Filloas xa vai polo seu segundo traballo en menos dun ano
abril 14, 2023
Aínda non fai un ano que saía o seu primeiro disco longo como FILLOAS, e xa temos aquí o novo traballo do artista vigués Iago Galego Ferreiro, co explícito nome de "O Segundo Disco xd" e de novo distribuído pola plataforma A Regueifa 2.0. Malia a escasa marxe entrambos lanzamentos a comunicación do novo disco asegura que con el o proxecto de Galego "chega á súa maioría de idade", presentando estes dez novos temas gravados nos estudos composteláns Garaxeland. O certo é que hai diferenzas nas sonoridades deste novo disco e o anterior, no sentido dunha sofisticación respecto ao que xa se amosaba no primeiro álbum, un paso máis que dá consistencia ao seu estilo. As melodías electro-pop e synth-pop bailables conforman o núcleo duro do disco incluíndo ritmos urbanos e querencia guitarreira, sobre un libreto de letras de ton existencialista e desencantado que, segundo comunican, "provoca ter medrado entre crises económicas, pandemias, a abafante presión das redes sociais e a precariedade laboral", contando situación cotiás relacionadas con sentido do humor co desamor, as inquedanzas sociais, a cultura pop e, por riba de todo, unha sensación de frustración persoal provocada, segundo din polo "día a día da vertixe capitalista". O primeiro tema de lanzamento, "Cando estás durmida", chega acompañado dun videoclip que reivindica a amizade coma perfecto remedio contra a ansiedade existencial.