Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Grande Amore presenta o seu segundo disco

EN 'II' NUNO PICO ENGADE POTENCIA AO SEU SON COA AXUDA NA PRODUCIóN DE CARLANGAS

Grande Amore presenta o seu segundo disco

ELECTRóNICA | setembro 14, 2023

GrandeAmore_II.jpg

Desde hoxe xa está dispoñible nas plataformas o segundo disco de Grande Amore, o proxecto de Nuno Pico xunto a Clara Redondo e mariagrep. Baixo o título de "II" e o selo de Ernie Records este traballo ofrece dez temas orixinais dos que catro deles xa foron previamente adiantados: 'Do meu corpo van nacer outros corpos', 'Pelea', 'Onde ela me quer levar' e 'Ben Sabe Dios Que O Intentei'. A proposta de "II" mantén as liñas narrativas do seu disco de debut "Grande Amore" (Ernie Records, 2021), cun existencialismo escuro que retrata a vida contemporánea cotián cunha certa rabia e desesperación. Nuno amósase máis seguro tras do seu paso polos escenarios e festivais e pola acollida que tivo por parte do público nel e iso nótase nesa reafirmación de estilo que é este "II". A nivel sonoro os temas adquiren máis forza e potencia, máis velocidade en xeral.

No disco os músicos divírtense e iso nótase, igual que se nota a man na produción de Carlangas. Na comunicación da discográfica dise que ambos querían facer un disco de rock, "con bandas como Motorhead, Stooges ou Ramones como referentes, pero engadindo caixas de ritmos e sintetizadores". Grande Amore xoga co rock, as caixas de ritmos, os sintetizadores, pon a bailar ás guitarras e volve sacar temas aos que é imposible resistirse quedando quieto, impulsores do movemento corporal. As voces de ‘II’ foron gravadas por Raúl Pérez en La Mina; tamén el correu a cargo da mestura. O máster foi realizado por Cem Oral en Jammin' Masters. A presentación oficial do disco terá lugar vindeiro día 22 de setembro, na Sala Malatesta de Santiago de Compostela. A falta de máis datas por confirmar xa son públicas as actuacións en Ourense, dentro do OUR Fest o 21 de outubro; o 27 de outubro en Chantada (O Castañazo) para logo iniciar unha xira fóra de Galicia que o levará inicialmente a León (22/12, Sala Espacio Vías); Oviedo (23/12, Sala La Salvaje) e Madrid xa en 2024 ( 22/01).

datos do disco