Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Cantos na Maré explora novos públicos na súa reformulación

O XIV FESTIVAL INTERNACIONAL DA LUSOFONíA CELEBRARASE EN PONTEVEDRA DO 11 AO 14 DE OUTUBRO

Cantos na Maré explora novos públicos na súa reformulación

MISCELáNEA | setembro 20, 2018

imaxe non dispoñible

Catro días de programación, novos espazos e cambio de datas do inverno para o comezo do outono. A XIV edición do Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré presentábase esta mañá en Pontevedra a adiantar grande parte do seu cartel. A cidade do Lérez acollerá do 11 ao 14 de outubro vindeiros as actuacións do evento que se desenvolverá en diferentes espazos e contará ademais con proxeccións de cinema, actividades para crianzas ou obradoiros. Teresa Salgueiro, Chico César, Mercedes Peón, as rapeiras lusas Capicúa e Eva RapDiva, xunto coa galega Wöyza; Throes & The Shine, Selma Uamusse, Bia Ferreira, Cesaria Evora Orchestra, o proxecto Coladera do brasileiro Marcos Suzano ou o músico e poeta caboverdiano Mário Lúcio son os primeiros nomes confirmados.

A eles engádese un espectáculo de clausura no que participarán varios destes artistas xunto aos integrantes do proxecto Ath-Thurdá, impulsado polo Concello de Évora con músicos como Kepa Junkera, Antonio Bexiga, Beatriz Nunes, Carlos Menezes ou Celina da Piedade. Segundo anuncia a organización, o festival "quere atravesar máis mares, deixarse alumear por máis lúas e espallarse a máis mundos. Coa música como gran nexo, desde a música de raíz ás músicas urbanas pasando polas voces corais e a polifonía, mais sen renunciar a outros contidos como a gastronomía, a narración oral ou a danza".