Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Quico Comesaña presenta o seu primeiro traballo en solitario

O EX-INTEGRANTE DE BERROGüETTO E FíA NA ROCA ASINA "MãE"

Quico Comesaña presenta o seu primeiro traballo en solitario

FOLK | agosto 8, 2022

quicocomesana_mae.jpg

Cun extenso percorrido musical ás costas como integrante de formacións importantes e coñecidas como Fía na roca e Berrogüetto, Quico Comesaña (Navia, 1962) asina o seu primeiro disco en solitario "Mãe", que ven de saír á venda este pasado mes de xullo. No disco, Comesaña aposta polas composicións longas, puramente instrumentais e cun marcado carácter de 'suite' para un traballo integrado por catro pezas de arredor de 10 minutos e de nomes tan evocadores dese folk ligado ao concepto cosmogónico de 'Nai terra' como Clorofilia, Marea, Animal Sapiens e Terránea. Preséntase coma unha homenaxe ao feito feminino dador da vida.

O disco o conforman estas catro composicións instrumentais independentes entre si, onde varias melodías actúan como nexo entre elas, aparecendo de cando en vez sobre diferentes harmonías, ambientes ou texturas, que evocan espazos e sensacións a partir das principais influenzas musicais asimiladas durante a adolescencia. Non resulta nada complicado atopar en 'Mãe' fíos que nos leven ao folk británico dos anos setenta e oitenta, da "nova era" ou mesmo ao rock sinfónico de Mike Olfield ou outras bandas do momento. Para a gravación deste traballo tan persoal colabora un grupo de recoñecidas e recoñecidos intérpretes da escena musical galega: Carmen Gallego, violín e nyckelharpa; Marcos Padrón, acordeón; Gonzalo Arévalo, oboe; e Isaac Palacín, pratos redobrantes, pero é o propio Comesaña quen asume a interpretación dun grande número de instrumentos de corda e percusión ao longo de todo o traballo. O disco está a venda en formato físico para venda directa ou en diversos puntos de distribución habituais.

datos do disco