Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / The Rapants gañan o concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans Salas
The Rapants gañan o concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans Salas
setembro 14, 2021
A enerxía da banda muradana The Rapants fíxolles gañar o primeiro premio no concurso de bandas galegas emerxentes Sonidos Mans Salas, o certame organizado pola Fundación Paideia Galiza, a través de Estudios Mans, e coa colaboración da Deputación da Coruña. As actuacións finais dos concursantes durante o Festival de la Luz, levou a este resultado, no que a artista Catuxa Salom fíxose co segundo posto na valoración do xurado. A vitoria de The Rapants levaraos a gravar un EP e un videoclip en Estudios Mans e a presentar o seu traballo en directo nunha sala de recoñecido prestixio en Galicia. A artista Catuxa Salom, segunda clasificada, gravará tamén un tema e o seu videoclip en Estudios Mans. O xurado estivo formado por 3 programadores dalgunhas das salas de concertos máis recoñecidas do panorama galego: Noe Vázquez (A Arca da Noe), Miguel Lueiro (Sala Sónar) e Marcos Vázquez (Fábrica de Chocolate Club).
Nesta edición, Sonidos Mans Salas contou coa inscrición de 59 participantes chegados de todo o territorio galego, sendo Soulwide, Catuxa Salom, Natalia Kendra And The Blue Grapes, Allova, The Rapants as bandas e solistas escollidas para participar na audición final celebrada o pasado sábado 11 de setembro no Espazo Mans do Festival de la Luz en Boimorto. O gañadores, The Rapants, son unha banda de surf, garage e indie formada en Muros (A Coruña). O seu obxectivo é facer bailar ao público sen prexuízos e gozar da música. As súas influencias de bandas como Terbutalina ou Novedades Carminha, déixanse ver no seu traballo, con letras en galego e castelán. Por outra banda, Catuxa Salom é unha moza que busca traer os sons da aldea e mesturalos coa música electrónica para crear unha atmosfera hipnótica.