Néboa afonda na fusión con A realidade enganosa
febreiro 22, 2021
Logo de o presentar en BandCamp, está a saír do prelo este mes de febreiro a edición en vinilo de A realidade enganosa, primeiro álbum dos catoirenses Néboa. O quinteto formado por Aloia López Ferro, Jacobo García Lafuente, Tomás Porteiro Abuín, Sandra Pérez Míguez e Lucas M. Suárez de Centi afonda na aposta por unha fusión sen límites logo de varios EPs e singles. Indietrónica, música tradicional galega, poesía elíptica, jazz de vodevil, pop alternativo, canción de autor e pop internacionalista son influencias que a banda reivindica na presentación do seu traballo, que conta con dez temas cos que "compoñen un cadro de puro minimalismo pop, con trazas que nos levan ata o pop alternativo máis experimental e sons que repiquetean no máis fondo da canción de autor tradicional".
Brais Ruibal, Hevi e Lucas de Centi correron coa produción duns temas que se gravaron entre o Náutico de San Vicente, o Laboratorio Soyz de Trazo e a propia casa de Ruibal. O álbum sae baixo o selo de Raso.