O mundo da gaita reúnese en Poio
outubro 23, 2024
Este vindeiro domingo, 27 de outubro, o mundo da gaita galega ten unha cita imprescindible en Poio. O Pazo de Besada da localidade pontevedresa acolle a que será a quinta edición de O Son da Gaita, un encontro ao redor deste instrumento tradicional que reúne solistas, formacións, artesáns e investigadores. A Asociación Cultural Pai da Cana organiza este evento polo que ao longo da mañá pasarán tres agrupacións (Ventureira, Picuiña, @s Folieir@s) e cinco solistas (Pedro Lamas, Pablo Carpintero, José Manuel Mojy, Sabela Olivares e Ivan Costa) de toda Galicia e acollerá tres presentacións, incluíndo un obradoiro de instrumentos a cargo de Oli Xiráldez. A xornada terminará cun xantar foliada. A asistencia (agás o xantar) é de balde con reserva previa.