A instantánea da música 2021
outubro 20, 2021
Os Premios Martín Códax da Música en Galicia voltan neste outono para celebrar e reivindicar a normalización do sector musical logo da pandemia. A VIII edición dos galardóns, que se entregarán o vindeiro 27 de outubro en Pontevedra, mantén a cifra de participación media do certame, e sérvenos unha vez máis como indicador das tendencias que segue o ámbito sonoro no noso país.
O ascenso dun epígrafe tan variado como Músicas do Mundo ata o terceiro posto entre os xéneros máis tocados, canda á coroación do Pop e Indie no primeiro posto, aparecen como as mudanzas máis rechamantes nas tendencias sonoras do país a partir dos datos do certame que convoca a Asociación Músicas ao Vivo. Canda a estes, no entanto, verifícanse movementos de fondo como os ascensos sostidos de Metal e mais da etiqueta Hip-Hop e Músicas Urbanas, impulsada pola auxe de estilos como o trap. Fronte a estas categorías atópase o devalo continuado de Blues, Funk e Soul e de Coros e Grupos Vocais, que semellan perder atractivo no sector. Polo medio aparece a incerteza sobre a situación da música infantil, con baixadas que haberá que comprobar se responden a novos aires neste ámbito.
Edición atípica
A obrigada pausa na música ao vivo que provocou a pandemia de Covid-19 deixouse notar na nova xeira dos galardóns que convoca a Asociación Músicas ao Vivo. A organización decidiu nesta ocasión non convocar a competición nas categorías de salas nin de festivais a atender á "excepcionalidade deste annus horríbilis". Segundo explican as bases desde o colectivo "queremos brindarlles de xeito unánime todo o noso apoio e recoñecemento neste momento tan complexo para todos" a estes espazos e eventos. "Por iso entregarase un premio extraordinario nestas dúas categorías, outorgados directamente pola asociación do mesmo xeito que se fai anualmente co Premio Honorífico".
As propostas
En total, presentáronse á oitava xeira do certame 446 propostas, a sumar as que optan aos recoñecementos nos dezasete estilos musicais recoñecidos e aquelas que se candidatan ás mellores iniciativas de comunicación e difusión nos Premios Organistrum. A suma amosa o consolidados que están os galardóns e confirman a capacidade de convocatoria da organización. Aínda que a participación supón un descenso ante a anomalía de 2020, cando houbo unha colleita de 578 proxectos, a cifra achégase ás das últimas edicións (441 proxectos en 2019, 448 en 2018 ou 446 en 2017). Tal e como recoñece Xabier Mera, vicepresidente de Músicas ao Vivo, "a verdade é que mantemos a media. Penso que o ano pasado houbo un pico porque nos apañou a moitos na casa e moi metidos nas redes sociais e asuntos telemáticos, e iso facilitou que houbese máis inscricións. Agora voltamos á media, e vese que somos superestables, que contamos cun grupo consolidado de talento e estamos moi contentos co resultado". Sobre as cifras de candidaturas desta edición apunta tamén que "neste momento o sector está a retomar o pulso, co retorno das actuacións en vivo, e isto tamén pode influír en que houbese menos propostas que no ano pasado".
Ampliar gráfico
O pop é o rei
Por xéneros, as propostas inscritas na categoría de Pop e Indie recuperan posicións e coróanse como as que teñen máis seguimento entre as bandas do país, con 61 proxectos inscritos nesta xeira. A categoría é a que observa maior incremento porcentual, xa que pasa de representar o 11,4 da participación ao 15,10. O Rock, que baixa de 70 a 56 proxectos en competición, mantén no entanto case igual a súa representación porcentual nas candidaturas, un 13,9% fronte ao 14 do pasado ano, a continuar unha liña de estabilidade comezada en 2018. "Están sempre aí na cabeza as dúas categorías a se alternar. Son os estilos máis comerciais e extendidos entre os proxectos musicais do país", recoñece Mera.
Ascenso de Músicas do Mundo
Os 40 proxectos de Músicas do Mundo elevan esta categoría ao terceiro posto por participación, co 9,9% das propostas fronte ao 8,6 de 2020. O estilo intercambia postos coas candidaturas que aspiran ao premio de Canción de Autor/a, que encadea tres anos de descenso e con 35 proxectos fica no 8,7% das inscricións fronte ao 10,4 do pasado ano. No entanto, a grande variabilidade que ten presentado este xénero dificulta sacar conclusións sobre a súa evolución no panorama galego. "Pasa algo curioso con el. Hai artistas que se ven máis ou menos cómodos neste epígrafe a depender do traballo que saquen cada ano", explica Mera estas variacións. "Ao se definir pola composición e a interpretación dos temas, é un caixón no que poden navegar moitas estéticas. Entón hai xente que se adscribe a el nunha edición, e noutra pasan a outra categoría", o que explica en grande medida as variacións numéricas.
