Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
De Ninghures revisa a 'Feira' en urban-trad
Xénero: | 25 / 2 / 2025
Hoxe publicouse nas plataformas o novo traballo discográfico de 'De Ninghures', 'Feira, (Tremendo Audiovisual, 2025) é o segundo disco longo tras 'Aquí' (2022) e presenta sen medo unha revolución da sonoridade da banda. Se ben a base do seu traballo é a actualización do patrimonio tradicional, neste novo disco a banda métese de cheo no urban-trad e engade influencias latinas e árabes nalgúns temas. O resultado é unha proposta nova e fresca que coas referencias das foliadas, os seráns e as temáticas da tradición musical entran directamente nos sons electrónicos que caracterizan xa a unha xeración de artistas deste primeiro cuarto de século. Da man do produtor Juan De Dios Martín (Amaral, Xoel López, etc.), o grupo experimenta coa electrónica, coa utilización de novos instrumentos -ou usos renovados na súa instrumentación habitual- e a incorporación de efectos nas composicións. Nun dos temas 'Poço' tamén contan coa produción de Hevi. O disco pretende ser, como o seu nome indica, a carta de presentación dunha Feira do século XXI.
O Álbum de Galicia incorpora as Cantareiras de Cerceda
Xénero: | 19 / 2 / 2025
Dúas das protagonistas nas que a Real Academia Galega personifica a homenaxe colectiva ás cantareiras neste Día das Letras conta xa coa súa entrada no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega. A institución súmase ao recoñecemento a achegar unha biografía, fotografías e documentación sobre Adolfina e Rosa Casás, cantareiras da Vila da Igrexa (Cerceda).
Xerais lanza novos títulos a conmemorar o Día das Letras das Cantareiras
Xénero: | 17 / 2 / 2025
O Día das Letras dedicado ás cantareiras está a ter un importante reflexo editorial neste comezo do ano. Edicións Xerais recolle no seu web catro novos lanzamentos arredor da data, que sumado á biografía Cantareiras suma cinco publicacións sobre o tema. Dentro destes, destaca o volume colectivo Somos pandeireteiras, que dá conta do nacemento da asociación do mesmo nome en 2024 e analiza diferentes aspectos deste movemento de recuperación do patrimonio sonoro.
O festival de Ortigueira crea o Laboratorio de Cántigas Novas
Xénero: | 12 / 2 / 2025
O vindeiro 8 de marzo comeza a súa actividade en Ortigueira o LAB-Laboratorio de Cántigas Novas. O Festival Internacional do Mundo Celta que se celebra nesta localidade abre este novo espazo de formación no campo da música tradicional coa dirección de Ugia Pedreira e Óscar Górriz e coa colaboración da escola de gaitas municipal.
A música protagoniza o Día das Letras dedicado ás cantareiras
Xénero: | 10 / 2 / 2025
A sede da Fundación Seoane, na Coruña, acollía este 10 de febreiro a presentación do programa que a Real Academia Galega artellará ao longo do ano arredor do Día das Letras Galegas. A efeméride está dedicada nesta ocasión "á poesía popular oral e ás mulleres que contribuíron á súa creación e transmisión" e personificada en Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira e mais Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e Teresa García Prieto, as catro integrantes das Pandeireteiras de Mens que faleceron hai máis de dez anos, requisito establecido para recibir esta dedicatoria.
Quiosco: Raigame 51
Xénero: | 7 / 2 / 2025
A sede da Deputación de Ourense acollía este 2 de febreiro a presentación do número 51 da revista Raigame. Revista de arte, cultura e tradicións populares. A publicación que realiza o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo co apoio da Deputación de Ourense lembra nesta entrega o cincuentenario do falecemento do fotógrafo José Suárez. O creador protagoniza un artigo no que Xosé Luis Suárez Canal e Mercedes Rozas repasan diferentes exposicións que protagonizou ao longo da súa vida.
Xabier Díaz reivindica o legado das cantareiras publicando medio cento de vídeos de recollidas
Xénero: | 10 / 1 / 2025
Xabier Díaz implícase de cheo coa homenaxe que este ano o Dia das Letras galegas fai á cantareiras e comezará desde este venres a publicar cada semana nas súas redes sociais unha serie de vídeos das súas recollidas da música tradicional e o patrimonio oral. Serán en total 54 entregas, correspondentes a traballos seus de investigación e recollida levados a cabo durante 22 anos, entre 1989 e 2011. Estes máis de medio cento de vídeos son tan só unha escolma dun enorme traballo que fixo que inclúe máis de 500 gravacións levadas a cabo nas catro provincias galegas e tamén en zonas limítrofes de Asturias, Zamora e León. A primeira entrega será un vídeo gravado en 1989 na parroquia de Moscoso, en Pazos de Borbén. E no que as irmás Rosa e Aida Garrido, interpretan o 'Canto de sachar o millo'
A RAG abre no seu web o espazo do Día das Letras 2025
Xénero: | 3 / 1 / 2025
Cunha presentación a cargo de Ana Boullón e a tribuna "Cantar para gañar galegofalantes" de Antón Santamarina, a Real Academia Galega acaba de abrir o espazo web do Día das Letras 2025. A xornada dedícase neste ano "á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda, Eva Castiñeiras, de Muxía, e Manuela Lema e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas tres das Pandeireteiras de Mens (Malpica)".
Ailá presenta Tradimensional, o seu terceiro álbum
Xénero: | 19 / 12 / 2024
Un concerto este quince de decembro na compostelá Sala Capitol presentaba ao vivo o terceiro traballo de Ailá. O grupo lanza Tradimensional a manter a súa aposta pola música de raíz bailable e a incorporar por vez primeira letras propias ás pezas tradicionais que conforman o groso do seu repertorio.
A IX Foliada da Fonsagrada lembra a Herminio Villaverde
Xénero: | 4 / 12 / 2024
Este 5 de decembro comeza a novena edición da Foliada da Fonsagrada. Esta cita de música tradicional, considerada unha das máis importantes do país, desenvólvese ata o día 9 neste concello da montaña de Lugo cun nutrido programa de actividades.
novidades discográficas
Repichoca
Tiruleque
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos


