerá nesa data unha actuación dos suízos Il Concerto Intempestivo, a interpretar A consagración da primavera. Baroque Edition. A esta proposta seguiranlle outros seis recitais ademais de visitas guiadas en diferentes espazos naturais e patrimoniais ata o vindeiro 4 de outubro.
O Vilablues cambia de vila pero non de esencia
Xénero: | 28 / 8 / 2025
Dez edicións despois o Vilablues achou un novo sitio onde celebrarse este ano. O festival máis itinerante da oferta galega, que naceu en Vilagarcía, onde celebrou varias edicións, fixo este mesmo ano no mes de maio unha versión curta en Santiago de Compostela, pero antes diso pasou en anteriores épocas por Noia ou Ferrol. Agora, presentado como 'Vilablues Mar de Santiago' volve á beira do mar e leva os sons do soul blues e rythm'blues a Vilanova de Arousa esta fin de semana, e ademais ofréceos de balde co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia.
WOS Festival esgota abonos co cartel completo
Xénero: | 27 / 8 / 2025
Tras un ano de pausa o WOS Festival X SON Estrella Galicia regresa coa súa oitava edición entre os vindeiros 11 e 14 des setembro a Santiago de Compostela. O festival referente no ámbito da música electrónica e de vangarda que trae a Galicia a artistas internacionais de complicada distribución ofrecerá nas súas catro xornadas en máis de dez espazos emblemáticos da cidade unha programación de concertos audiovisuais e inmersivos, noites de clube e performances.
Os 'novos comezos' da pianista Elsa Muñiz
Xénero: | 26 / 8 / 2025
O concepto 'pianotelling' é o nome da proposta da pianista Elsa Muñiz (Boiro) para este o seu segundo álbum 'New Beginnings'. Esta idea responde á creación dunha experiencia narrativa sensorial, onde cada peza instrumental vai unida a un relato. Deste xeito, se na presentación nos directos cada peza irá entretecida cunha narración creando unha atmosfera emocional, no disco os textos destes microrrelatos acompañan, xunto con caligramas, as nove pistas do traballo. 'New Beginnings', usando esta experiencia, afonda sobre o renacer, a toma de decisións valentes e a busca de autenticidade nos novos comezos. Con este traballo, Muñiz comeza ademais unha carreira musical de dedicación plena á súa vocación.
O XII Noia Harp Fest homenaxea a Emilio Cao na súa foliada inicial
Xénero: | 30 / 7 / 2025
Un total de trece actuacións de balde compoñen o programa da duodécima xeira do Noia Harp Fest, que abre este día 30 cunha actuación de Alba Barreiro e Fernando Raña ás 19 horas. Non entanto a grande inauguración será ás 22 horas da man da Banda do Noia Harp Fest, agrupación composta por intérpretes de todo o país.
Estréase en Zamora a ópera 'Hildegart' de Juan Durán
Xénero: | 28 / 7 / 2025
O Teatro Ramos Carrión de Zamora acolleu o pasado sábado a estrea da ópera de cámara, Hildegart, do compositor Juan Durán (Vigo, 1960), con libreto de Javier Mateo Hidalgo. A ópera conta a historia da ferrolá Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart, coñecida como a 'A virxe roxa' no primeiro terzo do século XX, e os tráxicos sucesos que aconteceron entre elas. A súa é unha historia que polas súas características excepcionais xa foi levada dúas veces ao cine e foi obxecto de varios libros de investigación histórica e feminista. O espectáculo, que segundo os cronistas foi moi ben acollido polo público, conta coa dirección musical de Lucía Marín e a dirección escénica de Alberto Trijueque. Sandra Ferrández interpreta a Aurora e Sonia de Munck toma o papel de Hildegart, completándose o elenco con Javier Franco e César Arrieta.. A representación tivo lugar no marco do Festival Little Opera Zamora, que tamén é responsable da produción do espectáculo.
A Sinfónica de Galicia apértase o cinto
Xénero: | 23 / 7 / 2025
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, confirmou á prensa, durante un almorzo onte coa Confederación de Empresarios da cidade herculina, o plan de axuste económico polo que terá que pasar a Orquestra Sinfónica de Galicia para reducir a súa débeda cos provedores, principal desaxuste económico neste momento. O xornal La Voz de Galicia, recolleu estas declaracións así como as do actual xerente do Consorcio para a Promoción da Música, Juan Antonio Cuelllar, chegado ao cargo o pasado mes de xuño e que atopou unha delicada situación económica que xa viña de lonxe.


