As bandas de música protagonizarán o Serán`02
xuño 17, 2019
A segunda xeira do Encontro Galego de Cultura Popular Serán reunirá 550 intérpretes de bandas de música de toda Galicia. Logo de se dedicar o ano pasado ao baile tradicional, esta iniciativa desenvolverase entre o 28 e o 30 de xuño cun intenso programa que inclúe a actuación especial A dúas bandas, que reúne as dúas únicas bandas municipais profesionais de Galicia, as da Coruña e Santiago de Compostela. O proxecto deixa tamén un oco para a danza tradicional coa iniciativa Baile Irmandades da Fala que reúne na Praza Central da Cidade da Cultura as bandas de Lalín, Valladares, Santa Cruz de Rivadulla e a Lira de Ribadavia, coas charangas tradicionais de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos nunha convocatoria aberta. Un concerto da Unidade de Música do Terzo Norte de Infantería de Mariña de Ferrol, así como recitais de diferentes formacións poderán verse na Cidade da Cultura no marco desta iniciativa.
En paralelo, está en marcha Música no Camiño, proposta da Federación Galega de Bandas da Música que, co apoio da Xunta de Galicia e do Xacobeo leva á Praza das Praterias de Compostela actuacións dunha vintena destas formacións entre xuño e agosto. A Lira de Ribadavia, Unión de Guláns, Banda Artística de Merza, Banda de Música da Vertula ou a Banda de Música Isabel II de Touro son algunhas das que tocarán en vindeiras datas no seo deste programa.