Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Xa está dispoñible o 'Segmento Cantábrico' de Ugía Pedreira

O PRIMEIRO DISCO EN SOLITARIO DA ARTISTA DE FOZ é O DéCIMO TERCEIRO DA SúA CARREIRA

Xa está dispoñible o 'Segmento Cantábrico' de Ugía Pedreira

FUSIóN | abril 8, 2022

segmentocantabrico_apedreira.jpg

Desde hoxe xa está dispoñible ao completo nas plataformas dixitais '𝙎𝙚𝙜𝙢𝙚𝙣𝙩𝙤 C𝙖𝙣𝙩𝙖́𝙗𝙧𝙞𝙘𝙤' o disco de Ugía Pedreira, 'A Pedreira', como asina neste primeiro traballo en solitario dunha artista que ten unha traxectoria anterior que inclúe outros trece traballos discográficos en diferentes proxectos, desde Marful a Nordestin@s, ecléctica Ensemble ou Acróbata. Este traballo inclúe un minipoemario, 'Atalaia Norte', e entre os dous formatos a Pedreira dirixe a súa intención a sinalar a relación entre pobos e tribos creada historicamente pola comunicación a través do mar Cantábrico. A artista mira desde Castropol, onde reside e Foz, de onde procede, para a costa galega, asturiana, vasca e bretoa especialmente.

Once temas onde con espírito de experimentación se mesturan sons tradicionais, tribais, electrónicos e melódicos máis clásicos. Arquitecturas sonoras tan dispares coma a música barroca, o metal, o techno, cantos tibetanos, folk irlandés e bretón ou sons chamánicos dan corpo a este traballo gravado e mesturado nos Estudios Ty Awel de Vilavedelle, rematado despois nos Abrigueiro Estudios de Friol, con Arturo Vaquero. Nos temas de 'Segmento Cantábrico' hai poemas asinados por Ugía, pero tamén do pintor vigués Enrique Gavilanes, ou saídos das mans de Rosalía de Castro, de Carvalho Calero, Xela Arias ou da poeta laurentina Marina Oural. As achegas do músico, Pierre-Yves Rougier, a súa parella tamén son patentes na composición e arranxos dos temas, así como nas voces e instrumentación cos sintetizadores. A artista comezou a xira de presentación o pasado 12 de marzo en Ribadeo. 'Mares sucados', con letra do pintor e poeta vigués Enrique Gavilanes foi o seu primeiro tema de avance deste álbum que xa se pode degustar en toda a súa variedade e complexidade, traendo ao mar diante de quen o escoite. Abre o disco 'Ser 1 Ser+', do que tamén ven de sair un videoclip.

datos do disco