Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Preséntanse os grupos que participarán da aceleradora musical Sonemerxente

A CIDADE DA CULTURA ACOLLE ESTA EXPERIENCIA QUE XESTIONA A FUNDACIóN PAIDEIA

Preséntanse os grupos que participarán da aceleradora musical Sonemerxente

MISCELáNEA | marzo 9, 2023

imaxe non dispoñible

Adrian Timms, Anahí, Babykatze, Helena Egea, Hydn, Law, Lora, Moito!, Mondra, Paraíso Canto, Samudra Trio e Zeltia Irevire son os nomes que fan parte da aceleradora de música Sonemerxente. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentaba onte na Cidade da Cultura as iniciativas que participan deste programa, dotado con 240.000 euros e que xestiona Fundación Paideia.

Segundo apunta Consellería, estes proxectos seleccionáronse entre as 60 solicitudes recibidas para o programa, e amosan "o amplo abano de estilos e tendencias que conviven na actual escena musical galega, ao tempo que reflicten o dinamismo e o potencial feminino no sector a través de sete proxectos liderados por mulleres".

A viguesa Anahí, "quen compaxina as súas actuacións de rúa coa preparación do seu propio proxecto artístico"; o synth pop minimalista de Babykatze; a pontevedresa Helena Egea, con composicións propias entre o jazz, o soul, o blues e o rock; a coruñesa Hydn coa súa exploración de electrónica, r'n'b e pop ata o reguetón e o trap; a "persoal proposta" de Law, con múltiples influencias musicais; a música de cámara de Samudra Trio ou folk tribal Zeltia Irevire son algunhas das iniciativas seleccionadas, segundo informa a Xunta.

Canda a elas, o cantante e multiinstrumentista Adrian Timms, entre o indie-pop e o folk; o dúo coruñés de música urbana Lora; a banda de indie rock Moito!; o proxecto multidisciplinar de Mondra arredor da música tradicional galega, e mais o dúo Paraíso Canto, "que explora novas sonoridades e músicas coa tradición oral galega como punto de partida" completan a selección.

Este martes 14 de marzo comeza a actividade de cunha consultaría grupal para todas as propostas. Con posteriorirade desenvolveranse accións de mentorización arredor de cada un dos 12 proxectos, máis de 70 horas de traballo con cada un que finalizará na gravación dos correspondentes produtos musicais e a elaboración dos seus plans de negocio. Unha segunda fase do programa centrarase na promoción e difusión dos proxectos seleccionados.