Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Coral De Ruada leva o Premio Otero Pedrayo

O GALARDóN QUE CONCEDEN A XUNTA E AS CATRO DEPUTACIóNS ESTá DOTADO CON 16.000 EUROS

A Coral De Ruada leva o Premio Otero Pedrayo

FOLK | outubro 15, 2024

imaxe non dispoñible

A histórica Coral de Ruada foi recoñecida este 14 de outubro co Premio Otero Pedrayo, que outorgan a Xunta e as catro deputacións provinciais. O xurado do galardón outorgoulle o premio a esta agrupación "pola súa traxectoria de máis dun século levando a música tradicional galega a grandes festivais nacionais e internacionais e tamén polo seu labor na promoción de actividades de formación de teatro e da escola de música".

O premio Otero Pedrayo instituíuse en 1977 "co obxectivo de perpetuar e honrar a memoria do ilustre galeguista, recoñecer a contribución á cultura de persoas e entidades no campo das letras e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións", e conta cunha dotación de 16.000 euros.

O xurado estivo composto por representantes do Goberno galego, das catro deputacións, das universidades galegas, da Real Academia Galega, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo. No seu fallo, destacou "o percorrido da Coral Ruada e o seu traballo na promoción da música tradicional, con múltiples discos gravados, publicacións escritas ou diferentes actividades arredor da cultura".

Ademais, apunta que a entidade "non se trata só dunha agrupación folclórica senón que é unha institución galeguista e auspiciada pola Xeración Nós". A coral fundouse en 1918, e ao longo da súa traxectoria recibiu múltiples recoñecementos. Na actualidade centra o seu labor na difusión do folclore do país en sociedades culturais tanto galegas como no exterior. Ademais do coro, a entidade conta coa Escola de Música Tradicional Virxilio Fernández o grupo de Teatro Xabier Prado -Lameiro- e unha escola de baile.