Ir ao contido directamente.


Noticias

O Vilablues cambia de vila pero non de esencia

Xénero: Jazz/Blues | 28 / 8 / 2025

imaxe non dispoñible

Dez edicións despois o Vilablues achou un novo sitio onde celebrarse este ano. O festival máis itinerante da oferta galega, que naceu en Vilagarcía, onde celebrou varias edicións, fixo este mesmo ano no mes de maio unha versión curta en Santiago de Compostela, pero antes diso pasou en anteriores épocas por Noia ou Ferrol. Agora, presentado como 'Vilablues Mar de Santiago' volve á beira do mar e leva os sons do soul blues e rythm'blues a Vilanova de Arousa esta fin de semana, e ademais ofréceos de balde co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia.

WOS Festival esgota abonos co cartel completo

Xénero: Electrónica | 27 / 8 / 2025

imaxe non dispoñible

Tras un ano de pausa o WOS Festival X SON Estrella Galicia regresa coa súa oitava edición entre os vindeiros 11 e 14 des setembro a Santiago de Compostela. O festival referente no ámbito da música electrónica e de vangarda que trae a Galicia a artistas internacionais de complicada distribución ofrecerá nas súas catro xornadas en máis de dez espazos emblemáticos da cidade unha programación de concertos audiovisuais e inmersivos, noites de clube e performances.

Os 'novos comezos' da pianista Elsa Muñiz

Xénero: Clásica/Lírica | 26 / 8 / 2025

new_beginnings_elsamunhiz.jpg

O concepto 'pianotelling' é o nome da proposta da pianista Elsa Muñiz (Boiro) para este o seu segundo álbum 'New Beginnings'. Esta idea responde á creación dunha experiencia narrativa sensorial, onde cada peza instrumental vai unida a un relato. Deste xeito, se na presentación nos directos cada peza irá entretecida cunha narración creando unha atmosfera emocional, no disco os textos destes microrrelatos acompañan, xunto con caligramas, as nove pistas do traballo. 'New Beginnings', usando esta experiencia, afonda sobre o renacer, a toma de decisións valentes e a busca de autenticidade nos novos comezos. Con este traballo, Muñiz comeza ademais unha carreira musical de dedicación plena á súa vocación.

O XII Noia Harp Fest homenaxea a Emilio Cao na súa foliada inicial

Xénero: Miscelánea | 30 / 7 / 2025

imaxe non dispoñible

Un total de trece actuacións de balde compoñen o programa da duodécima xeira do Noia Harp Fest, que abre este día 30 cunha actuación de Alba Barreiro e Fernando Raña ás 19 horas. Non entanto a grande inauguración será ás 22 horas da man da Banda do Noia Harp Fest, agrupación composta por intérpretes de todo o país.

Estréase en Zamora a ópera 'Hildegart' de Juan Durán

Xénero: Clásica/Lírica | 28 / 7 / 2025

imaxe non dispoñible

O Teatro Ramos Carrión de Zamora acolleu o pasado sábado a estrea da ópera de cámara, Hildegart, do compositor Juan Durán (Vigo, 1960), con libreto de Javier Mateo Hidalgo. A ópera conta a historia da ferrolá Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart, coñecida como a 'A virxe roxa' no primeiro terzo do século XX, e os tráxicos sucesos que aconteceron entre elas. A súa é unha historia que polas súas características excepcionais xa foi levada dúas veces ao cine e foi obxecto de varios libros de investigación histórica e feminista. O espectáculo, que segundo os cronistas foi moi ben acollido polo público, conta coa dirección musical de Lucía Marín e a dirección escénica de Alberto Trijueque. Sandra Ferrández interpreta a Aurora e Sonia de Munck toma o papel de Hildegart, completándose o elenco con Javier Franco e César Arrieta.. A representación tivo lugar no marco do Festival Little Opera Zamora, que tamén é responsable da produción do espectáculo.

A Sinfónica de Galicia apértase o cinto

Xénero: Clásica/Lírica | 23 / 7 / 2025

imaxe non dispoñible

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, confirmou á prensa, durante un almorzo onte coa Confederación de Empresarios da cidade herculina, o plan de axuste económico polo que terá que pasar a Orquestra Sinfónica de Galicia para reducir a súa débeda cos provedores, principal desaxuste económico neste momento. O xornal La Voz de Galicia, recolleu estas declaracións así como as do actual xerente do Consorcio para a Promoción da Música, Juan Antonio Cuelllar, chegado ao cargo o pasado mes de xuño e que atopou unha delicada situación económica que xa viña de lonxe.