Ampliar gráfico
O caso do Metal
Sen apenas mudanzas porcentuais, o Folk acada unha representación do 7,9 dos proxectos coas súas 32 propostas en competición, sete menos que en 2020. A electrónica, con 28 e un 6,9% do total (índice similar ao pasado ano), é o seguinte xénero cun maior seguimento e amosa unha presenza neta crecente desde o nacemento da convocatoria. O Metal encadea nestes 2021 catro anos seguidos de crecemento, e suma 1,4 puntos porcentuais cos seus 26 proxectos presentados. A tendencia non pasa desapercibida en Músicas ao Vivo e Mera recoñece que, malia a non ser un estilo maioritario, "hai que pór en valor o Metal galego. É unha escena que se move moito, en particular fóra do país. E isto malia a que contan con poucos espazos para tocar, ao igual que outros estilos duros. Aos decibelios cústalles atopar locais". Pola súa banda, o Jazz e as músicas improvisadas recuperan posicións logo do acusado descenso que experimentaron estes estilos en 2020. Os 24 proxectos que se adscribiron a esta categoría supoñen o 5,9% do total, 2,7 puntos máis que na última edición e na medias das anteriores. No campo da música Clásica e Contemporánea, 22 proxectos suman un leve crecemento do 0,6 puntos ata o 5,4% do total.
As músicas urbanas
Alén da marca extraordinaria de 2018, cando chegou a un 6% dos proxectos, a serie histórica dos Premios Martín Códax revela tamén un crecemento sostido do interese polas Músicas Urbanas no panorama sonoro galaico. Neste 2021 foron 21 os proxectos que participan baixo o epígrafe, o 5,2% fronte ao 2,8% que eran en 2016, cando a categoría chegou ao mínimo. Se ben o crecemento é apenas dun punto a respecto de 2020, a continuidade do medre é de destacar. "Penso que o hip-hop e as músicas urbanas están a arrasar en Galicia. Levan medrando ao longo das edicións e todo apunta a que cada ano terán máis peso e a que haberá proxectos deste tipo que se estenderán a outras categorías", vaticina o vicepresidente de Músicas ao Vivo.
Baixadas
Pola contra, Blues, Funk e Soul semellan ser xéneros en declive no panorama musical galego. A suma de 15 candidaturas referenda seis anos de descensos, a maior serie de baixadas na historia dos galardóns. Os tres xéneros por xunto supoñen só o 3,7% da participación logo de chegar ao máximo de 5,8% en 2016. Tamén semella, a atender estes datos, que está a se dar un menor interese pola música infantil, que leva xa catro anos a descender. Con 15 proxectos, o xénero fica nun 3,7% fronte ao 5,6% da anterior edición e do máximo do 6,5% dos proxectos que acadou en 2018. "Isto sorprendeunos un pouco", recoñece Mera. "Sempre ten moito público e está presente nas programacións. É un xénero que resiste mellor ca outros cando as cousas non van ben para o sector. Non pensamos que haxa menos proxectos, máis ben entendemos que a categoría está nunha fase de estabilización e que para o vindeiro ano subirá de novo".
Ampliar gráfico
Minoritarios
Trece proxectos no campo da Música Tradicional manteñen estable a participación neste ámbito desde a súa restauración en 2020 en aproximadamente un 3,2%. Pola contra, medra de novo, por cuarto ano consecutivo, a participación no campo das Orquestras, grupos e música de verbena, que suman 12 inscricións. Mesmo a continuar infrarrepresentadas ante o peso real deste ámbito, as candidaturas van sumando desde o 1,3% que marcaban en 2018 ata o 3% do total da música que participa nos galardóns. Reggae, Ská e Mestizaxe completa un trienio de baixada, no que pasou de representar o 4,1 ao 2,7 de proxectos, con só 11 inscricións. As nove Bandas de Música Popular que aspiran a premio nesta categoría manteñen o peso porcentual do estilo nun 2,2%.
Os coros
O apartado de Coros e Grupos Vocais continúa unha mingua que se revela como continua desde a creación da categoría, logo do mínimo incremento de 2020. Se en 2016, ano en que se instituíu a categoría, se inscribían neste estilo un 5,6% das propostas, nesta edición os únicos seis proxectos inscritos supoñen só o 1,5. Isto sitúa a categoría como a que conta cun menor seguimento no país. "Esta categoría é unha aposta máis ou menos recente da organización, e queremos seguir traballando para incrementar a participación", insiste Mera. "É certo que moitos dos coros teñen un perfil moi clásico e non ven os premios como propios, pero seguimos coa nosa idea de que estes galardóns son para calquera fenómeno musical que se desenvolva no país". De xeito máis concreto, adianta que "os coros terán o seu reflexo no escenario da gala de entrega dos premios. A voz ten unha potencia simbólica que queremos pór en relevo. Este ano que non se nos deixou traballar, queremos alzar a voz e rachar con este silencio, con toda a potencia". Segundo recoñece, a aposta por manter categorías nas que participación é escasa responde a un interese estratéxico da organización. "Hai diversos caladoiros, estilos e mesmo sectores dentro da música cos que nos resulta moi interesante tender pontes, tanto desde os premios como desde a Asociación. É este caso ou o das Orquestras e Músicas de verbena, que van incrementando aos poucos a súa participación nos premios. Queremos dicirlles a todos eles que seguimos aquí".
Concentración do interese
Os tres principais xéneros na participación concentran o 36,8% das candidaturas, máis aínda que na última edición, onde supuñan o 35,8%, o que non semella apoiar a idea dunha maior diversidade nas formacións musicais do país. A grande mudanza está na chegada das Músicas do Mundo ao terceiro posto en detrimento da canción de autor/a. A separarmos as candidaturas en grandes bloques vencellados á raíz e ao rock, verifícase que unha de cada cinco propostas no país fai parte do primeiro, a incluír as Músicas do Mundo. Tiradas estas, folk e tradicional fican por xunto no 10,6% da participación, un 0,8% menos que en 2020. O outro bloque agregado, o que formamos co rock e o metal, obtén un 19,2%, a manter as mesmas cifras do pasado ano.
Ampliar gráfico
As localidades da música
A atender a orixe das candidaturas que se presentaron aos premios, Santiago de Compostela substitúe a Vigo como principal cidade da música galega, ao pasar do 21,9 ao 25,2 das propostas. A Cidade Olívica mantense no seu 24%, e destaca a baixada de proxectos coruñeses, que descenden do 22,5 ao 16,7% das iniciativas rexistradas e deixan a cidade no terceiro posto. Entre as tres suman o 66,1% da participación, tres puntos menos que no pasado ano. Perde peso tamén Pontevedra, que pasa de representar o 9,1% a só o 6,9% mentres Ferrol, mesmo cunha candidatura menos que en 2020, chega ao quinto posto por localidades co 4,9% do total. Lugo, co 3,3% de representación, Ourense, que fica no 2,3% e a entrada de Vilagarcía, que se reivindica co 2% son as seguintes localidades, a reafirmar o peso urbano na música galega. A partir de aí, segue na lista Caldas, co 1,6% e as dez localidades que suman cadansúas catro candidaturas aos premios.
Ampliar gráfico
Música atlántica
Con estas cifras, o predominio das provincias occidentais no panorama musical galego vese reafirmado. Deste xeito, A Coruña concentra o 48,4% das candidaturas, mentres son de Pontevedra outro 41%, nada menos que o 89,4% das propostas a concurso, fronte ao 85,7% de 2020. Neste sentido, Mera recoñece que "é no Eixe Atlántico onde temos moitas máis inscricións. Continuará a ser unha aposta da Asociación que as provincias de Lugo e Ourense consideren como propios estes premios e se inscriban máis cada ano".
A diversidade da difusión
As iniciativas que compiten nos únicos premios Organistrum convocados este ano, os de Proxectos de comunicación e difusión musical, amosan a enorme variedade de iniciativas que se desenvolver arredor deste campo. Alén dos medios de comunicación máis convencionais, nestas candidaturas atópanse desde propostas multimedia a proxectos editoriais, exposicións ou mesmo iniciativas de dinamización das músicas do país. "A categoría naceu para dar espazo aos medios de comunicación que traballan a música, pero nós mesmos ampliamos a etiqueta a outros ámbitos. A día de hoxe pode haber moitos formatos e plataformas alén dos medios tradicionais. A existencia de exposicións e de proxectos editoriais dá conta tamén da normalización crecente dun sector que se espalla cara a outros ámbitos creativos e económicos".
Logo de dar a coñecer as 51 finalistas, queda para o vindeiro 27 de outubro a gala de entrega dos galardóns, un evento que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra e que quere amosar o potencial do sector e reivindicar a volta da música ao vivo nuns momentos difíciles.