Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
O Consello da Cultura achega a música tradicional ás aulas cunha guía
Xénero:
| 13 / 5 / 2025Co título Axudádeme a cantar, o Consello da Cultura Galega presentaba este 12 de maio unha guía docente que quere axudar a introducir a música de tradición oral nas aulas. O proxecto, que ensina como organizar unha foliada na escola en sete pasos, está orientado ao terceiro ciclo de educación primaria, con posibilidade de se estender a outros niveis, e pódese descargar de balde desde o web da institución.
FAIA presenta o seu segundo disco 'Alvela'
Xénero:
| 24 / 4 / 2025FAIA presenta o seu segundo disco en solitario, 'Alvela', un traballo complexo e sutil, como xa fora 'Ao cabo leirín' (2019), con dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. A artista, membro da formación De Vacas, o Coro Encaixe ou Apatacón revisa neste proxecto persoal arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular.
Feiraco e a Xunta ofertan formación online sobre música e baile tradicional
Xénero:
| 15 / 4 / 2025O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentaba este 14 de abril a programación conxunta que artellaron a Xunta e a empresa láctea Feiraco con motivo do Día das Letras Galegas. A principal novidade deste programa é a creación cunha "academia virtual" dedicada á música e ao baile tradicional.
O Museo do Pobo presenta a súa programación sobre as Cantareiras
Xénero:
| 9 / 4 / 2025Este venres, 11 de abril, o Museo do Pobo Galego inaugurará a exposición 'Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión', producida co gallo da homenaxe das Letras Galegas 2025 ás creadoras e transmisoras da poesía popular oral. Trátase dunha mostra que recompila materiais sonoros, procedentes dos fondos do proxecto de recuperación, catalogación e dixitalización do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego e o arquivo gráfico e documental, así como pezas pertencentes á colección do Museo ou cedidas por particulares para a ocasión, ademais de material audiovisual realizado expresamente para o proxecto. Alén diso o Museo presentou o resto das actividades programadas ata finais de setembro que tamén irán na liña de poñer en valor a transmisión oral e ás cantareiras en particular. Comprende actividadsn sobre baile, charlas, concertos e accións didácticas,
A RAG bota a andar a Primavera das Letras dedicada ás cantareiras
Xénero:
| 10 / 3 / 2025O CEIPP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda acollía na mañá deste 10 de marzo a presentación da Primavera das Letras. O programa didáctico co que a Real Academia galega achega a celebración do 17 de maio ao público escolar botou a andar coa estrea, a cargo do alumnado deste centro, da obra teatral As Ferreñas (en vivo e en directo), escrita por Paula Carballeira, que se pode descargar no web da iniciativa nunha edición ilustrada por Nuria Díaz.
Milladoiro recibirá o XVIII Premio Opinión Andaina Senlleira
Xénero:
| 4 / 3 / 2025O vindeiro 9 de abril o teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle a gala de entrega dos XXIV Premios Opinión da Música de Raíz. O galardóns que artella o xornal La Opinión recoñecerán co XVIII Premio Opinión Andaina Senlleira a histórica formación Milladoiro.
De Ninghures revisa a 'Feira' en urban-trad
Xénero:
| 25 / 2 / 2025Hoxe publicouse nas plataformas o novo traballo discográfico de 'De Ninghures', 'Feira, (Tremendo Audiovisual, 2025) é o segundo disco longo tras 'Aquí' (2022) e presenta sen medo unha revolución da sonoridade da banda. Se ben a base do seu traballo é a actualización do patrimonio tradicional, neste novo disco a banda métese de cheo no urban-trad e engade influencias latinas e árabes nalgúns temas. O resultado é unha proposta nova e fresca que coas referencias das foliadas, os seráns e as temáticas da tradición musical entran directamente nos sons electrónicos que caracterizan xa a unha xeración de artistas deste primeiro cuarto de século. Da man do produtor Juan De Dios Martín (Amaral, Xoel López, etc.), o grupo experimenta coa electrónica, coa utilización de novos instrumentos -ou usos renovados na súa instrumentación habitual- e a incorporación de efectos nas composicións. Nun dos temas 'Poço' tamén contan coa produción de Hevi. O disco pretende ser, como o seu nome indica, a carta de presentación dunha Feira do século XXI.
O Álbum de Galicia incorpora as Cantareiras de Cerceda
Xénero:
| 19 / 2 / 2025Dúas das protagonistas nas que a Real Academia Galega personifica a homenaxe colectiva ás cantareiras neste Día das Letras conta xa coa súa entrada no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega. A institución súmase ao recoñecemento a achegar unha biografía, fotografías e documentación sobre Adolfina e Rosa Casás, cantareiras da Vila da Igrexa (Cerceda).
Xerais lanza novos títulos a conmemorar o Día das Letras das Cantareiras
Xénero:
| 17 / 2 / 2025O Día das Letras dedicado ás cantareiras está a ter un importante reflexo editorial neste comezo do ano. Edicións Xerais recolle no seu web catro novos lanzamentos arredor da data, que sumado á biografía Cantareiras suma cinco publicacións sobre o tema. Dentro destes, destaca o volume colectivo Somos pandeireteiras, que dá conta do nacemento da asociación do mesmo nome en 2024 e analiza diferentes aspectos deste movemento de recuperación do patrimonio sonoro.
O festival de Ortigueira crea o Laboratorio de Cántigas Novas
Xénero:
| 12 / 2 / 2025O vindeiro 8 de marzo comeza a súa actividade en Ortigueira o LAB-Laboratorio de Cántigas Novas. O Festival Internacional do Mundo Celta que se celebra nesta localidade abre este novo espazo de formación no campo da música tradicional coa dirección de Ugia Pedreira e Óscar Górriz e coa colaboración da escola de gaitas municipal.
novidades discográficas
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
BâNZô
Os do Fondo da Barra
REPORTAXE

Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos