Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O Atlantic Fest volta a Vilagarcía en plenitude

O FESTIVAL INTERCéLTICO DO MORRAZO, O FESTIULLOA OU O BAL Y GAY CELEBRAN TAMéN NOVAS XEIRAS

O Atlantic Fest volta a Vilagarcía en plenitude

MISCELáNEA | xullo 8, 2022

imaxe non dispoñible

Izal, Andrés Calamaro, Fangoria, Nancys Rubias, Los Planetas, Quique González ou La Casa Azul con algúns dos nomes que encabezan o cartel da nova xeira do Atlantic Fest. Xa sen restricións, o festival volta á praia da Concha deVilagarcía de Arousa entre os días 15 e 17 de xullo no seu formato orixinal. Ademais da música, o programa inclúe unha exposición de pósters sobre música do deseñador Xavi Forné, unha mesa redonda sobre festivais e escena independente en Galicia ou presentacións de libros.

Canda a esta cita, anuncian tamén as súas novas xeiras o Festival Intercéltico do Morrazo, que recupera presenza internacional, e mais o Festiulloa, que volta logo de dous anos sen se celebrar. Moaña acolle a nova edición do FIM entre o 29 e o 31 de xullo co Treixadura, Elephant Sessions, Yves Lambert, Xurxo Fernandes, O d’abaixo e Kathryn Tickell a protagonizar o cartel. Ademais, acollerá ademais por vez primeira a Mostra de Artesanía e Cultura Tradicional, que incluirá obradoiros, desfiles e actuacións musicais e de danza.

Na Mariña a música clásica soará coa IX edición do Festival Bal y Gay. Entre o 12 e o 24 de agosto o evento levará a diferentes espazos monumentais desta comarca lucense o sons de Elisabeth Leonskaja, a Orquestra Sinfónica de Galicia con Lucas Macías e Serena Sáenz, o Cuarteto Quiroga, Pablo Ferrández, Armida Quartett, Carlos Mena, a Real Filharmonía de Galicia, o Dúo del Valle ou Andreas Prittwit. Aos recitais súmanse concertos familiares, conferencias e obradoiros.

O Festiulloa, pola súa banda, celebra a súa XIII xeira a combinar música e excursións no medio natural entre os días 4 e 6 de agosto. Un recital de Blanca López Rubal a interpretar pezas de Bach e de Sibelius na igrexa románica de Santa María de Arcos, e outro coa estrea da composición Canto fugado de Félix Armadá Juárez e traballos de Caroline Shaw e Beethoven na Casa-Escola de Peibá compoñen a proposta sonora. A isto súmase un roteiro por árbores singulares da comarca, paseos ata o lugar dos concertos e un obradoiro sobre "Mindfulness e ecoloxía profunda".

En Nigrán, pola súa banda, o Espazo Fest celebrará a súa segunda edición coas confirmacións de No more bullshit (22 de xullo), Taburete (5 de agosto), Soto Asa (día 6), Pol 3.14 (12) e The Soul Jacket (13).