Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Pablo Sanmamed transforma en música a inquietude migratoria

NO SEU NOVO TRABALLO 'ZUGUNRUHE- INQUIETUDE MIGRATORIA' FAI UN ARRANXO SOBRE UNHA CANTIGA DE AFONSO X

Pablo Sanmamed transforma en música a inquietude migratoria

JAZZ/BLUES | xullo 18, 2023

imaxe non dispoñible

"Zugunruhe" é un termo alemán que se usa para describir un comportamento animal de ansiedade visible nas especies de costumes migratorias, especialmente nas aves, cando lles chega o momento de iniciar o seu periplo. Pódese traducir como "inquietude migratoria" e así co termo alemán e a súa tradución serve de título ao terceiro disco de estudio do compositor, contrabaixista, director musical e produtor, Pablo Sanmamed. O concepto mesmo do que fala ese título motiva parte das composicións deste disco, como tamén o fai o seu antónimo, a quietude, ou a ausencia des necesidade de movemento. Sanmamed, que pasa por un período especialmente fértil de escritura, gravacións e recoñecemento, presenta este álbum acompañado por Iago Mourinho ao piano e Bruno Couceiro á batería, habituais do seu trío, aos que se engade nesta ocasión o óboe e o corno inglés de Benxamín Otero, para dar forma a un cuarteto que forxa un son comunitario inmersivo.

O disco "Zugunruhe. Inquietude migratoria" está conformado por 10 temas, 8 deles orixinais e 2 arranxos, un sobre un tema tradicional asturiano e o outro da canción número 78 das Cantigas de Afonso X O sabio. Esta edición, realizada por Acentral Folque e publicada en vinilo, inclúe un álbum fotográfico de Eutropio Rodríguez, cun caderniño interior no que percorre o concepto do disco e a súa música, ademais dunha serie de textos de Susana Aríns, arredor do concepto. Foi gravado por Ramón Campos e Rubén Montes, nos estudios Disquesí e Rueiro e mesturado e masterizado tamén por Ramón Campos. Pablo Sanmamed é, ante todo, un artista cun son que se funda na herdanza do jazz de autor, a world music, a música contemporánea e a cinematográfica. O disco está dispoñible para comprar en Inquedanzas Sonoras e pode ser escoitado nas plataformas dixitais.

datos do disco