Germán Prieto enfróntase ao Destino no seu segundo disco

Xénero: Miscelánea | 23 / 7 / 2025

destino_german_prieto_2.jpg

Once cancións de pop, rock e indie, con temas en galego e en castelán conforman a variada aposta estilística de Destino, segundo álbum de estudio de Germán Prieto. O pontevedrés continúa así a carreira en solitario que iniciou en 2022 con Salto al vacío logo de participar en diferentes formacións da escena musical galega.

Xabier Díaz e Luz Casal estarán no Festival intercéltico de Lorient

Xénero: Folk | 16 / 7 / 2025

imaxe non dispoñible

A 54ª edición do festival Intercéltico de Lorient, que terá lugar na localidade bretoa entre o 1 e o 10 de agosto, inclúe no seu programa a artista convidados representando as diversas nacións celtas. No caso de Galicia a organización inclúe este ano as actuacións da cantante Luz Casal, Xabier Díaz (en solitario e en formato cuarteto), Lucía Comesaña, o grupo de baile O Fiadeiro e a Banda de Gaitas Herba Grileira. A edición deste ano do festival está dedicada a 'Os primos de América'.

Cristian Silva avanza no seu estilo con 'Un home tranquilo'

Xénero: Fusión | 15 / 7 / 2025

Cristian-Silva-home-tranquilo.jpg

Dez anos pasaron desde o seu disco de debut en solitario, 'Ego' (2015), e Cristian Silva ven de presentar un segundo álbum tras do que hai cinco anos intensos de preparación. O gaiteiro, acordeonista e percusionista de Carril recolle en 'Un home tranquilo' (Inquedanzas Sonoras, 2025) dez temas nos que arredor da gaita, a zanfona eléctrica ou da frauta, tece un lenzo no que a tradición busca os reflexos da contemporaneidade máis absoluta, deixando que o eléctrico e o acústico, o propio e o alleo, dialoguen sen constrición de xénero previa, introducindo bases electrónicas e instrumentos diversos. Como xa ofrecera no seu primeiro traballo, o músico deixa sitio para un pop-rock do estilo 'indie', sen perder de vista outras influenzas, sempre sobre a base da súa formación tradicional. Gravado entre Galicia e Madrid, para Un home tranquilo, Silva contou con músicos como Miguel Lamas, Niño Bruno, Pablo Pérez, Xosé Miguélez, Antonio Rodríguez, Adrián Saavedra ou Ana Fernández, e a colaboración especial do grupo de Caldas, IGLOO. O disco está dispoñible en plataformas dixitais, así como en fomatos físicosd e CD e vinilo. Silva presentará en directos este traballo o vindeiro 12 de outubro na Sala Capitol de Santiago.

Todo el Largo Verano volven para compartir un tempo de vagar

Xénero: Pop | 10 / 7 / 2025

TLV_noitemaiscurta.jpg

'Na noite máis curta' (Ferror Records, 2025) é o sexto disco longo de Todo el Largo Verano (TLV), o proxecto liderado por Alberto Amigo e que completan Carolina Rodríguez, Luis Paadin, Luis Blanco, Danny Abeledo, Elisa Sardiña, Camilo Fraga e José Carlos Iglesias "Joshua". O disco, escrito e producido por Amigo, créase conceptualmente a partir do tema que pecha o traballo, "Unha tarde no campo", e a súa idea é de celebración das noites de verán e do de vagar sinxelo e gozoso desta estación. Os trece cortes que o compoñen pódense dividir en catro momentos temporais: sesta, serán, noite e amencer. O disco foi gravado e mesturado en El Tercero por Amigo e en RRStudios por Danny Abeledo, onde tamén foi masterizado. A banda recoñece neste traballo as influencias das conacións de The Millenium, The Beach Boys, Belle & Sebastián, The Waterboys, The Beatles, Bob Dylan e Burt Bacharach entre outros. O son, moi apoiado nas cordas e incluíndo ruídos da natureza, para o que conta tamén co Cuarteto Morris, busca a explotar a capacidade máis evocadora cara as sensacións que quere transmitir. O traballo está dispoñible no formato físico en CD e tamén nas plataformas dixitais.

<< Inicio / Anterior . 11 a 20 de 3557 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR