Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Turismo anula os fondos para patrocinio de festivais no seo de FEST Galicia
Turismo anula os fondos para patrocinio de festivais no seo de FEST Galicia
maio 19, 2020
O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe unha resolución pola que a Axencia de Turismo de Galicia deixa sen efecto "por causas sobrevidas diferentes convocatorias de concesión de subvencións, bolsas e patrocinios". En total, esta anulación libera 3.719.439,10 euros dos fondos desta entidade para 2020. Entre as partidas afectadas atópanse os 460.000 euros cos que se apoiaba a "adhesión á marca Fest Galicia para a temporada 2020" e mais "a realización de contratos de patrocinio con entidades privadas para festivais de música profesionais que se celebran desde o 1 de xuño ao 30 de setembro de 2020, considerados estratéxicos para o territorio xa que xeran un retorno publicitario para as marcas Fest Galicia e Xacobeo Galicia 2021".
En 2019 a marca concentrou un total de 12 citas musicais das catro provincias: PortAmérica (Caldas de Reis), Resurrection Fest (Viveiro), Atlantic Fest (A Illa de Arousa), Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia (Illa de San Simón, Redondela), 17º Ribeira Sacra (Monforte de Lemos, Sober, Castro Caldelas, Ribas de Sil e Nogueira de Ramuín), SonRías Baixas (Bueu), Revenidas (Vilagarcía de Arousa), Cantos na Maré (Pontevedra), Festival de la Luz (Boimorto), Caudal Fest (Lugo) e WOS Festival (Santiago de Compostela).
Canda a esta, tamén desaparecen as liñas de axuda a concellos "para o apoio, a promoción e difusión ás festas declaradas de interese turístico de Galicia" que contaban con 306.000 euros. A medida elimina tamén os fondos que se achegaban a concellos turísticos e xeodestinos para a contratación de persoal de información turística (450.000 euros), o que deixará moitas das oficinas deste tipo do país desatendidas durante a temporada alta se non se convocan axudas alternativas. A anulación afecta ademais ás axudas para mellorar infraestruturas turísticas no rural (1.200.000 euros) e mais ás actuacións de dinamización turística que desenvolven os concellos, dotadas con 1.075.000 euros.
Turismo de Galicia argumenta na orde que "as restricións á libre circulación de persoas acordadas polas autoridades están a afectar a todos os sectores da nosa economía, pero especialmente produciuse un forte impacto no sector turístico, que se viu obrigado ao peche dos seus negocios" ao tempo que apunta que "a incerteza que xera o COVID-19 fai pensar nunha menor demanda de servizos turísticos, unha limitación ás concentracións de público e nunha forte baixada do turismo, especialmente o internacional. Unha nova etapa que supón un cambio de modelo e que nos vai exixir situar a Galicia como un destino seguro". Isto leva á axencia "a modificar o seu plan de acción anual tanto no ámbito da súa actividade de fomento como da promoción turística e a reorientar os créditos reservados para estas convocatorias de axudas claramente ineficientes nas circunstancias actuais, para elaborar e sustentar economicamente unha nova planificación que permita, por unha banda, reducir o impacto do COVID-19 nas empresas do sector turístico e, por outra, reactivar o sector, readaptalo e preparalo para a recuperación dos mercados e ás necesidades que demanda tras o estado de alarma".